O Rácing Villalbés, un dos representantes do fútbol lucense na Terceira RFEF

O fútbol lucense encende os seus motores en Segunda e Terceira RFEF

O fútbol lucense está de noraboa esta semana debido a que a competición volta para os equipos nas categorías máis altas do fútbol máis modesto. Neste curso, a provincia voltará a ter representación na Segunda RFEF grazas ao recente ascenso da Sarriana, mentres que na Terceira RFEF serán tres os equipos lucenses en competir. Rácing Villalbés, Viveiro e Lugo B tratarán de manter á provincia no máis alto do fútbol galego.

A Sarriana cumpre un soño

Ninguén en Sarria chegaría a imaxinar á hora de ascender á Terceira que sería o segundo equipo en categoría de todo o fútbol lucense. Despois do ascenso acadado no play off da tempada pasada, iso pasou a ser unha realidade. Agora toca un curso novo con grandes cambios onde o principal serán as grandes viaxes cara a Castela, Asturias ou Cantabria e a ilusión de visitar campos emblemáticos do fútbol nacional como Los Pajaritos ou o Helmántico.

O obxectivo está claro, chegar aos 45 puntos que marcan a permanencia historicamente na categoría. Todo con Iván Carril no banco despois da marcha de José Antonio Rodríguez para acompañar a Fran Justo no Mirandés. O de Rebordaos chega despois de construir a un Noia que foi o equipo revelación da Terceira RFEF na pasada campaña, chegando a disputar a promoción de ascenso. A tarefa non será doada, pero o apoio da afección é incuestionable.

No seu cadro de xogadores, a Sarriana continúa con grandes estandartes do seu equipo como Maxi Levrand, Boedo, Arona, Millán, Piay ou Jacobo Vilariño entre outros. Tamén se dan os regresos á provincia de Iago Díaz e do sarrián Iago Parga. Ademais, firmaron novos xogadores onde predomina a xuventude con talentos como David Vilán, Hugo Villaverde ou William e tamén xogadores que coñecen a provincia como Antón Núñez, Fernando Embadje, Ju ou Freire.

O fútbol lucense segue forte en Terceira

Na Terceira RFEF, a situación segue sendo moi forte cos tres equipos do fútbol lucense mostrando todo o seu gran peso e experiencia na categoría. Os tres foron capaces de conseguir os seus obxectivos de maneira tranquila ao longo do curso, co Rácing Villalbés entrando no play off, o Lugo B acadando unha sólida tempada na zona media e o Viveiro sumando unha nova permanencia.

O conxunto chairego vivirá unha tempada de moitos cambios despois dun curso positivo con Alberto López no que estiveron a piques de superar á Sarriana na primeira rolda da promoción. No banco estará Juan Rodríguez a cargo do equipo despois dunha longa traxectoria na que ten un gran control da canteira tras un moi bo traballo.

A baixa de Cañi é un golpe duro, pero o conxunto chairego conseguiu manter a pezas de gran valor dentro da infraestrutura do clube. Xogadores como Álex Santomé, Da Lama, Buyo, Make, Javi Rey ou Javi Varela. Tamén salvan a xogadores que saltaron ao once titular na pasada campaña como Cadra, Borja Miguez ou Anthony. En canto aos reforzos, os máis destacados son Pablo Trigo ou Álvaro Herrero.

O Lugo B vive unha nova situación ao ser, oficialmente, un equipo filial, o mellor clasificado do fútbol lucense, e non denominarse como Polvorín. Os albivermellos conseguiron unha gran tempada pasada na que foron un dos conxuntos máis sólidos na zona media. A mala noticia chega coas baixas, xa que nomes como Maceira, Ju, Antón, Lansade ou Freire no continúan dentro do clube.

O filial mellor clasificado do fútbol lucense renova por completo o seu cadro de xogadores con Dani Galán como o seu novo técnico. Só tres xogadores continúan desde a pasada campaña: Candal, Noah e Hugo Díaz. Pola contra, o grupo renovase por completo, aínda que hai nomes coñecidos como a volta de Hugo García. O nome máis prometedor vén do xuvenil, Arao Camala, que xa fixo a pretempada co primeiro equipo.

Na Mariña, o Viveiro está preparado unha campaña máis para o gran obxecito de acadar a permanencia. O ano pasado, Adrián Benavides cambioulle a cara ao equipo na última parte do curso para conseguir que este ano haxa tres equipos representando ao fútbol lucense na Terceira RFEF. O novo ano xa tivo un cambio de adestrador, Luchi estaba chamado a ser o encargado de levar o proxecto, pero non puido manterse no posto por motivos persoais.

Iso fixo que o Viveiro optase por contratar a Alberto López para comandar un novo ano futbolistico en Cantarrana, agora coñecido como Kiko Rey. No canto das súas renovacións, manteñen a Ayoub, Arturo Calvo, Esquerdeiro, Rolle ou Diogo entre outros. No mercado optaron por reforzarse con nomes interesantes como Yanike, Yago Cruña, Lansade, Germán Pared, Valen Mosqueira ou Franco Bellomo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *