Toda a semana dándovos a turra co All Star: cuarta entrega, imaxes das anteriores edicións, entrevistas, expectativas, convocatorias… Por suposto, é información importante. Pero o certo é que o día de mañá é moito máis que iso.
Como ben indicaba o noso Diego Díaz nun Reel de Instagram, o All Star non se restrinxe a dous partidos de fútbol e uns xogos. O evento naceu hai xa cinco anos, antes dunha pandemia que paralizou o mundo, como unha oportunidade de xuntar a todo o fútbol lucense: unha xornada na que se deixan atrás rivalidades e enredos, na que todos os participantes camiñen nunha mesma dirección: celebrar o fútbol lucense.

Pero os participantes non son unicamente os futbolistas e os adestradores que se darán cita no Ladairo. Tamén participas de forma directa ti, que estás lendo estas liñas: afeccionados e simpatizantes de clubes, directivas que fan un traballo impagable na sombra, delegados, colexiados, etc.
Futbolinlugo ten catro redactores: Diego, Marcos, Iván e Santi. Pero Futbolinlugo non son eles, nin moito menos. Futbolinlugo sodes vós: todos os que adestrades ata as 23 nun día de Champions, todos os que enchedes as bancadas da vosa vila un domingo de inverno e todos que poñedes o voso gran de area para que o fútbol da nosa provincia se manteña, auténtico e propio.


De novo, o All Star é un evento para recompensarvos a vós e recoñecervos todo o que facedes polos vosos clubes. As bágoas de Montxo e de Peón en Carballedo, ou as de Sementa en Mondoñedo. O espectáculo que sempre nos ofrece o noso speaker Calaza. A homenaxe a Canti en Burela, un dos nosos para sempre. A presenza de Pili Neira, que emprega o fútbol como ferramenta social.
motivos para vir ao all star
É por vós que organizamos, un ano máis, este evento. Aprendemos de erros de outras edicións e, a pesares de que tamén haberá fallos, temos preparado todo o posible para o día de mañá que sexa unha experiencia irrepetible. Independetemente do altísimo nivel futbolístico que veremos nos partidos.

Non só poderedes ver fútbol mentres Marino vos corta o pelo. Hai moitas máis sorpresas. A nosa Fan Zone terá xogos e música durante toda a tarde, para os máis maiores e para os máis cativos. Nos concursos, como o chutómetro ou a malla de precisión, poderedes emular os vídeos que vedes no TikTok. Haberá unha Food Truck con comida, e tamén un carro de xeados para os máis lambóns.

Haberá sorteos ao longo de todo o día: poderedes levar material deportivo e outras sorpresas para casa. As homenaxes, coma sempre, serán parte do programa. Teredes á vosa disposición un fisioterapeuta e un nutricionista, tanto seareiros como xogadores. E remataremos cunha pequena verbena: música e risas para poñer fin a unha temporada máis xuntos. O noso obxectivo non é outro que vervos desfrutar, deixando atrás escudos e roces.
Nunca vos pedimos nada, e tampouco vos imos insistir máis. Hai motivos de sobra para achegarse ao All Star de Guntín. Contamos con vós mañá. A festa empeza ás 16.30 no Ladairo. Xa veremos cando remata.