O Rácing Vilalbés iniciará unha nova etapa na vindeira tempada coa chegada de Juan Rodríguez ao banco da Madalena. Chega en substitución de Alberto López e cun equipo que vén de disputar a promoción de ascenso. O novo adestrador do club da Terceira RFEF foi durante a tempada pasada o coordinador da canteira e ten coma aval 6 anos dentro do clube e ademais a súa estadía en Santaballés, Chantada ou Antas entre outros.
Futbolinlugo: Como chega a oferta para ascender ao primeiro equipo?
Juan Rodríguez: «Sucedeu moi rápido. No momento no que non hai acordo entre o club e Alberto López comunícanme que para o proxecto do ano que vén pensan que son a persoa indicada e pregúntanme se quero dar o paso. Eu penso que é un bo momento porque levo anos no Rácing Vilalbés, estiven en diversos postos e coñezo a moitos xogadores do cadro. En un par de días xa pechamos todo».
FIL: É unha oportunidade que lle chega a un home de clube. Que é para ti o Rácing Vilalbés?


JR: «Esta vai ser a miña sexta campaña en Vilalba e inda que non sexa de aquí considérome un chairego máis. Éun reto que afrontas con ilusión, pero tamén coa responsabilidade de saber que tes detrás e a xente que apoia ao clube. É algo que os adestradores sempre temos, pero todavía máis cando chega nun sitio onde te sintes parte del».
FIL: Que cres que lle podes aportar ao equipo?
JR: «Creo que afronto o reto con ilusión pero coas ideas moi claras. Levo 19 tempadas adestrando e teño unha experiencia na xestión dos grupos. Independentemente da categoría e da idade teño unha traxectoria no fútbol que me fixo xestionar a moitos tipos de persoas. Creo que teño un bagaxe bon e que por traballo e dedicación non vai faltar. A partir de aí non son capaz de valorar, pero si darei ilusión e convencemento.»

«O Rácing Vilalbés quere xogadores que peten á porta»
FIL: Que Rácing Vilalbés esperas que vexamos na próxima campaña?
JR: «Vai ser un ano con certos cambios. Desde o clube quérese impulsar á xente da casa, por suposto mantendo a base do que foi o equipo a tempada pasada. Estas serán semanas de moito traballo, pero queremos ter unha base e aportar xogadores da base para que se manteña o sentimento de pertenza que caracterizou ao equipo e que predican xogadores coma Make, Vérez, López, Javi Rey ou Javi Varela que son homes de clube. Queremos que haxa xogadores que peten á porta coma Cadra este ano. Todo sen olvidarnos de competir e de continuar a ser ambiciosos».
FIL: Xa vos poñedes algún obxectivo ou esperades a que comece a pretempada?
JR: «Falar de obxectivos sen plantel paréceme máis vender fume. Dende o corpo técnico imos transmitir toda a ambición do mundo. Cando comecemos o traballo diario teremos unha idea clara, pero temos que ir paso a paso e configurar o mellor plantel posible para que o Rácing Vilalbés acade a mellor posición».
FIL: Cal vai ser a influencia da base na planificación da tempada?
JR: «Eu son dos que cre que os xogadores da base para saber se valen necesitan oportunidades, e a mesma vez que estas non se regalan e necesitan merecemento. O clube quere facer un plantel curto que vai permitir que os xogadores da base estean no traballo diario dende o comezo. Loxicamente polo meu anterior traballo sei o que nos poden dar, pero estará nas súas botas a cabida que van ter dentro do equipo. Potenciar o da casa non significa desprezar o que vén de fóra, xa que houbo xogadores que deron moito e que se sentiron identificados co Rácing Vilalbés desde o comezo».
FIL: Agora no teu antigo papel de coordinador da canteira chega Michi. Xa puideches falar con el?
JR: «Si, xa estivemos reunidos. Somos un club moi familiar entre todos que formamos parte del. Faciliteille todo o meu traballo previo destes anos. A partir de agora estou a súa disposición, pero as decisións tócanlle a el».