- Tras varias derrotas consecutivas, a Milagrosa acadou unha valiosa vitoria ante un rival directo pola promoción
- O San Lázaro tampouco fallou ante o colista
- O derbi comarcal entre Carballedo e Chantada levárono as visitantes
- O PM Friol B derrota ao San Roque e avanza na Copa
Hat-trick de Irene e tres importantísimos puntos para a Milagrosa
Tras encadear varios resultados complexos, as de Héctor expósito firmaron un gran partido, levando a teoría á práctica co mellor dos desempeños e vencer así a todo un Victoria CF C, rival que tamén está metido de cheo na loita polo ascenso.

Cando Irene está de doce, a Milagrosa sorrí. Cos seus tres goles e ben acompañada non só polo tanto de Candela, senón por un gran esforzo coral, as milagrosistas superaron con claridade (4-0) ao Victoria CF C, ao que agora sacan catro puntos na táboa da Segunda Futgal.
Un San Lázaro moi superior gaña pola mínima ao colista
Resultado axustado para as de Rubén Candal que, porén, foron moi superiores ao Órdenes, que chegaba a terras lucenses como colista.
Malia dominar todos os eidos do xogo, ao San Lázaro faltáballe atopar o gol e, sen iso, non hai sensacións nin estatísticas válidas. O balón estrellouse unha e outra vez co pau, impedindo ao San Lázaro recoller os froitos do seu esforzo e do seu bo xogo.

Porén, tras o paso polos vestiarios e con pouco merecemento, foi o Órdenes quen se puxo por diante cun gol de Anabel no 57. De seguido Xiana atopou por fin diana para empatar o encontro (1-1) pero de novo repetíronse as dificultades para as celestes de cara ao gol.
Xa a piques de escoitar o asubío final, Xiana volveu a anotar para dar uns merecidos 3 puntos ao San Lázaro, cuxa vitoria puido ter unha renta de goles moito maior ao 2-1 que o luminoso reflectiu ao final.
O Chantada imponse no derbi comarcal ante o Carballedo e afianza o liderato
Partido único na Terceira Futgal, pero deses que se agardan toda a tempada. O Catro Ventos acolleu o domingo todo un derbi Carballedo-Chantada que, aínda que sempre conleva moitos nervios por parte de ambos equipos, tamén ambos coinciden en valoralo como un encontro «entre amigas», aínda que a competitividade (sa) non falte.

Dende o inicio, o Chantada amosou o porqué da súa condición de líder, dominando o partido e facendo correr detrás do balón a un Carballedo que, malia estar no seu feudo, amosou un nerviosismo moito maior que as chantadesas.
Saray abriu o marcador para o Chantada no minuto 15 e Iria acompañouna no 35. O luminoso non se movería xa ata a volta do paso polos vestiarios, tras o cal o Carballedo saiu máis relaxado e mellorou o seu xogo, o que tamén trouxo a recompensa co gol (1-2) de Sara no 59.
Porén, o Chantada tiña máis calidade e fíxoa valer. Seguiu dominando o encontro ata que Uxía certificou a vitoria co 1-3 no 90′.

O PM Friol B derrota ao San Roque e avanza na Copa
Os cuartos da XLII Copa Deputación de Lugo abríronos o San Roque e PM Friol B nun enfrentamento no que as friolesas saíron vitoriosas e xa agardan rival na semifinal.
Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos unha xogadora destacada de cada eliminatoria.
Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, a Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.

O San Roque, consciente da dificultade do partido, tentou saír ao campo mentalizado de que se querían pasar o esforzo había ser máximo, mais o dominio do PM Friol B foi claro e axiña Ana (no m. 2) puxo por diante ás amarelas.
Porén, o San Roque non baixou os brazos e aproveitou a incapacidade das friolesas de converter as súas innumerábeis ocasións en gol para empatar o partido grazas a un gol de Paula nun libre indirecto.

Aínda que o marcador marcharía ao descanso co empate (1-1), o visto sobre o verde era distinto, cun PM Friol B superior pero negado de cara á porta.
Houbo que agardar ata o 77 para que Patri conseguira por fin anotar e dar a vitoria e pase a semifinais ao conxunto de Ángel Villar.

