O Lemos non puido arrincar de mellor maneira a tempada, xa que lograron poñerse líderes na súa nova aventura na Preferente Sur tras vencer ao Choco por 3-0 na Pinguela. O equipo de Edu Rodríguez é consciente do que depara este novo curso, pero tamén coñecen á perfección ao que pode chegar o equipo. Un proxecto moi ambicioso con nomes que son auténticas referencias na categoría quere impulsarse ata o máis alto.
Un deses nomes é o de Iñaki Fernández. O centrocampista sarrián chegou á Pinguela tras un curso no Pol onde foi dos grandes referentes do conxunto chairego. O centrocampista pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do último encontro, o Grupo Sur, o seu novo adestrador Edu Rodríguez, a súa fichaxe e a de dous sarriáns máis e o obxectivo do curso.
«Agora o Lemos levará máis o fútbol lucense por Galicia»
Último encontro: «O resultado foi moi favorable e xusto, porque creo que dominamos todo o encontro, siempre con cosas por mejorar. Creo que todo o que o Lemos traballou durante a semana viuse reflectido no campo e así foi o resultado».
Grupo Sur: «Non esperabamos liderar, pero si lograr a victoria. Cando ves o proxecto e a pretempada, o mínimo que esperas é facelo bien. A min me sorprendeume moito rematar no Grupo Sur, pero bueno, hai que mirar o lado positivo. Agora levamos o fútbol lucense máis por toda Galicia».



Edu Rodríguez: «Edu transmítenos que temos que dominar de principio a fin e que propoñamos. Temos que ter ritmo e que as ocasións veñan por traballar co balón».
Fichaxe e sabor sarrián: «Son un xogador ao que lle gusta entrar en proxectos ambiciosos e nos que o xogo me chame a atención. O Lemos contoume todo e déronme as chaves, o que fixo que a decisión fose moi sinxela. Tirei por un dos sarriáns, sin intentar influir na súa decisión. Xoel xa estaba no club e sempre axuda que vaia alguén do mesmo sitio para compartir momentos. Con Guitián animeino a vir porque sei que o equipo venlle perfecto».
Obxectivo: «O obxectivo que desexamos todos é meternos no play off, pero aínda é moi pronto. Se o preparamos todo así, na xornada 32 dígoche onde estaremos».