Futbolinlugo e Futbolinourense estrean A-56. Unha nova sección na que trataremos asuntos en común entre a provincia de Lugo e a de Ourense. O obxectivo é unir as dúas provincias a través do fútbol. Unha especie de A-56 pendente de construír. É a autovía ideada coa intención de unir as dúas capitalidades provinciais. Pero polo momento, hai que seguir indo polas estradas Nacionais. Movemos os marcos para seguir entretendo, mentres agardamos pola volta do noso fútbol máis modesto. Do Boavista de Vicedo, ao Paraño de Lobios. Moito que contar.

Desta volta Ourense é o punto de retorno dun neno que marchou moi novo da casa. Con 14 anos deixou a Mariña para xogar na base do Deportivo. Logo pasou á do Celta e medrou como sénior competindo na Segunda B. Julio Delgado Domínguez (Burela, 28-01-1996) acaba de facer 25 anos e vén de estrearse como novo xogador do Ourense CF na Terceira Galega. Despois duns anos na Segunda B e a experiencia de vestir sete camisolas diferentes, Julio volve a Galicia para seguir medrando.

Futbolin: Como se produce a túa fichaxe polo Ourense CF?

Julio Delgado: O adestrador Rubén contactou comigo case ao principio do mercado. Tiña algunhas opcións máis. Valoreinas e finalmente decido fichar aquí. Xa estivera unhas semanas adestrando antes. Ofrecéronme a posibilidade para non estar parado. Aí xa detectei que o club é moi profesional. O obxectivo é facer cousas importantes.

Futbolin: Como foi esa saída do Villanovense?

JD: O adestrador falou comigo. Crían que o mellor era que saíse. Ademais fichan xogadores para a miña posición. Aí é cando se produce a marcha e comézanse a abrir outros camiños.

Futbolin: Logo dunha carreira como sénior na Segunda B, é este un paso atrás?

JD: O refrán di que, ás veces, hai que dar un paso atrás, para dar dous cara adiante. O mercado invernal é máis xusto e todo vai máis rápido. No Ourense CF hai un bo proxecto detrás. Amosaron moito interese e o equipo opta a estar noutras categorías.

“Non miramos máis aló do partido co Estrandese”

Futbolin: A pasada finde xa fuches titular. Como foron as sensacións da estrea?

JD: Mellor non puido ir. Conseguimos gañar 3-0. Deixamos a portería a cero e marcamos goles. Estiven moi a gusto dentro do campo.

Futbolin: Logo dun inicio complicado, chegas ao equipo nunha dinámica ascendente. O obxectivo é quedar entre os tres primeiros ao final da 1ª fase?

JD: Non miramos máis aló desta fin de semana e o partido co Estradense. Sacar os tres puntos este domingo e logo xa se verá. O certo é que temos un equipo que está capacitado para, ao final desta 1ª fase ou ao final de temporada, conseguir algo importante.

“A sensación de xogar ante unhas quince mil persoas é moi bonita”

Futbolin: Xogaches xa en sete equipos na Segunda. Con que te quedas?

JD: De cada sitio quédaste con diferentes experiencias. Tiven a sorte de comezar moi novo e espero que aínda quede moito por diante. Puiden xogar en grandes clubs e desfruteino moito. No Atlético Baleares foi moi bonito xogar ese play off a Segunda División que nos elimina o Albacete na prórroga. Estiven no Murcia e no Castellón que son clubs cunha masa social moi importante. A sensación de xogar ante unhas quince mil persoas é moi bonita.

Futbolin: Nas redes sociais había quen pedía a túa volta ao Murcia…

JD: (risas) Alí eu estiven moi a gusto. A mágoa foi a situación de impagos que había. Hoxe en día están mellor as cousas e ogallá o sigan intentando facer ben.

Futbolin: Que faltou para ter esa estabilidade nos distintos equipos?

JD: Como sempre digo, busquei bos proxectos deportivos. Por unhas cousas ou por outras, déronse diferentes situacións. No fútbol tes que tomar decisións. Ás veces acertas e outras fallas. O meu obxectivo é ir a onde poda seguir evolucionando e poder mirar cara arriba. Aquí no Ourense vino así e ogallá podamos conseguir algo importante.

“No fútbol hai quen intenta mirar por si mesmo”

Celta B, Racing de Ferrol. Atlético Baleares, Murcia, Castellón, Sanse e Villanovense foron os clubs de Julio Delgado como sénior. Foto: CD Castellón

Futbolin: Dentro desas temporadas, no verán do 2019 quedas sen equipo. Como o levaches?

