#Fútbol afeccionado #Galería #Terceira RFEF

Historia viva en multimedia: Rácing Villalbés-Atlético Levante (1-1)

Din que o párroco de Vilalba aínda está de morros. Que, por un domingo, os fieis estaban máis pendentes do verde da Magdalena que da súa homilía. Iso sí, na porta do campo, fixéronlle un guiño nada máis entrar. Unhas octavillas, flyers para os modernos, con cancións. Doutra relixión pero cun ritmo parecido. A relixión do Rácing. Esa que en familia, como mandan as sagradas escrituras, desquiciou ao Atlético Levante.

Foi un duelo de contrastes. Do toque estéril valencián ante a lección ben aprendida dos chairegos. Bordárono nos primeiros vinte minutos. Ordenados en defensa. Moi solidarios na primeira liña de presión. E perigosos aos contragolpes, buscando a meta rival en tres, catro toques. Nunha desas, Sergio Arias regalounos unha obra de arte. Balón largo sobre Villares. O de Samarugo, cunha frialdade impropia para a súa idade, agarimou o coiro buscando a ‘Rooney de Portomarín’. O resto é poesía. Delicia para os ollos. Impacto violento sobre o bote pronto. Con empeine exterior, cheo de calidade. Directo ás telarañas da escuadra do cortello de Cárdenas. Catro minutos de xogo para mostrar que os guions, nesto do fútbol, serven de pouco. Un veterán gordecho dándolle unha dose de realidade a futuros xogadores de élite. Un gandeiro ensinando, que non ensilando, fútbol a homes que xa coñecen a Primeira División.

Entre eles, o seu técnico Javier Olaizola. O antigo capitán do Mallorca quedou sen argumentos ante campechán betancego. Caeu por KO na primeira batalla táctica do encontro. Porque o fútbol non se leva nas tatuaxes. Diséñase coa cabeza e debúxase cos pés. A única resposta que se produxo no banquiño visitante foi tan inesperada como pobre. Constantes queixas polos ‘balóns Nivea de praia’ que meteu o Rácing en xogo. Entre medias, un exercicio Mourinhesco no que o colexiado era Éder para Olaizola. Polo nome de pila, para intimidar un pouco máis. Por se o peso do escudo non chegaba. Éder estivo á altura, sen deixarse levar. Mandou darlle aire aos balóns pero as carencias non marchaban. Sí, esas que impedían a un Atlético Levante superior evidenciar tal condición no terreo de xogo. Toque e velocidade. Ocasións, as xustas.

Aínda que xogar ao 200% ten os seus riscos. Eses que aparecen cando o corazón manda sobre a cabeza. Os que enmudeceron á Madalena cando Marcos Souto se pasou de frenada. Ninguén protestou. O penalti era claro e a entrega do meta máxima. Consecuencias incontrolables de competir ao límite. Gol no desconto da primeira metade e volta a comezar tralo descanso. Non foi o mesmo. O depósito da gasolina xa estaba mediado e aí atopou un filón o filial levantino. Mandou no verde e destrozou o centro do campo chairego. O pulmón extra de Javi Varela reventou e Make non atopaba o seu lugar. Non chegaba só coa intensidade. Ou sí. Porque os de Olaizola non lograron tirar a porta. Dous lanzamentos con perigo fóra e outros tres que sacou a zaga corpo a terra. Tirándose ao chan como se non houbese mañá. Como se fose o último balón das súas vidas. Imperiais Xusto e Antonio. Os destellos de calidade xa quedaban para Buyo, incorporándose sempre con perigo ao ataque.



Gilsanz precisaba algo máis. Buscou no seu banco. Alí atopou a ‘One Club Man’. Pablo Vivero. Ese pivote que precisaba coma ‘stopper’ para dificultar as rápidas transicións visitantes. E buscou un novo argumento ofensivo con Álex Pérez. Enrabietado, seguramente por non ser da partida nun día tan especial, o atacante deulle aire e frescura ao seu conxunto. Non lle sairon mal os cambios ao técnico betancego. Aínda quedaba a última carta. O derradeiro arreón. O dun conxunto que rebosa corazón sobre a súa mente fría. O curioso foi quen liderou a ofensiva final: Villares. O ‘neno de Samarugo’, intermitente ata ese momento, asumiu a responsabilidade e firmou dúas boas oportunidades. Só lle faltou o gol. O que evidenciou é que isto do fútbol é arte. Que os negocios de representantes, os tupés e os corpos tatuados son simples fachadas. Esas que moitas veces tapan o verdadeiro talento. Por sorte, o innato sempre acaba saíndo. Aflorando. Coma neste pasado domingo de primaveira. De tempo e xogo cambiante. Que rematou cun fino orballo, típico galego, para decorar unha clara mensaxe para a volta: Isto é Vilalba e aquí hai que muxir! Un telegrama firmado por un gandeiro xa a iso dos catro minutos de xogo!

[themoneytizer id=»15360-16″]

Historia viva en multimedia: Rácing Villalbés-Atlético Levante (1-1)

O fútbol base segue en verán

Historia viva en multimedia: Rácing Villalbés-Atlético Levante (1-1)

As nosas redes falan!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *