Rematou a primeira fase do Torneo Delegación e xa coñecemos os catro semifinalistas. Goiriz e Roupar no norte e Carballedo e Sober no sur, optarán ao título.
As semifinais serán a partido único e disputaranse no fin de semana do 25 de maio (pendente de confirmar data):
- Roupar – Carballedo no campo do Novo.
- Goiriz – Sober no Ventiño.
Analizamos os derradeiros encontros da fase de grupos:
GRUPO 1. Catro Roldas 0 Goiriz 4.


Encontro cómodo para os visitantes que lograron adiantarse aos tres minutos de xogo por medio de Nico. O Catro Roldas non foi quen de inquedar aos de Manu Veiga ao longo dos noventa minutos. O Goiriz, a pesar das baixas, competiu e deixou o partido visto para sentencia no primeiro tempo. Álex Pardo e Héctor marcaron antes do descanso. Preto do final, nun segundo tempo, sen demasiada historia, Miguel completou a goleada.
GRUPO 2. Castroverde 2 Roupar 5.
Encontro intrascendente xa que o Roupar xa chegaba clasificado para as semifinais á Veiga do Olmo. Isto propiciou que o encontro fora de ritmo baixo e pouca intensidade aínda que con moitas ocasións. Tupac abriu o marcador para os visitantes tras unha boa xogada de Moha. O Castroverde reaccionou e Anxo salvou aos de Ángel Pena en primeira instancia, pero Xabi e Adri déronlle a volta ao marcador para os locais antes do intermedio.

No segundo tempo o Roupar igualou por medio de Isma e os xermadinos fíxeronse co dominio do encontro. Yosi asistiu en dúas ocasións para os goles de Moha e Kike e marcou o quinto e definitivo tanto.
GRUPO 3. Carballedo 3 Relámpago Taboada 0
A primeira metade resultou parella e con ocasións para ámbolos conxuntos, que optaron por un fútbol moi directo. Elías puxo por diante ao Carballedo xusto antes do descanso e o tanto fíxolle dano aos visitantes.
O Carballedo quedou con dez con moito encontro por diante por expulsión de André, pero o Relámpago non foi quen de aproveitar esta circunstancia debido, en boa parte, ás molestias físicas que arrastraba bao parte do cadro de xogadores. Moncho convertiuse en protagonista ao anotar dous novos goles para que os de Adrián Pateiro garantiran o seu pase ás semifinais.
GRUPO 3. Bóveda 0 Sober 3
Encontro que non se disputou debido á incomparecencia do Bóveda. O Sober sumou os tres puntos e clasifícase para as semifinais.
