A táboa clasificatoria da Primeira Futgal tan só destaca a dous equipos por riba do resto: SD Chantada e SDC Residencia teñen unha pequena marxe sobre os rivais aos que se enfrontan semanalmente.
A Residencia tira de oficio diante do Foz (3-1). Valeulles aos branquiazuis unha primeira metade moi sólida na matinal de domingo para mandar por 2-0 antes do tempo de lecer —Esteban nunha acción a balín parado e Rois cun gran disparo desde fóra da área—. Aínda que o Foz tratou de reaccionar na reanudación e tivo unha ocasión moi clara, Permuy sentenciou o choque mediado o segundo tempo co 3-0 nun novo balón parado. Bruno maquillou o resultado pero o oficio dos de Rafa Casanova deixou os tres puntos na Cheda.
O Foz saiu moi amolado coa actuación arbitral no feudo lucense, logo dun duelo no que viron —entre xogadores e corpo técnico— ata catro cartóns vermellos e sete amarelos.
A Milagrosa asalta o Arturo Pereiro (1-2). Os de Madriles estiveron moito máis intensos e motivados no primeiro tempo: un balón filtrado traduciuse nun centro e posterior remate de David para poñer o 0-1 co que chegaron ao tempo de lecer.

Tras o descanso, Redondo fixo o empate nun lanzamento de falta directa, pero a reacción da Milagrosa chegou pouco despois, cunha gran xogada na que Hugo definiu con mestría no man a man. O Castro, ademais, quedou cun home menos por cuarta xornada consecutiva, pero non baixou os brazos e tivo dúas opcións moi claras para empatar, pero a «Mila» resistiu e sacou tres puntos de ouro.
O Escairón supera a un Xove que sigue afundido (1-2). Foi unha primeira media hora tola no Municipal mariñán. Carlos adiantou aos seus, pero os do Saviñao repuxéronse rápido e igualaron por medio de Nahuel, un dos xogadores máis en forma da categoría. Kevin anotou pouco despois o 1-2, que se tornou definitivo logo dunha segunda parte na que os visitantes controlaron o choque pese a todos os intentos dos locais por sacar algo positivo.
A táboa está moi apretada tanto na parte alta como na zona baixa
Un solitario gol de Iván da os puntos ao Racing ‘B’ na Santa Cruz (0-1). O bloque defensivo dos locais non impediu unha gran versión do filial chairego na primeira metade, e unha das internadas por banda de Hamza traduciuse nun centro e posterior remate de Iván que supuxo o 0-1. Na segunda metade, o Lourenzá adiantou as liñas e gozou de ocasións de perigo para igualar o electrónico, pero tamén os de Iván Lamas puideron ampliar a renda en rápidas transicións. Ao final, os puntos marcharon cara o Roca.
O Ribadeo deixa escapar a renda de dous goles ante o Santaballés (2-2). Logo de vinte primeiros minutos descafeinados, Meitín aproveitou un bo balón á área para facer o 1-0. Nico xa avisara con anterioridade. Na segunda metade a tónica era semellante: pouco ritmo e ocasións. Xusto cando o Santaballés, movido pola urxencia, deu un paso adiante, Anxo aproveitou un rexeite a un disparo propio para poñer o 2-0. Era o 70′. Este segundo gol mariñán deu folgos aos visitantes, que recurtaron diferenzas e, apenas cinco minutos despois, Novás empatou nun rexeite na área. Desde o 2-2, o partido pechouse e non houbo máis opcións para ningún.
Oural e Monterroso asinan táboas no engadido (2-2). Os sarriáns golpearon no último minuto do primeiro acto logo dun tramo de partido no que dominaron aos seus rivais e foron máis intensos . Na segunda metade mellorou moito un Monterroso que empatou xusto á saída dos vestiarios e que deu a volta ao electrónico cun golazo desde fóra da área de Camilo. Desde o 1-2, o Oural insisitiu na procura do empate, cando Juan Carlos anotou desde a esquina para poñer o definitivo 2-2.
O Chantada Atlético recupera a súa mellor versión en Taboada (0-2). A sobriedade defensiva de ambos conxuntos foi protagonista no primeiro tempo. Apenas houbo ocasións e o control das áreas era dos defensores. Na segunda metade a tónica foi semellante, pero unha boa xogada de César convertiuse no gol de Porto que abriu a lata (0-1). O Taboada procurou o empate, pero a segura actuación de Canario mantivo a súa porta a cero e os chantadinos sentenciaron cando xa se cumplira o tempo regulamentario.
A SD Chantada vence no tramo final ante un bon Iberia (1-0). A proposta defensiva dos mariñáns puxo en moitos apretos ao líder da categoría que, como habitualmente, dominou co balón e tivo as primeiras ocasións nas botas de Tino e Pablo. A boa actuación do gardamallas visitante Iker impedía que os chantadinos perforasen a súa meta, pero tamén os de Moro asustaron a portería dos do Sangoñedo. Finalmente, un saque de banda cando se achegaba o 90′ foi aproveitado nunha gran acción de Lucas, que culminou cun centro e remate de David para poñer o 1-0 e manter aos chantadinos no máis alto da táboa.
O Brollón iguala en Nogueira de Ramuín (1-1). A primeira parte estivo igualada, con poucas achegas por parte de ambos conxuntos. Tras a reanudación, foron os locais os que levaron o peso do xogo, pero foi o Brollón quen golpeou primeiro, cun contragolpe que finalizou Isma para facer o 0-1. Poucos despois, a mala sorte cebouse cos lucenses, que encaixaron un gol en propia meta logo dun centro lateral. Polo visto sobre o campo ourensán, o empate foi un resultado xusto para os da Pobra.
Outeiro de Rei e Guntín igualan en todo (0-0). Aínda que foi o único encontro sen goles da xornada, as ocasións estiveron moi presentes no Municipal chairego. Os ataques rápidos e verticais de ambos conxuntos sucedíanse, pero os atacantes non eran quen de perforar as metas rivais. Dentro da igualdade, o Guntín foi superior no primeiro tempo: a máis clara saldouse cunha dobre parada de Luis.
Tras a reanudación, o Outeiro mellorou a súa versión defensiva e o conseguiu: limitou o xogo por dentro dos visitantes e gañou presenza en área: Purri, Diego e Lucas puideron anotar, pero o acerto brillou pola súa ausencia e o 0-0 mantívose ata o asubío final.


