Jorge e Brian, do Santa Comba ao Matela

A sexta xornada da Segunda Futgal trouxo cambio de cromos. Jorge e Brian, ata o de agora xogadores do Santa Comba ficharon no Matela. Jorge ademais estreouse con gol.

O Folgueiro é líder en solitario no norte, mentres que o San Roque, tras non gañar por primeira vez no curso, comparte o liderado co Becerreá. Repasamos o máis destacado da pasada fin de semana en #ONoso11AChaira.

O Folgueiro exerce de líder

O Folgueiro é o primeiro clasificado da zona norte. Suma 14 puntos de 18 posibles. Non perde no que vai de liga e na última xornada superou ao Riotorto (3-1)

O encontro estivo igualado no primeiro tempo. Os goles non chegaron ata a segunda metade. O conxunto visitante marchou moi amolado coa actuación arbitral pola maneira de dirixir o xogo e tamén polas accións polémicas que, entenden, debían ser ao seu favor. 

Oki por dúas veces e Iago anotaron para o Folgueiro. Antón Carro marcou para o Riotorto. Despois, o central foi expulsado nos útimos intres do xogo. 

Desta maneira, o Riotorto sufriu a primeira derrota da tempada. Queda na quinta posición con 11 puntos

O Goiriz, revelación no inicio

O cadro vilalbés suma credenciais ao gañar no sempre complicado campo da Granda ante a Candelaria (1-2). O Goiriz acumula 13 puntos. Recuperouse ben da súa primeira e única derrota, porque xa volveu enlazar dous triunfos seguidos. 

Pola súa parte, a Candelaria queda con 10 puntos e corta o seu bo momento. 

O Goiriz foi superior en casa de fóra. Adrián Vizoso puxo por diante aos seus. Non obstante, a Candelaria foi capaz de igualar o resultado mediada a primeira parte. O burelao Manu Martínez anotou. Gran estado de forma o seu, tras anotar catro no derbi co Sanci. 

Os visitantes seguiron dominando no segundo tempo. Vizoso volveu marcar. Con todo, non sentenciaron o encontro e os locais puideron igualar cun lanzamento o pau. 

A docena do Cabreiros

Os pupilos adestrados por Saúl Méndez gañaron catro encontros de seis. Venceron con claridade (4-0) a un Castroverde que aínda non puntuou. O conxunto verde é o último clasificado con 2 goles a favor e 22 en contra. 

Os locais tiveron controlado o partido na maior parte do tempo. Tras un inicio equilibrado, Chema puxo por diante aos seus. Tivo o seu momento o Castroverde ao inicio do segundo acto, pero non puido bater a portería rival. 

A partir de aí, máis ocasións do Cabreiros e sentencia total. Chema completou o seu dobrete e Sergio Hermida fixo tamén o seu. 

Celta Barreiros, Pastoricense e Alfoz, candidatos na zona media alta

O Celta Barreiros é 4° con 11 puntos, tras empatar co Casás (2-2). Con tan só un encontro perdido, os pupilos de Adri Marrube manteñen a boa liña. Pola súa banda, foi o segundo punto do curso para un Casás máis recoñecible nesta sexta xornada. 

Ao cuarto de hora do inicio, os visitantes desaproveitaron a opción de adiantarse no marcador. Lanzaron un penalti que petou no poste

Esta situación deulle ás os locais, que se puxeron por diante por medio de Lucas. Minutos despois, apareceu o gran protagonista da semana anterior para facer das suas. Rocky gañoulle as costas aos defensores locais e marcou o segundo. Suma 11 goles no que vai de campaña. 

Con todo, o Casás foi capaz de anotar antes do tempo de lecer por medio de Maira.  Á volta dos vestiarios, empurraron os visitantes. Foi nunha acción polémica onde chegou o empate. Os locais din que evitan que o balón traspasara a liña de gol, pero o colexiado validou o tanto de Luis Carballal

O Pastoricense recuperou as boas sensancións logo de dúas derrotas. Venceu con claridade ao Sanci (6-1), que non mellora o seu comezo de tempada e fica na penúltima posición cun punto. Polo momento, sen adestrador tras a saída de Javi Ruiz. 

Os locais comezaron moi ben no Acebreiro. Dominaron e xeraron ocasións. O primeiro gol chegou na metade da primeira parte. Cristian puxo por diante aos seus. Antes do descanso, Edu ampliou á vantaxe co segundo. 

A tónica do xogo repetiuse no segundo acto. Nunha gran xogada coral, Cristian marcou outro. Cos tantos de Borja Corbelle e Goás, o Pastoricense mandou por 5. 

O Sanci sacou á honra para marcar o seu gol, obra de Raphinhal. Despois, os locais completaron o resultado cun gran gol dende uns 40 metros autoría de Raúl Ramos. 

O Alfoz é, xunto co Folgueiro e o Guitiriz, un dos equipos que non perde no grupo. É sétimo con 10 puntos. Tras catro empates seguidos, venceu a domicilio ao Sporting Pontenova (1-4).

O equipo local, na estrea de Lucas Cabana na casa como primeiro adestrador, sufriu a segunda derrota da campaña. Queda con 8 puntos, enganchado a zona media alta da táboa clasificatoria. 

O ex xogador do Sporting Pontenova Manu Soto marcou para o Alfoz nada máis comezar o partido. Mediada a primeira parte, Marcos igualou para os locais nun tramo no que foron mellores. Con todo, Manu Soto anotou o segundo para ir o Alfoz con vantaxe ao descanso. 

Indo por diante, o Alfoz controlou máis o segundo tempo e sentenciou ao final cos tantos dos irmáns Víctor e Pablo

Empate no duelo de proximidade entre o Guitiriz e o Xermade

O Guitiriz e o Xermade exhibiron as súas capacidades e igualaron (2-2) no Suso Cruz. O Xermade con 9 puntos e o Guitiriz con 8, seguen na zona media da clasificación e unidos á parte alta. 

O cadro guitiricense é o equipo que máis empata. Tras vencer ao Meira na primeira xornada, conta os outros cinco partidos por igualadas. 

O guitiricense Pedro volveu marcar ante o seu ex equipo e puxo por diante ao Xermade. Con todo, o Guitiriz empatou aos poucos minutos por medio de Roi Rivera a pase de Labrada. 

No segundo acto, ambos equipos gozaron de oportunidades. Avanzada a metade, Labrada logrou a remontada momentánea para os locais logo dunha asistencia de Antón. Non obstante, antes do tramo final do encontro, Andy anotou o empate para o Xermade tras unha xogada embarullada.

O Meira en forma na estrea de Jorge co Matela

Logo dun inicio dubitativo nos resultados, o Meira enlazou o segundo triunfo do curso. Superou ao Matela (1-2) na súa primeira vitoria a domicilio e marca distancias coa zona baixa. Precisamente o Matela é quen encabeza ese corte. Queda na 13ª posición a cinco puntos do seu rival.

Brais Pin puxo por diante ao Meira nos primeiros intres do xogo. Aínda así, foi un encontro igualado, no que o Matela tivo opcións para empatar na primeira metade. Mediado no segundo tempo, Seixosmil anotou o segundo. 

Aos poucos minutos, Jorge recurtou distancias na súa estrea co Matela. O dianteiro de orixe colombiana pasou de golear no Santa Comba, do grupo da zona sur, a facelo no norte. Jorge afrontaba a súa cuarta temporada no club do Tras do Novo. Nesta temporada xogara alí catro partidos e marcara xa dous goles. Chegou ao club de Outeiro de Rei xunto a Brian, que tamén procede do Santa Comba. 

O Becerreá iguala na cabeza co San Roque

O San Roque deixa en cinco o seu número de vitorias seguidas. Non obstante, mantense invicto ao igualar co Sober en Centeás (1-1). O cadro de Sober sumou o seu segundo punto da tempada e, polo momento, ocupa a penúltima praza da clasificación. 

O conxunto soberés púxose por diante no marcador por medio de Martín. Nun penalti, o San Roque empatou antes do descanso. No segundo tempo, ambos equipos gozaron de oportunidades, pero o marcador non se moveu. 

Catro vitorias seguidas enlaza o Becerreá. Venceu 3-1 ao Monterroso B e cólocase segundo con 16 puntos, os mesmos que o San Roque. Foi a primeira derrota do filial monterrosino, que aínda ten un partido pendente de xogar. 

