A cuarta xornada da Preferente deixou dúas vitorias locais nos duelos provinciais. Lemos e Sarriana gañaron na casa. O encontro de proximidade entre As Pontes e Santaballés finalizou en empate. Mentres que o Escairón perdeu na súa visita ao Betanzos.
Máis aló de resultados, un dos protagonistas indirectos da xornada foi Isma. O xogador do Ribadeo rompeu o tendón de Aquiles no partido coa Sarriana. Un contratempo que lle fai pasar ao capitán polo quirófano este xoves. Nos escasos días que pasaron, Isma trata de asimilar o que lle aconteceu e conta con traballar para volver en plena forma de novo.
«A nivel físico estou bastante ben. Apenas teño dor. Opéranme este xoves. Entendo que no proceso de reucperación será un pouco peor. A nivel anímico si que me afecta máis. Son unha persoa que no día a día móvome moito e agora véxome que son dependente para todo e estou encerrado na casa. Levo uns días pensando e a miña maior motivación agora é sobrepoñerme por algo que me gusta moito que é o fútbol», comenta sobre as súas sensacións.
Segundo Isma a lesión produciuse nunha xogada parva. Incluso nun primeiro momento chegou a pensar que un rival lle dera unha patada sen querer. «Ía correndo cara atrás, saltei e creo que lle cheguei a dar coa cabeza a pelota para desviala. No momento que pousei o pé notei como unha renxedura e unha dor moi centrada nesa zona. No momento que botei a man atrás notei un baleiro. Pensei se sería o tendón ou se sería sóleo. Cando me sacaron do campo todo o mundo dicía que era sóleo. Pero pola miña cabeza xa pasaba que era algo peor», explica Isma.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O defensa é consciente de que lle espera un longo tempo parado. «Con respecto a recuperación os médicos aínda non me dixeron anda. Outros compañeiros que pasaron polo mesmo dinche cinco meses, outros tres meses… dependerá de cada un. O de pensar en seis meses é unha sensación de abismo para min. Así que o que me interesa agora é operarme e despois ver cando será a seguinte etapa. Cando vou poder empezar a apoiar e así seguido, se non a nivel mental custaríame moito máis», destaca o defensa que cumpre este ano a súa undécima temporada no club celeste.
A lesión de Isma fixo pasar a un segundo plano a derrota do equipo na Ribela. O Ribadeo non conseguiu a vitoria nas catro primeiras xornadas. O capitán comenta que é «un momento complicado pero que non se está reflectindo nos resultados todo o traballo que estamos facendo detrás. Virán os resultados que nos merecemos», responde rotundanmente.
«Estannos castigando erros parvos, pero estou seguro que no momento que chegue unha vitoria que nos dea confianza van chegar mellores resultados. Confío plenamente nos futbolistas que están. Somos un cadro de xogadores curto, pero sei que co traballo que están a facer no corpo técnico e as ganas que teñen os compañeiros pódese sacar adiante», argumenta.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Isma aproveitou tamén para dar as grazas e deixar unha mensaxe esperanzadora: «Quero agradecer todas as mostras de cariño que recibín do mundo do fútbol. Tamén da xente da Sarriana que estivo aí. Verémonos nos campos«.