Os Máxicos Salvatierra Abogados seguen adiante na Primeira Futgal con resultados dispares e con moita autoridade nalgún caso. Os técnicos continúan perfilando os seus modelos de xogo para acadar os obxectivos nesta 2025/2026.
O Brollón saca un meritorio punto na casa (0-0). O Polígono chegaba aos Medos como un dos favoritos para acadar o ascenso e, froito da súa condición, xeraron as máis claras no comezo. A que máis preto estivo de ser gol, un man a man que salvou Miguel en liña de gol. Os lucenses, porén, colleron paseniño o pulso do partido e comezaron a controlar a fase defensiva.
Co paso dos minutos, o Brollón erixiuse como dominador no plano físico, pero non chegou a concretar o dominio en ocasións e o tempo terminou por esgotarse para ambos conxuntos: ao final, reparto de puntos que deixa satisfeitos aos de Chura.
O Foz vence con autoridade ao filial do Racing Villalbés (4-1). Aínda que a primeira parte foi igualada e con poucas ocasións, Moreda transformou un penalti para adiantar aos mariñáns e, chegando ao tempo de lecer, un centro de Hamza envenenouse e supuxo o 1-1. No segundo tempo saíron mellor os chairegos, pero Denís, Kaká e Migui erraron nas definicións.



Quen perdoa remata pagando e os xogadores do Foz aproveitaron os erros visitantes para mostrarse máis contundente. Hugo anotou cun testarazo logo dun centro de Jorge para inclinar a balanza e, pouco despois, un córner supuxo o 3-1. Unha contra ao final puxo o definitivo 4-1.
A SD Chantada quere seguir na zona nobre (3-1). O Ribadeo foi vítima dunha SD Chantada que se amosou moi forte no Sangoñedo. Logo dunha primeira metade igualada na que o Ribadeo puido adiantarse nun saque de esquina e na que Lucas fixo o 1-0 cun disparo desde a frontal, o segundo tempo tivo aos locais como claros dominadores.
Manu nunha falta directa e Pablo logo dunha gran acción combinativa refrendaron a superioridade chantadina, aínda que os mariñáns recurtaron diferenzas na recta final e a piques estiveron de dar un susto aos de Traste, pero finalmente o marcador mantívose no 3-1.
O Chantada Atlético asalta As Valgas (0-1). Os mariñáns levaron o peso do encontro no seu feudo e, sobre todo no primeiro tempo, gozaron de ocasións suficientes para anotar. Porén, a falta de efectividade duns e o bo facer defensivo dos outros impediu que o coiro entrase.
Co paso dos minutos, o Chantada Atlético colleu maior protagonismo en ataque e, logo de gañar profundidade por medio de Ovenza, viu como o Iberia quedaba cun home menos. Pouco despois, o propio Ovenza aproveitou un rexeite para anotar o único gol do duelo e levar tres puntos de ouro cara o Sangoñedo.
O Lourenzá encoméndase ao punto de penalti diante do Xove (3-2). O Xove neutralizou o inico fulgurante local e, aínda que o «Atleti» anotou o 1-0 por medio de Luis desde os once metros, os verdes levaban a iniciativa e conseguiron remontar antes do descanso, 1-2.
Na segunda metade a tónica foi semellante, pero o capitán laurentino voltou anotar un penalti para empatar a contenda. Os visitantes buscaron o gol, pero finalmente foi Paulo —no tempo engadido— quen sorprendeu a todos cunha falta moi lonxana para poñer o definitivo 3-2 para deixar os tres puntos na Santa cruz.
Outeiro de Rei e Taboada asinan táboas no Municipal (1-1). Os visitantes mostraron máis autoridade e estiveron mellor no comezo de partido e fixeron moito dano ao Outeiro. Dous paus e un gol á saída dun córner foron o saldo conseguido polo Taboada no primeiro tempo no que non foron efectivos.
O Outeiro, dentro da situación á que o condenan as baixas, controlou o xogo na segunda metade e foi medrando no choque. O empate chegou tamén a balón parado, cunha falta ao borde da área botada por Saúl. Desde o 1-1, foi o Outeiro quen non estivo atinado e quen perdoou as máis claras. Ao final, empate a goles na Chaira.
Castro e Monterroso asinan resultado gafas (0-0). O Castro errou moitas ocasións claras no céspede do Arturo Pereiro, mentres que o Monterroso tratou de facer dano en contragolpes. Os visitantes estiveron moi sobrios e conseguiron manter a raia a un dos favoritos ao ascenso, a pesares de xogar cun home menos durante case media hora.
A Milagrosa empata no Ladairo (1-1). Os capitalinos saíron ao campo coa intensidade e coa autoridade da primeira xornada e, froito dese frenético ritmo, un roubo e posterior transición saldáronse co 0-1 no 3′, obra de Rafa. O Guntín refíxose e, aínda que pasou moitísimos apuros no primeiro tempo polo bo xogo dos de Madriles, conseguiu o empate por medio de Samu.
Na segunda metade ambos conxuntos mantiveron o altísimo ritmo de xogo, pero primaron a orde defensiva e as ocasións brillaron pola súa ausencia. Ao término dos 90′, reparto de puntos en Guntín.
O Escairón gaña con contundencia, pero sufrindo, ao Santaballés (3-0). As baixas condicionaban a un Santaballés que chegaba ao Saviñao sabedor da dificultade do duelo. Porén, grazas ao carácter competitivo dos da Liga, as ocasións máis claras na primeira metade foron chairegas.
O Escairón medraba no partido e, cando xa pasaba da hora de xogo e as lesións facían merma no cadro visitante, Julio aproveitou un rexeite logo dun centro lateral para adiantar aos locais. Xa co resultado a favor, outro tanto de Julio e un novo gol de Eric sentenciaron o choque no Municipal.
A Residencia remonta ante o Oural (2-1). Adiantáronse os sarriáns logo de aproveitar un erro local e o seu plan de partido deu resultado nos primeiros minutos, neutralizando as ofensivas dunha Residencia sen claridade que só foi quen de anotar por medio de Javi Calderón, 1-1.
Porén, a autoridade branquiazul fíxose notar. O Oural pagou o esforzo na segunda metade e, froito do traballo defensivo, un bo ataque da Residencia saldouse cun penalti no que Dani Renda non fallou e o 2-1 se tornou definitivo na Cheda.
