A derrota por 2-4 na Marosa ante o San Tirso non empaña que o Burela arrincou a súa volta á Preferente dunha forma moi interesante. Os mariñáns suman catro puntos de nove posibles antes dun derbi ante o Pol que este ano será único na categoría. A situación dos chairegos é diferente, xa que na xornada previa a este encontro sumaron o seu primeiro punto. Un encontro con moitos alicientes e no que se espera un gran espectáculo futbolístico.
Se en todos os equipos hai un líder, no Burela tamén fai como presidente. Jairo Campo é o gran referente dos da Mariña e dos poucos xogadores do equipo que xa estivo nesta categoría. O dianteiro pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do que vai ser o derbi e o inicio da tempada de ambos equipos.
Entrevista a Jairo Campo, do Burela
Ganas de derbi: «Hai moitas. Por desgracia, somos moi poucos equipos de Lugo en Preferente e cada vez vai a menos en comparación con outras zonas que teñen derbis moi a miúdo. Temos que pelear para manternos e que se incorporen os veciños. Chegamos coa motivación de sumar o máis rápido posible, pero somos conscientes da gran diferencia de cadros que hai entre ambos. Queremos demostrar que hai outra forma de facer as cousas no fútbol rexional. Non pensabamos en chegar por diante na clasificación a este derbi».
Sensacións: «Para nós son boísimas. Mantivemos o bloque e comezamos a pretempada en xullo nun centro deportivo. Ante a falta de fichaxes, debido a que económicamente non podemos loitar con outros equipos e temos un proxecto basado na xente de Burela, o único que podemos facer e traballar máis e estamos super motivados debido ao gran inicio que tivemos».



Rapaces novos: «Teñen moita ilusión por xogar. Os maiores buscabamos transmitir unha filosofía e un sentimento de pertenza ao club que eles colleron á primeira. Están demostrando que teñen o nivel necesario para poder competir na Preferente».