O Friol foi o último equipo en clasificarse para os cuartos de final da Copa Deputación da Segunda e da Terceira Futgal. O Friol superou o Santa Comba con dous goles de Dani Roca a noite deste mércores 25 de marzo.
Coa clasificación do conxunto friolés, completouse o cadro para a antepenúltima eliminatoria do torneo. O resto de partidos xogáranse o pasado xoves 19 de marzo, festivo autonómico.
Os clubs clasificados aseguran un diñeiro extra para as súas contas e loitarán por ser dos que alcancen os 5.000 € ao final do torneo.
Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomeamos un xogador destacado de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.
Catro dos seis primeiros da Segunda sur pelexarán por chegar a final
Os equipos que ocupan a parte alta da táboa clasificatoria da Segunda Futgal sur protagonizan os dous cruces da zona nos cuartos de final. O Friol xogará co Ferreira, novamente na Reigosa. Ambos os dous serán dous grandes candidatos a facerse co trofeo final, xa que, a pesar da súa boa clasificación na liga, o actual sistema de competición impídelles ter máis opcións de chegar a unha fase de ascenso xa a estas alturas de tempada.
O Friol continúa co seu gran 2026. Non perdeu ningún partido nin na liga nin na Copa. Venceu ao Santa Comba (2-0). Púxose por diante no primeiro tempo, logo de ter algunha opción, Dani Roca marcou antes do descanso. Xusto ao comezar a segunda metade, o dianteiro definiu nun man a man para marcar o segundo. Dani Roca suma seis goles en marzo.
O encontro volveuse bronco e estivo detido un tempo, debido aos insultos que chegaron dende a bancada. Finalmente terminou, pero o Santa Comba acabou con catro expulsados: dous no campo e outros dous fóra del.
O Ferreira chegou aos cuartos de final despois de superar ao Paradela nos penaltis. Case sobre o tempo, Rafa logrou igualar o gol de Samos. Nas penas máximas, o cadro de Pantón estivo máis acertado cunha boa actuación do veterán gardamallas Xocas, que sempre bota unha man cando non pode xogar Adri García.
San Roque – Lemos B, protagonizan a outro eliminatoria da zona sur, que se resolverá na capital da provincia. O conxunto capitalino foi finalista no curso anterior e pode ser outra vía para facer unha gran temporada se final a pelexa polo ascenso se escapa. Precisamente, ambos os dous conxuntos son rivais nesa pelexa, aínda que o Lemos B (2º) lle quita dez puntos ao San Roque (3º).
O San Roque venceu ao Rubián no Poste por (0-3). A pesar de que o terceiro gol non chegou ata a recta final, o San Roque tivo o encontro controlado. Yelko asinou un dobrete.
A zona sur quedou sen representantes da Terceira coa eliminación tamén do Quiroga, que estaba sendo unha das sensacións do torneo. Con todo, o Lemos B só puido gañar pola mínima. O gol de Samba á media hora foi definitivo.
O vixente campión non estará nos cuartos de final
Na zona norte, a sorpresa foi a eliminación do Riotorto, campión do torneo en 2025, que atravesa unha mala xeira de resultados. Igualou co Casás (1-1) e logo sucumbiu nos penaltis.
O conxunto capitalino, que pelexa por evitar os posibles arrastres na zona baixa da Segunda Futgal, xogará os cuartos de final co Xermade.
O club xermadés superou pola mínima ao Muimenta (0-1), co que a zona norte da Terceira tamén queda sen representación na seguinte fase do campionato. Un gol de Jose Adega ‘Josito’ á media hora de xogo tamén resultou decisivo para o resultado final.
A Mina acollerá outro cruce do torneo, logo de que o Sporting Pontenova fose capaz de derrotar o actual líder da Segunda norte, o Guitiriz. Resarcíronse os locais da súa non tan boa tempada na liga regular, onde pelexan por evitar os posibles arrastres nesa zona baixa. Remontaron o tanto inicial de Asier Bao e acabaron goleando.
Recibirán a Candelaria nos cuartos de final, o único club que pertence a unha parroquia vivo no torneo. Precisamente, o equipo da Rúa gañou nun duelo con outra parroquia, o Matela (1-2).
O Ás de Copas:
A Semana Santa tamén será de Copas:
A Delegación da Real Federación Galega de Fútbol, da man da Deputación, atoparon esta temporada varios ocos para avanzar as eliminatorias de Copa sen meterse tanto ao final das ligas. Na Semana Santa xogaranse xa os cuartos de final da Segunda e a Terceira Futgal, que estarán integrados só por equipos da Segunda. Polo de agora non están confirmados os horarios, a excepción do San Roque – Lemos B que se xogará o domingo 5 ás 17:00 horas.
Eliminatorias cuartos de final:
Casás – Xermade
Sp. Pontenova – Candelaria
Friol – Ferreira
San Roque – Lemos B

