#Fútbol afeccionado

José Manuel (Real Tapia): «O fútbol na Mariña deu un paso adiante nos últimos anos»

Falar de José Manuel Martínez Teijeiro (Foz, 1972) é voltar a vista atrás cara unha das épocas máis gloriosas do fútbol lucense en xeral e da Mariña en particular. Defendeu a portería, entre outros de Foz, Burela, Racing Vilalbés ou Xove Lago, co que estivo preto de acadar o ascenso á Segunda División B. Xa nos banquiños foi quen de lograr un ascenso a Preferente co Xove Lago ou pelexar por subir a Terceira co Viveiro. Nos últimos anos dirixiu ao Lourenzá e Iberia e desde o 2023 cruzou as nosas fronteiras para facerse cargo doutro histórico como é o Real Tapia asturiano, que actualmente milita na Terceira Asturfútbol.

Falamos con José Manuel do seu actual equipo, así como da situación do fútbol mariñán e da súa historia como xogador e adestrador.

FUTBOLINLUGO: Como afrontas a túa terceira temporada no Real Tapia?

JOSÉ MANUEL: Con moita ilusión, como sempre. Cando cheguei a Tapia o equipo viña de descender e collémolo practicamente sen xogadores. Afrontamos a temporada cunha plantilla moi curta e sempre completando a convocatoria con xuvenís. O ano pasado fomos quen de confeccionar un cadro de xogadores máis amplo, pero tivemos unha plaga de lesións que aínda hoxe arrastramos que nos lastraron. Pero o ADN do Tapia é moi competitivo e seguro que faremos unha boa temporada. Teño a sorte de estar rodeado de tres grandes capitáns, que son Matelo, Lente e Álex e ata a temporada pasada Chus. Son xogadores dos de antes, que non fallan a un adestramento e que se preocupan polo bo funcioanamento do grupo en todos os aspectos.

Matelo, capitán do Tapia e ex xogador do Sporting Pontenova e Ribadeo

FIL: Cal é o obxectivo do club para a nova campaña?

JM: O obxectivo é acadar unha praza no play off de ascenso. É a ilusión coa que partimos. O ano pasado estivemos preto, pero non foi posible, e confío que neste ano que empeza o logremos.

FIL: O Real Tapia é un club con moita historia no fútbol asturiano, militantando en Terceira RFEF non fai demasiados anos. Que lle falta ao club para volver a ese nivel?

JM: Creo que é algo natural polo que todos os clubs pasan ao longo da súa historia. Vémolo na Mariña, por exemplo co Xove Lago, un equipo cunha gran historia detrás que agora está nunha categoría máis baixa. Non son coñecedor dos motivos exactos do descenso do club, xa que vou facer aquí a miña terceira temporada, pero seguro que son múltiples. Tapia conta con moi bos xogadores actualmente en etapa xuvenil, pero non xogan aquí, senon que o fan no Oviedo, Avilés ou mesmo no Covadonga, entidades cunha base moi forte. Xuvenís de segundo ou terceiro ano dese nivel poderíannos impulsar o equipo de rexional e non os temos. A maiores atopámonos coa dificultade de fichar xogadores. Non hai demasiados xogadores no occidente de Asturias e hai bastantes equipos, polo que sempre estamos uns equipos sacándonos futbolistas aos outros.

De todolos xeitos, noto que o Real Tapia é equipo moi respetado cando imos a outros campos. Na Xungueira perdeu o Real Oviedo cando militaba en Terceira non fai demasiados anos. Confiemos confeccionar este ano unha plantilla competitiva para intentar dar o salto de categoría.

FIL: Os conxuntos mariñáns non acuden ao mercado de fichaxes ao occidente de Asturias, sendo este natural por proximidade xeográfica. Cal cres que é o motivo?

JM: Son varios motivos. Un é o económico e outro é a proximidade e as amizades. Salvo o Ribadeo, que é o que está máis cercano e ten máis potencial económico, para o resto de conxunto é difícil. Se o proxecto non é moi potente a nivel económico ou deportivo o futbolista prioriza xogar o máis preto posible da casa e cos seus coñecidos e amigos.

FIL: Malia estar centrado no fútbol asturiano nos últimos anos, que é o que máis te sorprende no fútbol lucense?

JM: Creo que deu un baixón, sobre todo a nivel afección fai dez anos aproximadamente, pero paréceme que se está a recuperar un pouco. Xa non falo polos trofeos de verán como o Enma Cuervo que estivo abarrotado, o Vila de Foz ou os que se fan en Viveiro. Ao final todos estamos cansados de ver fútbol pola tele, pero vólvenos gustar ir aos campos. A nivel afeccionado creo que o fútbol na mariña deu un paso adiante e hai clubs nos que se está a traballar moi ben, os adestradores cada vez están máis preparados e as directivas son conscientes de que se necesita máis material para adestrar. Lonxe de ir cara abaixo penso que está remontando.

FIL: Varios equipos están apostando pola canteira, por exemplo o Burela, que vén de ascender a Preferente cunha maioría de xente da casa. Paréceche que é o modelo axeitado?

JM: Si, é o ideal. Por exemplo, para acadar o que acadou o Burela é preciso contar un número amplo de rapaces na base e ter unha directiva que aposte por ese modelo con paciencia, pero sobre todo é fundamental contar cun sentimento de pertenza. Cando esto último sucede é moi complicado que te vaias aínda que chegue unha oferta interesante, pelexas cada balón como se fora o último…

Tamén está a traballar moi ben nese sentido o Lourenzá. Creo que é un espello para a Mariña e o resto da provincia o ben que se fan as cousas nun pobo tan pequeno. Manteñen ademáis un equipo en Primeira Futgal fundamentalmente con xente da casa.

No caso do Ribadeo, logo de anos sen apostar pola canteira, vemos como agora volve a confeccionar un cadro de xogadores con varios futbolistas da canteira, ou que retornan tras formarse alí.

FIL: Con que momento te quedarías como adestrador?

JM: Coa miña primeira temporada no Xove Lago na que conseguimos o ascenso a Preferente e proclamámonos campións sen perder un partido. Son os teus comezos no banquiño e márcante, sobre todo se logramos facer unha temporada de récord.

Considero que fun moi feliz en todos os sitios nos que adestrei. Incluso no Burela, no que deportivamente non saíron as cousas, pero sentinme querido pola directiva. Logo no Lourenzá, onde estiven dúas temporadas, nunha delas fomos o mellor equipo da Mariña en Primeira e en Cabreiros tamén fixemos moi boas temporadas.

No Viveiro fomos quen de xogar unha fase de ascenso a Terceira logo de moitos anos sen facelo, cunha maioría de xogadores da zona, do que me sinto moi orgulloso. No Iberia logramos construir un gran equipo e no último ano chegamos a xogar a final da Copa Deputación e caemos na fase de ascenso nos penaltis. No Valadouro tamén estiven moi ben . . . a verdade é que estiven contento en todos os sitios nos que estiven.

No fútbol base, o ano pasado acadamos o ascenso con infantil do CD Foz, feito que me deu moita alegría, xa que gústame moito traballar con nenos e o club levaba moitos anos sen ascender.

FIL: Tamén formache parte da base dun club cunha estructura profesional como do Club Deportivo Lugo. Como foi a experiencia?

JM: É diferente xa que tes unha metodoloxía de traballo moi marcada. Foi moi positivo para min, porque malia a levar dezaoito anos adestrando, sírveche para aprender moito. Tiven como compañeiro ao comezo a Bruno Cabaleiro, que era o cordinador para a Mariña, posto no que quedei eu posteriormente. Contas con futbolistas de moita calidade, como Pablo Rubal, que xa debutou no primeiro equipo e agora está cedido no Bergantiños, ou rapaces que xa están na dinámica do filial como Lucas Suárez ou Martín. Xavi Iriarte agora está no filial da Ponferradina . . . había moita calidade. Ademáis traballar con persoas como Jose Seoane ou Diego Sánchez foi unha maravilla, xente con moita calidade humana. Ao entrar David Páez prescindiu do proxecto que había na Mariña. É algo que hai que asumir, pero non descarto volver a formar parte do CD Lugo.

EN CURTO . . .

Un partido. a fase de ascenso a Segunda B co Xove Lago contra o Marino de Luanco. Tamén me marcou a eliminatoria contra o Rápido de Bouzas que xoguei co Foz para ascender a Terceira.

Unha parada. Lembro unha parada, sería en infantís, nun penalti que parei e detiven logo tres rexeites, pero houbo tantas que é difícil.

Un compañeiro. Tamén é difícil, pero quédome con Casti, do CD Foz.

O dianteiro máis temido. Marcos Suárez, un futbolista que xogou no Lugo ou no Arteixo, entre outros.

Un adestrador no que te fixes. Intento aprender de todo o mundo, pero quédome con Iago Iglesias, que ademáis é amigo. Creo que ten cualidades para chegar a primeira división.

O mellor xogador ao que adestrache. Rego do Viveiro, era un gran central. Tamén Rubén Pardo, que chegou ao Viveiro tras un longo parón por lesión.

O que che gustaría acadar nos banquiños. Non son moi ambicioso, nin na vida nin no deporte, polo que ao que aspiro é a sentirme valorado no club no que estou e que os xogadores consideren que aprenderon algo.

Foto de portada e texto: Facebook Real Tapia (Javier Álvarez).

José Manuel (Real Tapia): «O fútbol na Mariña deu un paso adiante nos últimos anos»

Fabio: «A retirada era algo que xa

José Manuel (Real Tapia): «O fútbol na Mariña deu un paso adiante nos últimos anos»

José Manuel (Real Tapia): «O fútbol na

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *