Folgueiro, Lemos B e Friol non perden en 2026

  • O Folgueiro e o Lemos B persiguen a Guitiriz e Becerreá. Os dous primeiros clasificados de cadanseu grupo da Segunda teñen os mesmos puntos: 51 o primeiro e 50 o segundo. Folgueiro e Lemos B mantéñense invictos no 2026 na liga, ao igual que o Friol que protaginza a gran remontada na clasificación logo dun mal primeiro tramo de competición.
  • Adrián Cereijo ‘Cere’ (en imaxe de portada) é un dos grandes protagonistas do bo momento do Lemos B. O centrocampista volveu ser protagonista na vitoria do filial do Lemos ante o Santa Coma, equipo co que se distancia en dez puntos.

A 24ª xornada da Segunda Futgal mantén ao Guitiriz e ao Becerreá coma líderes, aínda que o Folgueiro e o Lemos B están a tan só un punto.

As opcións de salvación seguen condicionadas polos arrastres. Non obstante, sobresae a igualdade da zona sur. Aínda que se produciu un corte entre o Portomarín (10º con 32 puntos) e o Paradela (11º con 26 puntos), dende o 11º ao último posto hai catro puntos, co Chantada B (13º) e o Monterroso B (16º) pendentes de recuperar un encontro.

Lembrade que cando falamos dos arrastres poñémonos no peor caso. Os tres descensos directos da Primeira Futgal arrastran nos grupos da Segunda. Incluso podería haber unha baixada a maiores polo arrastre dun equipo galego dende a Segunda RFEF. Agora mesmo ese hipotético descenso non lle afectaría a ningún lucense da Primeira Futgal.

Polo tanto, un ascenso na promoción dun equipo da Segunda libera un arrastre no grupo do que proceda, tanto no norte coma no sur. Por exemplo, se rematase así a liga no sur e o Lemos B lograse subir, tras superar dúas eliminatorias na promoción ante equipos da provincia da Coruña, a posición actual de arrastre do Sober quedaría anulada. 

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Guitiriz e Becerreá

Promoción de ascenso: Folgueiro e Lemos B

Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de un en cada grupo): Sporting Pontenova, Castroverde e Sober

Descenso directo: Matela, San Ciprián, San Lázaro e Monterroso B

Partidos pendentes de xogar:

Sanci – Celta Barreiros (02/04)

Goiriz – Sp. Pontenova (02/04)

Chantada B – San Roque (02/04)

Becerreá – Lemos B (01/05)

Monterroso B – Ferreira (01/05)

O Guitiriz dominou e acabou pedindo a hora

O cadro guitirecense gañoulle 4-5 ao Celta Barreiros, grazas a marcar cinco goles no primeiro tempo. É o seu 15º triunfo do curso e acumula 51 puntos. Conta cun de marxe co Folgueiro e amplía a diferenza co Riotorto a seis.

O Celta Barreiros é 10º con 35 puntos. Pelexa por mellorar a súa posición nunha zona media moi igualada. Está a cinco puntos da 5ª posición.

Os visitantes foron moi superiores no primeiro tempo. Labrada, Asier, un dobrete de Roi e outro gol de Brais deixaron o partido encamiñado. Con todo, con 0-3 en contra, os locais lograran recurtar cun gol de Rocky.

No segundo tempo, a cara do Celta Barreiros foi outra. Conseguiron conectar o balón por dentro e levalo aos extremos e xeraron perigo nos centros laterais. Montoya, que entrou no segundo tempo, contribuiu nesa reacción e marcou o segundo. Ibra acabou asinando un dobrete pero o cuarto xa chegou moi preto do final.

50 puntos do Folgueiro

O equipo do Vicedo mantense na pelexa pola primeira posición ao gañar na Mina, xusto no mesmo campo no que uns días antes o cadro local superara ao seu rival Guitiriz na Copa. O Folgueiro impúxose 1-3 e queda a un punto do primeiro posto. Agora conta con cinco de marxe co Riotorto e seis co Alfoz.

O Sporting Pontenova é 13º, praza que esta semana sería de arrastre ao estar en posición de descenso en Primeira dous equipos da zona norte: Lourenzá e Iberia. O arrastre do 13º liberaríase co ascenso do equipo que xogue o play off, nestes momentos sería o Folgueiro. De todos os xeitos, o cadro pontenovés, cun partido menos, está a tres puntos do Casás. Co actual ritmo de puntuación dos equipos posteriores, semella que entre ambos pelexarán por evitar ese posto. O gol average é favorable ao Casás.

O Folgueiro adiantouse moi cedo por medio de Schuster. A balón parado, os locais empataron por medio doutro gran gol de Alesuco.

Volveu poñerse por diante o cadro visitante antes do descanso cun tanto de Lalas. Controlou o encontro no segundo tempo e á hora de xogo Aarón anotou o terceiro.

O Riotorto perde o ritmo cos da cabeza

Sexto encontro seguido sen gañar do Riotorto, que igualou na 24ª xornada ante o Cabreiros (2-2). Fica na 3ª praza, a cinco puntos da fase de ascenso.

Pola súa parte, o Cabreiros tamén é 8º con 37 puntos, un máis que os seus veciños do Xermade. O club da Acea tamén leva seis partidos sen sumar de tres.

Volveu Isaac a Acea como adestrador, campo no que exercera esa función de local nas anteriores tempadas. Tamén regresaba o dianteiro Echavarri, que foi o encargado de marcar o primeiro ao cuarto de hora. O Riotorto marchou gañando ao descanso 0-2, grazas a un novo tanto de Manu Carreira.

O partido cambiou no segundo tempo. Os locais dominaron con chegadas e Jordano marcou un dobrete.

O Alfoz venceu en Matela

Décimo segundo triunfo do Alfoz na temporada, ao gañarlle ao Matela (0-2). Os pupilos preparados por Javi Chinchón acumulan 44 puntos e quedan a seis da promoción.

Mentres tanto, o Matela segue en descenso directo con 13 puntos. Está a un de saír desa zona, pero quedaría igualmente nun posto perigoso por mor dos posibles arrastres.

O Alfoz xerou ocasións na primeira metade e marcou un gol por medio de Ramos. O Matela someteu máis o seu rival na segunda metade que, aínda así, logrou anotar o segundo.

Cinco vitorias seguidas do Meira

O cadro meirego copia a xeira de vitorias da primeira volta ante os mesmos rivais. Daquela parara o bo momento de vitorias ante o Sanci, a quen derrotou na pasada fin de semana (0-1). O bo momento permítelle alcanzar os 40 puntos e ser 5º, unha posición que hai apenas dúas tempadas sería de play off.

O Sanci continúa na última posición do grupo. Saír do descenso directo está a catro puntos, pero quedaría igualmente nun posto perigoso por mor dos posibles arrastres.

Goiriz e Xermade, táboas na zona media

Sen goles no Ventiño no duelo de proximidade entre Goiriz e Xermade. O cadro vilalbés sitúase na sexta praza con 39 puntos, tres máis que o seu rival (9º). O aliciente por quedar o máis arriba posible será o que motive a estes conxuntos na recta final da liga regular.

Alberto, porteiro do Goiriz e ex do Xermade, foi un dos grandes sobranceiros. As súas paradas tiveron boa parte da culpa de que o resultado non se movera ao longo dos 90 minutos.

A Candelaria non deixou escapar os puntos co Casás

Doce triunfos leva no curso o equipo da Rúa, ao superar ao Casás (3-1). Atópase nesa zona media (7º) tan igualada que vimos comentando con 38 puntos. Os cuartos de final da Copa ilusionan na parroquia cervense.

O Pastoricense curouse en saúde

Décimo triunfo da temporada do Pastoricense ante o Castroverde (1-0). O resultado permítelle sumar 34 puntos e ampliar a distancia co Casás, xuntos antes de xogar co equipo amarelo. Dez puntos de distancia que, en principio, lle evitarán aos da Pastoriza estar pendentes dos arrastres na recta final.

O gol de Cristian na primeira parte resultou decisivo. Xeraron oportunidades os locais, pero o Castroverde tamén tivo as súas, solventadas ben polo gardamllas Carlos.

O Becerreá terma do liderado

Tras dous partidos sen sumar de tres, o líder da zona sur volveu gañar, 2-1 ante a Sarriana B. O 16º triunfo do curso permítelle acumular 51 puntos e manter un de vantaxe con respecto ao Lemos B. Ambos os conxuntos enfrontaranse o venres 1 de maio nun partido pendente, que pode ser crucial.

A Sarriana B mantense na zona media (9º con 32 puntos). Conta con nove de distancia con respecto aos postos que poderían ser susceptibles de arrastres.

Foi un encontro bo de ver para os espectadores do Municipal. Ambos os equipos gozaron de oportunidades no primeiro tempo. De feito, os porteiros Dani Pérez e Víctor Arosa foron os grandes protagonistas en cadanseu equipo. Con todo, a tamén gran actuación de Alexander (O Páramo) impediu que formaran parte de O Noso 11 A Chaira.

Con todo, no primeiro tempo, os locais si lograron superar a meta defendida por Víctor cun gol de Xairo.

No segundo tempo, o filial da Sarriana aínda deu un paso máis adiante, pero un gol en propia complicoulles o empate. Tratou de sentenciar o Becerreá, pero os visitantes non lle perderon a cara o choque. Marcou Brais antes do 80 e a incerteza no resultado permaneceu ata o final.

Oitava vitoria seguida do Lemos B

O filial do Lemos é unha das grandes sensacións da temporada. Non perde desde o 9 de novembro, preciasamente ante o Santa Comba (daquela 1-0). Agora vén de resarcirse ao vencer 5-1 en Monforte. Acumula 14 xornadas invicto e está a espera de xogar o encontro co Becerreá o venres 1 de maio. É 2º con 50 puntos, a un do líder. A distancia con San Roque (3º) e Santa Comba (4º) é de 10 puntos.

Vigo, bigoleador en Paradela

O San Roque logrou o undécimo triunfo da campaña ao gañarlle ao Paradela (0-3). Tras dúas derrotas volveu sumar de tres, pero a distancia coa cabeza non se reduciu. Queda a dez puntos da promoción de ascenso.

O fútbol directo de inicio dos locais incomodou ao San Roque. Os visitantes foron xerando perigo por banda e chegou o primeiro gol por medio de Vigo.

Antes do final da primeira metade, o Paradela puido empatar, pero o que chegou foi o segundo do San Roque a través de Jul.

No segundo tempo, o San Roque non pasou apuros e nun saque de esquina Vigo marcou o terceiro.

O Ferreira mantense por riba do Friol

Vai ser unha das grandes eliminatorias dos cuartos de final da Copa Deputación. Ferreira e Friol son dous equipos feitos e dereitos, que por diversas circunstancias, non están pelexando en postos máis altos. O seu último precedente vai ser o da 24ª xornada de liga, na que igualaron sen goles no Baliño. Habería que ir a penaltis de repetirse o mesmo resultado na eliminatoria.

O punto fai que sigan nas mesmas posicións: Ferreira (5º, con 36 puntos) e Friol (6º, con 35 puntos). Iso si, o cadro friolés mantense invicto tamén neste 2026. Non perde dende o 13 de decembro, once encontros seguidos puntuando na liga.

Terceira vitoria seguida do Palas

O Palas encamiñou a permanencia nas últimas xornadas. Deu outro gran paso ao derrotar ao Chantada (4-0). Entre ambos equipos agora hai dez puntos. O Palas é 8º con 33. Pola súa parte o Chantada B é 13º con 23, nestes momentos o seu posto non sería de arrastre. Con todo, está igualado con Sober e San Lázaro, este último en descenso directo. Iso si, o filial ten un partido menos.

O Portomarín tampouco quere pasar apuros

O Portomarín alcanzou os 32 puntos ao derrotar ao San Lázaro (1-2). Logo de tres partidos sen gañar, a vitoria permítelle coller máis aire con respecto a zona baixa, ademais de tratarse dun rival que podería ser directo. O San Lázaro queda con nove puntos menos e regresa ao descenso directo. Con todo, está igualado co Sober e o Chantada B (un partido menos).

Vitorias importantísimas do Páramo e Sober

O Páramo derrotou ao Monterroso B (0-3) nun duelo directísimo pola permanencia. Ambos os dous conxuntos se presentaban cos mesmos puntos ao partido. Agora O Páramo é 12º con 25 puntos e o Monterroso B é último con 22. Isto dá boa conta do igualada que está a parte baixa da categoría.

O Sober venceu ao Antas (3-2) e o triunfo permítelle saír dos postos de descenso, aínda que está igualado a puntos co San Lázaro. Agora mesmo a praza do Sober sería de arrastre ao estar en descenso o Taboada na Primeira Futgal.

Pola súa parte, o Antas mantense na zona media a pesar de levar tres derrotas seguidas. É 7º con 34 puntos, once máis que o Sober. No caso de que finalmente se producira ese descenso en cadea, podería liberarse coa subida do conxunto que xogue o play off, nestes momentos sería o Lemos B.

Folgueiro, Lemos B e Friol non perden en 2026

O Friol, entre os 8 mellores da