JD: Foi unha situación un pouco rara. Non o pasei ben. Foi unha etapa dura. Ao final en novembro firmo no San Sebantán de los Reyes e a temporada estaba indo ben. Estabamos nunha etapa de bo xogo e conseguindo resultados. Pero chegou o virus e parouse todo. No momento no que non consigo atopar un bo proxecto é duro. Tocoume vivir esa outra cara do fútbol. De todo se aprende.

Futbolin: Coincide aí cando cambias de representante. Que aprendiches entón desa situación?

JD: No fútbol hai moita xente que intenta mirar por si mesma. Por así dicilo, hai quen non ten sentimentos. Entón toca ser un pouco desconfiado. Por sorte, teño un círculo pechado e no que confío moito. Dáste conta das persoas que de verdade importan. Saín reforzado.

Si que tiña uns axentes que xa non teño. Primeiro faláronse unhas cousas, pero logo van avanzando os días, non sae nada e resúltache estrano. Non fora titular indiscutible, pero viña de xogar uns vinte e pico partidos no Murcia e no Castellón. Era raro que non saíse nada de Segunda B. Por sorte, en novembro apareceu o Sanse e acabouse esa etapa.

“Vou aos adestramentos e aos partidos a pasalo ben”

Futbolin: Que se che vén a cabeza se pensas no neno que xogaba no Burela ou no Viveiro?

JD: Son lembranzas moi bonitas. Mirando a ese neno de fai anos, sigo pensando en desfrutar do fútbol. É o que máis me gusta facer. Son afortunado de poder dedicarme a isto e esa idea dende neno sempre estivo moi presente. Vou aos adestramentos e aos partidos a pasalo ben.

Futbolin: Que se necesita para chegar a unha categoría como a Segunda B?

JD: Moito traballo. Cando queres vivir disto, tes que sacrificar moitas cousas que a un rapaz novo ao mellor non lle gustan. Dende os 14 anos funme vivir fóra. En Galicia, pero fóra. Perdín tempo de estar coa miña familia. Logo hai quen se sacrifica e non chega. Hai que coidar a alimentación, as horas de sono…. son sacrificios que eu fago encantado porque é a vida que decidín e merece a pena. Alguén o mellor di que en vez de deitarse un sábado, prefire saír cos amigos. É respectable. Pero nun deporte medianamente profesional no que vives do teu corpo tes que facer todo o posible. A ilusión e a paixón tamén son clave.

“É un orgullo que se recoñeza o traballo de meu pai”

Julio comparte nome con seu pai; existoso adestrador do Burela FSF. Foto: Burela FSF

Futbolin: Como se leva o de ser fillo do segundo mellor adestrador de clubs femininos de fútbol sala do mundo?

JD: Moi orgulloso. Con meu pai teño unha grandísima relación. É como o meu mellor amigo. Aparte do título, sígoo dende sempre. É un pracer que se lle recoñeza o seu traballo. Leva moitos anos e ademais veñen de gañalo todo no Burela FSF.

Futbolin: Ti non colliches o camiño do fútbol sala…

JD: Dende pequeno xoguei ao fútbol sala e ao fútbol. Compaxinei uns anos ata que logo decanteime polo fútbol. Pero o sala sempre me gustou e tamén vexo partidos cando podo.

Futbolin: E gustaríache unha carreira de adestrador como o teu pai?

JD: Non o pensei. Véxome moi novo. De momento prefiro seguir no fútbol dende dentro do campo. Nun futuro, quen sabe.

JULIO DELGADO NA A-56…

Julio Delgado chegou a estrearse na Selección Española sub-16 cando xogaba no Dépor. Foto: Real Murcia

Un campo da provincia de Lugo?

A Marosa. O campo da SD Burela, onde comecei a xogar ao fútbol.

Un campo da provincia de Ourense?

O Couto. Un campo grande e de herba natural.

Un lugar da provincia de Lugo?

Burela, onde me criei.

Un lugar da provincia de Ourense?

Ourense cidade, a onde acabo de chegar.

Un compañeiro de vesitario?

Sergio de Paz. Coincidín no Celta en xuvenís e no filial. Dende aquela temos unha amizade moi grande.

Un momento vivido no fútbol?

Aí está máis complicado. Teño varios. O partido de play off a Segunda na etapa do Baleares contra o Toledo. Gañamos, marquei un gol e clasificámonos para as semifinais.

Tamén a estrea en Segunda B co Celta B. Fora en Les Caleyes contra o Lealtad. Gañamos 0-2 e marquei un gol.

E quedaríame tamén coa estrea coa Selección Española en categoría sub-16. Xogamos dous partidos. Nun deles gañamos e marquei gol ante Alemaña.

Ah! E tamén os derbis na base entre Dépor e Celta e Celta – Dépor.

Comparte
                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*