A Futgal estudará a unificación da 2ª e da 3ª lucense para o curso 26/27

Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) organizou este mércores no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo unha xuntanza cos clubs da provincia. Na reunión varios equipos propuxeron xuntar a Segunda e a Terceira Futgal lucense nunha soa categoría. Os responsables federativos comprometéronse a estudar a fórmula de cara a temporada 26/27.

Logo de comunicar hai uns días as datas e o formato das competicións da próxima tempada, á espera de seren ratificadas na Asemblea Xeral do 29 de xullo, a entidade federativa está mantendo encontros nas distintas delegacións. Presentaron os plans competicionais e as novidades de cara a próxima campaña.

Á cita asistiron, entre outros, o presidente da RFGF, Pablo Prieto; Carlos Méndez ‘Negrín’, vicepresidente da RFGF en Lugo; Diego Batalla, secretario xeral da RFGF e Manolo Vilachá, delegado da RFGF en Lugo.

En liñas xerais, como xa comentamos, os formatos de competición son iguais aos da campaña que vén de rematar. A principal novidade no fútbol lucense é a desaparición de tres equipos que militaban na Terceira Futgal: o Sporting Lucense, o Friol B e o Chantada Atlético B. Como contrapartida, vaise crear o Pol B, que xogará no grupo norte da 3ª.



O 31 de xullo é o día límite para comunicarlle á Federación novas altas ou baixas de clubs na Terceira Futgal. Se se manteñen os que están, habería 21 equipos, que se repartirían en 10 para a zona norte e 11 para a sur.

A Futgal abre a porta a xuntar aos equipos da 2ª e da 3ª na mesma categoría

Ademais, como comentabamos no titular saíu a debate a posibilidade de xuntar os equipos da 2ª e da 3ª nunha mesma categoría. A día de hoxe serían 53 equipos. Xa non é un tema novo, pero desta volta percibiuse máis vontade por parte do ente organizador de presentar unha proposta para a temporada que vén.

O secretario xeral, Diego Batalla, apuntou que non había moita marxe de tempo, ao considerar que debería existir unha proposta que se debatira xa na vindeira Asemblea do 29 de xullo. Non obstante, comprometeuse a estudar o asunto.



No caso de que esta opción fose adiante, non habería ascensos na seguinte temporada en Terceira. Os responsables federativos acordaron deixar aberta a circular con dúas propostas: unha co formato das últimas tempadas (dous ascensos directos e un en play off) e outra sen ascensos, porque xa pasarían todos á Segunda, e coa única loita de ser campión.

A delegación de Lugo tamén quedou de manter unha xuntanza cos clubs adscritos a estas divisións para ratificar nunha votación a posible proposta.

Á xuntanza acudiron ao redor duns 70 representantes dos clubs da provincia. Varios deles reafirmaron novamente as súas queixas ante a perda de representitividade dos equipos de Lugo nas principais categorías do fútbol afeccionado.

A situación dos clubs femininos da provincia e do resto de Galicia será tratada nunha xuntanza en Santiago.

A Futgal estudará a unificación da 2ª e da 3ª lucense para o curso 26/27

Diario dun mercado. Episodio 479

A Futgal estudará a unificación da 2ª e da 3ª lucense para o curso 26/27

Diario dun mercado. Episodio 480

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *