#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Fran Veiga, SD Castroverde: «Temos un grupo moi novo que acabará conseguindo o ascenso»

A SD Castroverde está inmersa na loita polo ascenso á Segunda Galicia. O cadro que dirixe Fran Veiga, axudado no banco por Iago Núñez, disputará este domingo na Veiga do Olmo a ida da final da promoción. Diante terán a unha Piringalla que, pese a ser un equipo de nova creación, leva toda a temporada demostrando que o seu é un proxecto serio.

O preparador dos de Castroverde atende hoxe os nosos micros para analizar as chaves da eliminatoria, que abre a porta a un éxito que levan anos perseguindo na Veiga do Olmo.

Futbolinlugo: Quen é favorito na eliminatoria?

Fran Veiga: Non me podo mollar (ri). Na liga regular ganamos nós en Lugo 0-1 e eles en Castroverde, tamén 0-1. Eles chegan nun gran momento: eles eliminaron a Celta Barreiros e Racing Villalbés ‘B’ na Copa, nós levamos varios partidos xogando coa presión de ganar… e creo que vai ser unha eliminatoria que se decida por pequenos detalles.



Fil: Xa eliminastes a todo un Goiriz.

FV: Ao final contra o Goiriz antes do Playoff xa xogáramos tres partidos: ganamos dous e empatamos un. Pero é certo que teñen moi bos xogadores e que fixemos unha eliminatoria moi seria que se decidiu por pequenos aspectos do xogo e na que puido gañar calquera.

Fil: Cales van ser as chaves destes dous partidos?



FV: Ao igual que no caso do Goiriz, penso que son partidos moi pechados con moi poucas ocasións, na que todos queremos minimizar os erros. Creo que o balón parado pode xogar un papel fundamental, darche un plus para xerar oportunidades.

Fil: Quizais a afección xogue un papel decisivo.

FV: Creo que o máis importante vai ser a tranquilidade coa que os dous equipos afronten os partidos: eles son un equipo moi novo e nós tamén. O seu cadro está formado case de forma íntegra por xogadores recén saídos de xuvenís, mentres que no noso caso só temos un par de veteráns… ambos conxuntos tiramos de xuvenís, sen ir máis lonxe. Eles son o club con máis licencias da provincia, seguramente fagan efecto chamada e todos nos vexamos empurrados pola afección.

Fil: Que balance fas da temporada ata o de agora?

FV: Tiñamos que ver como se axustaba o novo grupo: pero é un gran equipo, tanto a nivel humano como futbolísitico. É certo que houbo momentos da temporada nos que non competimos como debiamos, nin nos adaptamos á propia competición, e estivemos sete xornadas sen gañar.



Porén, o Castroverde ten un cadro de xogadores moi preparado para xogar a promoción e non deberamos ter sufrido tanto. Agora intentaremos redondear a temporada co ascenso e, tendo en conta a xuventude do grupo, se non cae agora caerá dentro de pouco.

Fil: A asignatura pendente, os goles encaixados.

FV: Pegamos un cambio, de feito, no noso estilo. Agora estamos concedendo moitas menos oportunidades e sendo máis pragmáticos. É certo que tamén estivemos varias semanas sen os dous porteiros, que tamén se nota moito neste tipo de datos.

«Non adestrarei ao Castroverde a próxima temporada»

Fil: Seguirá Fran Veiga no Castroverde, independentemente da categoría??

FV: É algo que sabe Fran Veiga e saben os xogadores, queriamos gardalo ata dentro de 15 días. Vou volver ser pai nos próximos meses, e polo tanto farei outro «impasse» nos banquiños: é algo que o grupo xa sabe desde antes de comezar a promoción.

castroverde
O Castroverde celebrando o seu último ascenso, despois de derrotar ó Monterroso B por 2-0 en 2017.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *