É un día triste para o fútbol lucense, xa que Jairo Campo deixará de xogar no equipo da súa vida, o Burela da Preferente Norte, para pasar ao mundo da música. Son os Galician Army os que firman ao dianteiro para ser a terceira pata do grupo que conforman Alberto Prado e Sergio Vallejo. O vencello coa música do goleador da Mariña é ben sabido, o que lle fixo cumplir un soño e unirse a unha das agrupacións máis recoñecidas do panorama galego.
As negociacións para que Jairo Campo dese o paso foron moi complicadas. Despois de meses de traballo por ambas partes, o contrato firmouse con certas clausulas ineludibles. Jairo Campo pasará a contar cun espazo semanal no Ser Deportivos Lugo, xa que Álex Gato foi unha parte fundamental da negociación despois da súa entrevista no programa a comezos de tempada. O nome do primeiro tema que sacarán é ‘Sangoñedo’ en honor ao ascenso da pasada campaña.
O fútbol en Burela queda en boas mans tras a marcha de Jairo Campo
Ademais, o dianteiro deixa todo ben atado no Burela. Marrube será o seu relevo como novo presidente da institución. A súa primeira medida vai ser facer unha estatua de Jairo Campo ás portas da Marosa, mentres que dentro haberá un busto do ombro que se lesionou na celebración. Ademais, xa hai un agasallo na árbore de Nadal do Burela. Valiño, un histórico da provincia, vai ser o novo portador do número 9.
Unha decisión moi meditada e dura debido á boa situación da táboa do Burela. Na Mariña esperan convocar manifestacións por un movemento tan controvertido como inocente, ao igual que aqueles que se crean esta broma. Pasade un bo Día dos Inocentes e escoitade a Galician Army!

Foto de Galician Army cedida polo membro do equipo e presentador do Ser Deportivos Lugo, Álex Gato.

