Ano 2009. Era xogador do Ciudad de Santiago. E viaxabamos a Barakaldo. Unha fin de semana na que nos pasou de todo, na que non puideron pasar máis cousas…

Nós tiñamos o costume de viaxar os venres á noite despois de cear nun hotel en Santiago. Como dicía, tocábanos visitar o campo do Barakaldo. Unha saída que se complicaba máis coa previsión de temporal de Meteogalicia. No telexornal avisaban de que só se fixesen as viaxes imprescindibles esa noite. Que viña un temporal moi forte e que a xente se quedase nas casas.

Un once do Ciudad de Santiago con Rafa Casanova (abaixo, segundo pola esquerda)

Falamos co club a ver se se podía retrasar a viaxe para saír o sábado pola mañá, con condicións mellores. Dixeron que nada, que xa estaba todo programado, que sempre se facía así. E así ía ser.

O noso conductor sempre era o mesmo. Pisáballe ao tolo, unha auténtica animalada. E nós pensando: “… con este vendaval imos ir con el para alá?” Indo para alá xa atopamos as primeiras árbores caídas, vimos a tráfico, bombeiros quitando árbores. Pois, aínda así, chegamos a Burgos antes de tempo. Aínda non estaba aberta a cafetería á que tiñamos que ir.

Almorzamos e adestramos unha horiña para soltar as pernas en Bilbao, nun campo artificial dun equipo de Primeira Rexional. Abrimos a porta do autobús e aí déronse conta de que non meteran material algún. Daquelas o adestrador era Luisito. E dixo que adestrar había que adestrar de calquera forma, como fose. No campo aquel había un encargado do campo que dixo que tiña roupa moi vella.

Recordo sacar fotos debido ás pintas tremendas que tiñamos algúns. Parecíamos de todo menos futbolistas. Xente con gabardinas para adestrar, pantalóns que parecían calzoncillos… A Luisito o cachondeo importoulle pouco. Había que adestrar si ou si, con aquela imaxe lamentable e esa indumentaria de todo tipo menos de futbolista.

O día do ascenso a Segunda División B do Ciudad de Santiago

Aínda así, tiveron que chamar a un taxi para que trouxese a roupa desde Santiago. Trouxéronnola. Aí pasaran as risas pero xa no hotel, o central Pablo López, que foi adestrador de As Pontes e agora un bo ollador e comentarista (non sei se anda agora por África), acababa de ter un fillo e xusto caera da mesa. Un pequeno de dous meses cun golpe na cabeza… Un susto tremendo. A muller estaba na Coruña soa e el marchou de volta no taxi da roupa.

Quedamos cun home menos, un que soía actuar de inicio. A cousa estaba indo complicada. Ao día seguinte empezamos a xogar, iamos gañando 0-1. No descanso volveron os problemas. Na charla de Luisito no vestiario, un ventanal moi grande veuse cara abaixo co aire que facía. Dobrouse cara abaixo e volveu para arriba sen saber como. Incrible pero certo. Salvámonos todos.

Pensabamos que iamos a gañar a pesares de todo o que estaba pasando. Pero non. Minuto 90 e metimos un gol en propia porta. E no 94 fixeron o segundo. Mala cesión ata o porteiro e o balón quedou nunha charca. Gol e xusto despois pitou o colexiado o final. Unha viaxe lamentable e todos queréndonos ir ao momento para a casa, non podían pasarnos máis cousas.

Non rematou todo aí. De volta á casa, por Ponferrada máis ou menos, convivimos cunha nevada criminal. Parounos Tráfico e tivemos que apartar en Vega de Valcarce ás 4 da mañá. Despois marcharon os de Tráfico e o busero, que era un pouco tolo, dixo: “imos detrás das quitaneves”. Logo púxose a adiantar a todas as quitaneves e chegamos nun ‘plisplás’. O bo de todo esto é que non foi nada a máis. O pequeno estaba ben e nós quedamos coa derrota, que foi o peor nunha fin de semana que pasou todo o que podía pasar e moito máis.

Rafa Casanova Peteiro. De Friol e case de Ribadeo. Adestrador, presidente e xogador. Historia viva do fútbol lucense 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*