Juan Rodríguez, adestrador do Racing Villalbés

Juan Rodríguez (Racing Villalbés): «Do que máis orgulloso me sinto é do grupo que temos»

Parece complicado pensar que o Racing Villalbés pode chegar a ser o equipo revelación da Terceira RFEF por ser un histórico da categoría. Mais despois dun gran número de baixas e facer poucas fichaxes no mercado, están situados na segunda posición da táboa. Juan Rodríguez, o seu adestrador, é debutante na categoría, pero conseguiu que un gran grupo de moitos anos amose toda a súa solidez. Aos Santomé, Vérez, Make ou os irmáns Varela uniuse un Pablo Trigo que está a ser un dos grandes descubrimentos da categoría.

Futbolinlugo: É un pouco raro pensar que o Racing Villalbés é o equipo revelación, pero o que está claro é que sodes unha das gratas sorpresas da campaña.

Juan Rodríguez: «Si a verdade. A principio de tempada falamos todos de que tiñamos oito baixas e só dúas incorporacións, indo a algún partido dez do primeiro equipo. Creo que, ata o momento, a nota do equipo é moi alta porque estamos rendindo ao máximo nivel».

FIL: Especialmente, tedes moi boas xeiras sen coñecer a derrota. Estades conseguindo unha solidez de resultados moi importante nesta competición.

JR: «Eu son da idea de que cando tes malos días é moi importante non perder. Pese a que pode ter diferentes sabores, vas sumando máis puntos e nunha liga tan igualada valórase moito. Desde o inicio falamos cos xogadores sobre que o Racing Villalbés ten que ser competitivo todos os días e ese é o noso obxectivo. Ata o de agora, creo que as cousas nos están saíndo moi ben con este plantexamento».

FIL: A principio de tempada falabamos dese núcleo que hai no vestiario de xogadores veteráns, que vos están aportando?

JR: «Temos a vantaxe de que todos eles transmiten moi ben o que é o Racing Villalbés aos novos. Xogadores como López, Make, Vérez, os Varela, Buyo ou Santomé inculca un xeito de competir. Melloramos moito en saber estar nos partidos e o maior exemplo é contra o Silva. Un rival que está no descenso e non tivemos nerviosismo por non ir gañando. O que mellor dan é ese saber competir».

«A Trigo vénlle moi ben o Racing Villalbés e viceversa»

FIL: Un xogador que impresiona a todos é Pablo Trigo, un dos máximos goleadores da Terceira RFEF. Como estás vendo a súa tempada?

JR: «Con tan poucas incorporacións, o que tiñamos claro era que non podíamos fallar nas fichaxes. Era máis descoñecido na provincia, pero fixemos un bo traballo á hora de informarnos sobre el. Ten unha grandísima proxección e creo que está nunha situación na que a Pablo Trigo lle vén moi ben o Racing Villalbés e viceversa».

FIL: Todo iso estase a notar cos resultados e coa forma de xogar do equipo. Cres que a intensidade que queres transmitir e a verdadeira chave?

JR: «O innegable é que destacamos pola solidez defensiva. Para iso necesitas moi bos xogadores e que estén dispostos a poñer o seu talento a disposición do equipo. Temos un grupo moi humilde, traballador e que prioriza o colectivo. Do que máis orgulloso me sinto é de que todo o mundo deixa en último plano o individual».

FIL: Agasallastedes moi boas tardes de fútbol á vosa afección, coma ante o Compostela ou o Arosa. Como está respondendo a afección?

JR: «Eu son dos que cre que no fútbol miramos demasiado as metas en vez de quedarnos co proceso. Hai que desfrutar o camiño e non sei onde imos acabar. Hai encontros como os que citas ou chegar segundos ao Nadal que nos dan dereito a desfrutar. Nunca mirei metas, porque son consecuencia do día a día, pero hai que celebrar as vitorias e os pequenos momentos que lle demos á afección».

FIL: Que lle pides aos Reis Magos de cara a segunda volta? Entendo que poden ser menos lesións.

JR: «A verdade é que é un dos principais. Na primeira volta tivemos moitas. Estou moi contento cos xogadores do filial e do xuvenil, que co seu esforzo xa levan cinco titularidades, algo a destacar na Terceira. Espero que todos esteamos dispoñibles porque así traballamos de 11 a diario. A partir de aí, espero que poidamos chegar ao máis alto posible».

Juan Rodríguez (Racing Villalbés): «Do que máis orgulloso me sinto é do grupo que temos»

A 2ª sur ponse ao día: está