Máis de 70 goles se marcaron a pasada fin de semana na Segunda Futgal lucense. Catro anotou o Meira, no regreso de Kevin Pierre á Lomba logo do seu paso polo Ribadeo. Os goles en contra provocaron a derrota do Friol ante o Ferreira. Ademais trouxo cambio de adestrador, marcha Brais Vázquez e volve Martín Rodríguez. Analizamos a xornada en #ONoso11AChaira.
Cuarta xornada do Folgueiro como líder en solitario
Os pupilos preparados por Manuel Vicente e Aurelio Veiga mantéñense no máis alto da clasificación ao vencer ao Sporting Pontenova (5-0). É o único equipo que non perde na Segunda Futgal lucense. Acumula 21 puntos, un máis que os seus perseguidores Goiriz e Riotorto.
Pola súa parte, o conxunto pontenovés queda na 13ª praza con 8 puntos, tras encaixar a súa cuarta derrota seguida.
Encontro igualado para comezar. Con todo, ao descanso os locais marcharon gañando 2-0 con goles de Shuster e Yerai.

Os visitantes tiveron algunha ocasión con ese marcador en contra, pero o Folgueiro non especulou. Xoel encamiñou o encontro, Paguato sentenciouno e Aaron redondeou a conta.
O Goiriz e o Riotorto suman vinte
Sexta vitoria do curso do Goiriz ante un Xermade (2-3) que perdeu na casa por primeira vez na temporada. O cadro vilalbés continúa consolidándose na zona alta como o equipo máis goleador da Segunda Futgal lucense (36 goles).
O Xermade perdeu unha boa oportunidade de sumarse máis ao tren de cabeza. Fica con 13 puntos na 9ª posición.
Foi un partido moi desputado no que os locais se adiantaron antes do descanso por medio de Jose Adega.
No ida e volta parecía que o Xermade se lle poñía de cara co segundo, autoría de Nando. Non máis lonxe da realidade porque o Goiriz empatou en dez minutos. Nico Santomé e Muñiz anotaron.
Xusto ao final chegou o primeiro gran momento de Chris en idade sénior: Marcar o gol da vitoria para o teu equipo no último minuto de encontro.
Quinto triunfo seguido do Meira
O Meira vai cara arriba coa mellor xeira de resultados da Segunda Futgal lucense. Derrotou ao Sanci (4-0) e acumula 17 puntos, a tres dos postos de promoción. O Sanci continúa como pechacancelas cun punto.
Kevin Pierre regresou e marcou nada máis comezar. O futbolista lucense volveu ao Meira tras o seu paso polo Ribadeo e puxo por diante aos seus no primeiro minuto do seu reedebut.
Á media hora, os locais xa gañaban por tres grazas ao dobrete de Brais Pin. A partir de aí, equilibrouse máis o xogo pero o Meira non pasou apuros. No último tramo de encontro, chegou o cuarto obra de Erik.
Nove goles no Municipal de Alfoz
Cuarto triunfo do curso para un Alfoz que é 6º, logo de impoñerse con dificultade ao Matela (6-3). O equipo de Outeiro é penúltimo con tres puntos.
Foi coma se non houbese leis defensivas no Municipal. Ao descanso o resultado era de empate a dous goles. O Matela tivo resposta para os tantos locais. Victor marcou e Pablo empatou, Dani Jiménez anotou o segundo e Maikel igualou de novo.
No segundo acto, os goles case seguidos de Óscar e Víctor déronlle máis vante aos locais. Con todo, Jorge aínda volveu meter no partido aos seus.
Despois volveu pesar máis a efectividade local. Baba e Jose sentenciaron definitivamente.
Celta Barreiros e Pastoricense con 14 puntos na metade da táboa
O Celta Barreiros sumou tamén o seu cuarto partido de +3 na campaña ao superar ao Guitiriz (2-4). É sétimo, empatado a puntos cun Pastoricense que se impuxo na Veiga do Olmo ao Castroverde (1-2).
Encontro con varias chegadas no que o Guitiriz se pon por diante cun tanto de Antón. Pouco despois, Luis Miguel ‘Cafú’, marcou un gran gol de falta.
Na reanudación, Lucas fixo o segundo visitante cun disparo dende fóra da área. Javi Andina marcou o terceiro a pase de Rocky.
Labrada volve meter ao Guiti no encontro co segundo. Xa ao final, logo de que o porteiro Jesús subise ata a área contraria, Fran sentenciou cun lanzamento dende o medio do campo.
Cuarto triunfo da temporada para o Pastoricense, que venceu ao Castroverde (1-2) na Veiga do Olmo. O club da Pastoriza queda na metade da táboa con 14 puntos, a sete do líder. Pola súa parte, o Castroverde é antepenúltimo con 3 puntos.
Os pupilos preparados por Juanma dominaron, pero custoulles xerar claras ocasións de gol. Con todo, nunha boa presión tras perder a posesión da pelota, Kanu filtrou un bo pase a Dani. O home de club de Bretoña definiu cruzado ante o gardameta rival e marcou o primeiro tanto.
Practicamente na seguinte xogada, os locais igualaron o resultado. Cancela JR aproveitou un mal entendido na defensa rival para marcar.
A dinámica do partido repetiuse no segundo acto. Os locais trataban de xerar perigo con balóns en longo, mentres que os visitantes tiñan o dominio do balón. Logo de varias chegadas, Kanu, nun golpeo fóra da área logrou o segundo tanto. Gol e asistencia para o xogador de Reigosa.
O Casás, único que puntúa da zona baixa
Segunda vitoria consecutiva para o conxunto capitalino diante da Candelaria (3-0). O Casás supera ese mal inicio en canto a resultados e queda con 8 puntos na 12ª posición. A Candelaria ten cinco máis e ocupa a 10ª praza.
O conxunto visitante quedou sen porteiro coa expulsión de Xes á media hora. O Casás dominou e goleou no segundo acto. Santi Marín definiu tras unha boa xogada colectiva. Maira anotou o segundo e Agus fixo o terceiro de penalti.

Segunda semana no liderado en solitario do Becerreá
Sétimo partido sumando de máis tres para o Becerreá, que acumula 22 puntos no máis alto da clasificación. Por segunda semana é líder con dous puntos de marxe. Derrotou (1-5) a unha Sarriana B, que trata de recuperarse dun mal momento. É antepenúltima con sete puntos, dous máis que os postos de descenso directo.
A primeira parte estivo igualada. A Sarriana B foi capaz de poñerse por diante cun gol de Javi. Con todo, Dani López logrou o empate antes do descanso.
No segundo acto, nun balón parado Higi remontou o encontro para o Becerreá. A partir de aí, en ataques rápidos os visitantes amosaron a súa superioridade e a súa pegada. Dani López completou o seu dobrete e deulle tempo a Riomao a facer outros dous.
O San Roque volve ao camiño da vitoria
Logo de tres semanas sen gañar, o San Roque mantense na zona de promoción de ascenso ao vencer ao Paradela (4-1). Acumula 20 puntos e está a dous do Becerreá. Pola súa parte, o Paradela é 10º con 9 puntos.
Os locais dominaron e tiñan o partido controlado no descanso a pesar do 3-1. Tsotne, Vidal e Jul marcaron no primeiro tempo. O xuvenil Vidal completou despois o seu dobrete e xa suma tres goles na campaña co sénior.
O balón parado dálle a vitoria ao Santa Comba
O Santa Comba mantense na 3ª posición (19), tras sumar o sexto triunfo do curso ante o Lemos B (1-0). Tendo en conta os resultados, son o equipo máis en forma da zona sur: cinco vitorias e un empate nos últimos seis partidos. Pola súa parte, o filial lemista queda na metade da táboa con 12 puntos.
O filial tivo tramos do encontro no que foi completo dominador do xogo. Tivo a posesión, pero faltoulle xerar máis perigo de cara a porta rival. Os locais esperaron e atopáronse co gol ao redor do minuto 80. Por medio dun córner, Bri marcou o único tanto do encontro.
O Antas gaña no partido tolo da xornada (5-4)
Nove goles se viron no Castro Seoane no encontro Antas – Sober (5-4). Os locais lograron un triunfo apertado que lles serve para sumar de tres por terceira semana seguida. Acumulan 17 puntos e manteñen en certa medida o ritmo da parte alta.
Pola súa banda, o equipo soberino continúa sen puntuar a domicilio, tras a súa quinta xornada fóra da casa. Continúa en descenso directo con 5 puntos. Con todo, ten un partido menos, o que recuperará o domingo 7 de decembro ante o Palas (16:00 h en Centeás).
A tolemia do partido comezou cedo, xa que Portu marcou nos primeiros instantes. Aos vinte minutos, o Antas anotou o segundo por medio dunha acción individual de Nico.
Ao pouco tempo, empatou o Sober. Primeiro, o presidente Martín a través dunha volea. Despois, Alan Sánchez marcou o segundo. Ao descanso chegouse con igualada.
No segundo tempo, seguiu a mesma tónica, con goles e pouco control defensivo. O Sober foi capaz de remontar momentaneamente o encontro. Maza e Pisto bateron a portería rival en tres minutos.
Non obstante, nunha falta o Sober quedou cun xogador menos por expulsión de Lamus. Nesa acción a balón parado Portu mete o segundo. Case ao momento Valdés volveu poñer o empate.
Nas tolemias de goles é raro que non haxa algún penalti e desta vez o lanzamento dende os once metros foi decisivo. Antes de entrar no tempo extra marcou Portu para completar o seu hat-trick. A perla de Antas xa leva 12 goles no que vai de curso. O Sober intentouno ata o final e fixo sufrir ao rival.
O Monterroso B volve vencer
Catro partidos sen coñecer a vitoria levaba o Monterroso B. Aínda así, mantíñase na zona alta da táboa clasificatoria. E iso que aínda ten pendente de xogar un encontro, o do 27 de decembro no Baliño ante o Ferreira (ás 17:00 h). Acumula 15 puntos ao superar ao Páramo (0-2), que sumou dous puntos dos últimos dezaoito posibles.
A falta de efectividade volveu lastrar a un Páramo que non foi inferior ao filial monterrosino. Os goles non chegaron ata o segundo tempo.
Yoni Mejuto adiantou aos seus cun disparo dende a frontal, tras unha boa xogada colectiva. Puido empatar O Páramo nun lanzamento de Juan que petou no pau. A falta dun cuarto de hora para o 90, Yoni asiste a Javi Criado para que marque o segundo do Monterroso B.
Os locais quedaron cun futbolista menos pola expulsión de Juan. Trataron de ir cara arriba pero non lograron bater a porta rival.
Quinto partido sen perder do Palas
Terceiro triunfo do curso para o Palas ante o Chantada B (0-2). É 6º con 13 puntos, cinco máis ca un filial chantadés que non gaña dende a xornada 3.
O Palas foi práctico. Adiantouse a balón parado e defendeu as acometidas do rival. Ao pouco de comezar o segundo tempo, Álvaro anotou o segundo.
O Ferreira supera a un Friol que cambia de adestrador
Os pupilos preparados por Manu Rodríguez ocupan a 7ª praza con 12 puntos logo de superar a un Friol, que atravesa un mal momento (2-4). O cadro friolés é último con 5 puntos, os mesmos que o Sober. Esa situación provocou a saída do adestrador Brais Vázquez e o regreso de Martín Rodriguez, técnico do Friol na pasada campaña.
No Ferreira foi titular o veterán gardamallas Xosé Roberto ‘Xokas’, que estaba botando unha man no club coa preparación dos porteiros e ao final tivo que poñer as luvas ante a lesión de Adri García.
O San Lázaro, único en sumar na zona baixa
Tres xornadas seguidas leva o San Lázaro puntuando. Logo de comezar a liga con catro derrotas, o equipo preparado por Manel vén de ser o único equipo da zona baixa que sumou algún punto. Igualou co Portomarín (1-1) nun encontro especial para Diego Rey, que se enfrontou ao equipo do que foi adestrador.
O San Lázaro é 13º con 8 puntos, mentres que o Portomarín ten tres máis e sitúase na 9ª posición.


