O Guitiriz vivirá esta tempada un cambio importante sobre o que están acostumados nas últimas tempadas. O que era o seu capitán pasa agora a ser o seu adestrador. Un paso importante para José Manuel, unha persoa con gran influencia no fútbol lucense e que formou parte desta aventura que xa ten dez anos de vida. Un pioneiro que agora ten a responsabilidade do banco do equipo da súa vida nunha Segunda Futgal sempre igualada.
Futbolinlugo: Como tomas a decisión de pasar de xogador a adestrador no Guitiriz?.
José Manuel: «Foron varios factores os que propiciaron isto. O ano pasado estiven de segundo adestrador no Rácing Villalbés B, o que non permitía xogar todos os partidos. Evidentemente adestraba porque me encanta, pero xogar era secundario para min. Este ano deuse que me propuxeron o lugar aquí e non puiden renovar como segundo en Vilalba, cos que estou moi agradecido no tempo no que estiven. Polo meu traballo non puido ser a continuidade. A proposta de aquí era moi boa, sobre todo porque xa adestrei nas inferiores á maioria».
FIL: Pasando un pouco pola túa etapa de xogador, que recordos che veñen de todos estes anos?.



JM: «Non son moito de momentos concretos porque ao final o que máis valoro é o día a día, todos os adestramentos que puiden completar, que é o que máis me gusta e é o que quixen transladar aos compañeiros. Se me teño que quedar con algo, teño claro que é a fase de ascenso contra o Cospeito en Guitiriz. Non tanto porque ao final fora ese tipo de encontro, senón porque nunca vin tanta afección no noso campo. Quedou polo seu significado para todo o cadro. É algo que non pasa todos os días. Veñen á mente a xente que xa non está, coma meu pai ou outros directivos. Son moitas emocións».

FIL: Es unha persoa que deixou unha pegada moi fonda como xogador e tamén noutras faceetas, coma dentro do noso proxecto cunha gran influencia. Con que te quedas da proxección do fútbol lucense?
JM: «Quédome con toda a xente. Creo que o fútbol, se algo me deu, foi coñecer a moitas persoas e iso ao final enriquece moito a un. Nos momentos máis complicados daste conta de que o que parece que é só un deporte é moito máis que eso. A xente coa que coincidín e coa que vas atopando é o principal. Creo que son un apaixoado do fútbol afeccionado e considero que hai que axudar a que poida ir mellor en todo o posible e poñéndo en valor o labor de persoas que moitas veces fan un traballo invisible para que esto siga adiante».
«O primeiro equipo ten que ser un espello para a base do Guitiriz»
FIL: Agora vivirás unha nova etapa de adestrador en Guitiriz. Que vos vai caracterizar de cara á vindeira tempada?
JM: «Eu o que entendo é que temos que ser coherentes coas nosas ideas. Se desfrutei de algo como futbolista é o día a día, así que será a miña prioridade. Daremos o pasos que poidamos para ter unha boa semana de traballo e de disfrute e ir cimentando todo o que poidamos conseguir. Todo dependerá do que poidamos traballar. Estamos nuns contextos determinados, pero penso que son compatibles. Temos que darlle a importancia que ten e fomentalo nun club que ten base e que ten que ver que o primeiro equipo é un espello para eles. Os obxectivos van máis en fomentar o produto local que nos resultados».
FIL: En canto a estilo, que ideas queres manter no Guitiriz?
JM: «Creo que aquí hai que conxugar todo. Eu entendo que a miña idea é ser un marco do que partamos, pero ao final está condicionada por moitos factores como os xogadores ou a competición. Vai ser ir construíndo a partir da miña idea. Temos que intentar desfrutar, pero evidentemente sendo competitivo, o que é fundamental. Os xogadores teñen que ser un equipo competitivo e con enerxía e ilusión por xogar e despois ir metendo pequenos matices no tempo que temos que nos axuden a afinar o traballo semanal, onde lles daremos os máximos recursos. Queremos protagonismo, pero hai que ver aos rivais».