O filial púxose por diante cedo, nun remate de Carlos coa cabeza. Cambiou o encontro no segundo tempo, cun Becerreá que atopou o camiño dos goles. O Monterroso B desperdiciou as súas, e o Becerréa igualou, remontou e acabou marcando o terceiro.

O Santa Comba na liña do curso anterior

A fenda entre os primeiros e o terceiro é de catro puntos. Esta posición con 12 puntos é ocupada polo Santa Comba. Uniu a súa terceira vitoria consecutiva ante o Antas (0-3). O equipo do Castro Seoane rexistra dúas derrotas, logo de comezar moi ben o curso. 

Gran inicio do encontro dos visitantes. Lograron tres goles nos primeiros minutos. Núñez, Jorgito e Leandro foron os autores. Para máis inri, o Antas perdeu a Vicente por expulsión antes do descanso. 

Sacou orgullo o cadro local no segundo tempo, con máis carácter intentou recurtar distancias, pero o acerto non estivo do seu lado. 

O Lemos B vence no trepidante duelo de filiais

Xa que levamos unhas tempadas sen derbi Sarria – Monforte no fútbol sénior, chegaron os filiais para manter a viveza dos grandes partidos. O Lemos B resultou vencedor deste primeiro duelo oficial da historia coa Sarriana B (4-3). A terceira vitoria da temporada deixa ao filial lemista con catro puntos máis que o seu rival. 

Encontro de ti a ti con moitas alternativas. Ao redor do minuto vinte, Baralla marcou o primeiro para a Sarriana B. Con todo, antes do descanso o Lemos B logrou a remontada cun gol en propia porta e cun tanto de Dani Blanco

No segundo tempo, o lateral Dani Blanco marcou o segundo a nivel particular e ampliou vantaxe para aos seus. A Sarriana B nunca baixou os brazos. Baralla repetiu tamén como goleador e marcou o segundo. 

Nico Ferreiro volveu poñer distancias ao redor do minuto 75. O filial de Sarria seguiu insistindo e marcou o terceiro por medio de Brais Lodi. Na recta final, buscaron un empate que non chegou por moi pouco. 

A metade dos equipos empataron

Ademais do Sober 1-1 San Roque, tamén finalizaron con igualada no marcador o Paradela 0-0 O Páramo, o Friol 0-0 Chantada B e o Ferreira 3-3 Portomarín. 

O Páramo é sexto con 8 puntos, ao sumar o seu segundo empate do curso. Non houbo goles no derbi co Paradela, que é antepenúltimo con 5 puntos. 

O encontro estivo igualado. O Paradela puido marcar no primeiro tempo e o Páramo tivo as máis claras no segundo acto.

Tras dúas derrotas, o empate sábelles a pouco tanto ao Friol como o Chantada B. Ambos quedan na zona media, algo máis baixa no caso do cadro friolés con 5 puntos. 

Principalmente, o empate sábelle a menos ao Friol, que tivo as mellores ocasións. Entre o pau e a boa actuación do gardamallas visitante Manu, non logrou marcar. O filial mantivo a súa seriedade en defensa, pero faltoulle moita máis claridade na zona de ataque.

O Portomarín e o Ferreira tamén quedan equilibrados na táboa clasificatoria, 6 e 5 puntos respectivamente. Todo despois de xogar un encontro con alternativas e moitos goles (3-3). 

O Portomarín tomou vantaxe de dous goles no Baliño grazas a un dobrete de Fran Cid, con especial beleza o primeiro. Con todo, o Ferreira igualou no primeiro tempo por medio dos tantos de Fagín e Gonza

No segundo acto, os locais chegaron a lograr a remontada momentánea. Florines que saíu dende o banco, marcou o terceiro para o Ferreira no segundo tempo. Con todo, aos poucos minutos Seijas igualou o encontro para o Portomarín. 

A primeira de 3 para o Palas

O Palas logrou o primeiro triunfo da tempada e queda de 10° tamén con seis puntos. Venceu a un San Lázaro (0-3), que é último cun punto.

O cadro palense fixo dano roubando en zonas de perigo. Rodri marcou xusto antes do descanso. No segundo tempo, os goles de Álvaro e Martínez sentenciaron o resultado. 

Jorge e Brian, do Santa Comba ao Matela

Corgo e Quiroga golean e seguen sen

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *