#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Jaime Paz: «Non debemos esquecer que o gran obxectivo é a permanencia»

A SD Sarriana afronta a súa segunda temporada en Terceira RFEF e faino coa ilusión de mellorar a pasada. O reto non é sinxelo, xa que, na primeira tentativa os sarriaos lograron clasificarse para o play off de ascenso.

Un dos trocos máis salientables está no banquiño. Jorge Cuesta asinou no Bergantiños de Segunda RFEF e o seu sustituto é Jaime Paz, un vello coñecido do club ao que xa dirixiu nun tramo da temporada 2021/2022. O técnico coruñés pasou pola base do CD Lugo, Deportivo ou Oviedo, ademáis do Vilarreal onde formou parte do corpo técnico de Quique Setién como especialista no balón parado. Tamén conta con experiencia internacional nas seleccións de Bielorrusia e Trinidad y Tobago.

Falamos con Jaime Paz acerca da nova campaña que xa arranca.

FUTBOLINLUGO: Como chega a Sarriana ao debut ligueiro?

JAIME PAZ: Sinceramente creo que chegamos sin a rodaxe que nos gustaría, non xogamos os amistosos previstos por mor da Copa Federación e algún que outro imprevisto e ademáis temos varias baixas importantes como Luis Díaz, Brais, Adri Díaz, e temos a dúbida de Cuadrado. Fóra diso, o equipo chega motivado e con moitas gañas de comezar xa a competición.

FIL: O cadro de xogadores da Sarriana está pechado ou chegará algunha incorporación máis?

JP: Practicamente está pechada. Temos vintedous xogadores e para que chegara algún futbolista novo debera primeiro saír alguén. Non é previsible xa que estamos moi contentos.

FIL: Chegou á Sarriana unha mistura de xogadores, a priori, moi interesante. Futbolistas da provincia, outros que veñen de facer unha gran campaña na categoría e rapaces moi novos.

JP: Como xa che comentaba, estou moi contento cos xogadores. Fomos quen de manter a base do ano pasado tras realizar unha gran temporada e os reforzos son de moi bo nivel. Todos eles son determinantes nesta categoría e moitos deles moi novos con moitas ganas de medrar.

FIL: Será a temporada do teu debut en Terceira RFEF, aínda que xa coñeces a Ribela tras un breve periplo en Preferente. Que agardas desta experiencia?

JP: Estou con moitas ganas, tanto de competir como de axudarlle aos chavales a medrar. É unha experiencia que considero moi positiva para seguir formándome como adestrador. É un reto bonito nunha categoría moi interesante.

FIL: Ademáis de pasar pola base de varios equipos viviche experiencias fóra de España, a máis duradeira na selección Bielorrusa. Con que te quedas?

JP: Todas as experiencias fóra son moi gratificantes e axúdanche a medrar moito a nivel persoal e profesional. A xestión das persoas doutras culturas moi diferentes á nosa, outro idioma . . . Tamén sirve para poñernos en contexto cando estamos aquí. Parece que estamos nunha burbulla, que todo é moi bonito, pero fóra tamén se fan as cousas moi ben e hai moito talento.

FIL: Comezades a liga na Lomba fronte ao Arousa, un dos grandes favoritos para acadar o ascenso. Que partido agardas?

JP: Puiden ver dous encontros da pretempada do Arousa e creo que será un partido moi complexo. Son un equipo moi bo e que se reforzou moi ben e que conta con xogadores moi determinantes, para min doutra categoría. Xogan moi organizados defensivamente e en ataque teñen moito talento con futbolistas diferenciais. A verdade é que nós estamos traballando nun modelo de xogo diferente ao que se pode ver hoxe en día na Terceira RFEF e imos alí con moitas ganas de amosarnos e poder impoñer o noso estilo.

FIL: Cal é o estilo de xogo da Sarriana de Jaime Paz?

JP: Pretendemos ser un equipo dominador, moi vertical con balón e que xogue en campo rival. Queremos recuperar tras perda axiña para evitar situacións de contraataque e de perigo de gol por parte do rival.

FIL: Logo de xogar un play off de ascenso a pasada campaña, este ano o cadro de xogadores conformado convida ao optimismo. É a promoción de ascenso o obxectivo do club?

JP: Polo que falo coa xente do club e tamén no pobo existe moita ilusión, pero debemos ser realistas. O gran obxectivo da Sarriana debe ser acadar a permanencia sen demasiados problemas, e a partir de aí competir cada encontro para quedar o máis arriba posible. É convinte non esquecernos da realidade. Somos un equipo humilde cunha estructura básica, cunha directiva que fai un enorme esforzo por medrar, pero sen perder de vista a permanencia, que debe ser o gran obxectivo.

FIL: Aparte do Arousa, que equipos cres que poden estar na zona alta?

JP: Non me gusta moito falar de probabilidades. Podes facer as cousas moi ben e non ganar e viceverse. Evidentemente hai plantillas e presupostos que deben estar arriba como Arousa e UD Ourense, pero non debemos esquecernos dos Boiro, Noia ou Alondras, que son equipos importantes. Estamos nunha categoría na que hai campos moi bonitos para xogar, pero moi complexos para gañar.

a sarriana 2024-2025

Corpo técnico: Jaime Paz (adestrador), Iván Noé Castro (segundo adestrador), Adriano Sousa (preparador físico), Roberto Díaz (asistente), Nacho (adestrador de porteiros), Roberto Rodríguez (delegado).

Fichaxes: Guitián (Polvorín), Martín (Viveiro), Santi Gegunde (Arousa), Luis Díaz (Somozas), Miguel Raimúndez (Xuvenil Ponteareas), Youssef (Sporting Atlético), Froilán Contreras, Álex Millán (Gran Peña), Piay (Gran Peña), Víctor Arosa (Pontevedra B), Yanike (Trival Valderas) e Vilela (Fabril).

Renovacións: Javi Liz, Valentín, Keko, Jacobo, Brais, Boedo, Cuadrado, Adri Díaz, Maxi, Diego Rey, Sané, Susavila

Jaime Paz: «Non debemos esquecer que o gran obxectivo é a permanencia»

Os 19 equipos da Primeira, a proba

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *