Iván Noé, presidente do Santa Comba

Iván Noé (Santa Comba): «Prefiro ter luz nos vestiarios a ascender»

Unha das grandes figuras históricas do fútbol lucense toma un novo rumbo no Santa Comba da Segunda Futgal. O que fora un dos grandes capitáns da institución embárcase nunha nova viaxe como presidente do club que considera o da súa vida. Ademais, compaxina o cargo co de adestrador asistente da Sarriana, o que lle permite seguir aumentando unha longa carreira nos campos da provincia na que estivo durante moitos anos na base do CD Lugo.

Como chegou a oportunidade de dar o paso de ser presidente?

Levo moitos anos axudando ao club. Fun xogador moito tempo e tamén estiven no banco adestrando. Foi un novo paso que quero aproveitar para que o Santa Comba poida medrar.

Que queredes facer nesta nova etapa?

Teño claro que podo delegar e no ámbito deportivo teño a Yerai e a Álvaro que son os mellores para facelo. O meu vai ser a xestión e o trato coas institucións. Temos claro que queremos seguir en Segunda e ser quen de manter o fútbol na parroquia, que a día de hoxe somos a única no Concello de Lugo en ter equipo. O obxectivo é chegar a 100 socios para ter máis apoios e nun futuro incluso mirar á formación.

«Queiro deixar un legado e que se me recorde por mellorar ao Santa Comba»

Que é para ti o Santa Comba?

É un club humilde onde quero aportar o máximo posible para que poida continuar en boa saúde. Para min significa moito porque è o club da miña vida. Quero deixar un legado e que se me recorde por mellorar todo. Comezaremos polo campo pouco a pouco, onde esperamos xa ir contando as novidades que teñamos.

Como ves ao equipo de cara á próxima tempada?

Creo que imos estar ben,esperemos que poidamos loitar na zona alta da clasificación. Contamos con moitos xogadores que teñen unha gran experiencia en categorías superiores e chegamos ao curso depois dunha pretempada moi boa. Pero non me preocupo moito, prefiro ter luz nos vestiarios a acadar o ascenso. Nese ámbito si que farei todo o posible.

Dase unha anécdota no inicio de tempada que é que ás 17:00 horas serás o asistente do primeiro equipo da Sarriana e logo o Santa Comba debutará ás 20:00 ante o filial. Como o vives?

Para min é moi sinxelo. No comezo axudarei a que estea todo perfecto para a sarriana confiando en que poidamos gañar o primeiro encontro da tempada e logo xa desconectarei para ser presidente. Xa falei con Raúl de que o máis importante é que, ao rematar o encontro, teñamos un bonito terceiro tempo e poidamos tomar algo todos xuntos, que é o máis fermoso do fútbol.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *