#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal

Fazañas: O Taboada que se colou no Marca

A bancada ateigada de branquiazul en Noia. CANTI

Confinados, recordando tempos mellores. Tempos de fazañas. Hoxe traemos unha tan incrible como intensa. A do único ascenso a Preferente do Taboada. Calquera relato noso quedaríase curto ao lado de todo o que podería contar o gran Canti. Estamos seguros de que alá polo ceo xa saben de sobra onde está o seu pobo. Como cheira o verde da Medela. E quen frecuenta aqueles lares. Sen a súa voz, e coa fin de non destrozar semellante historia, ímola deixar en mans de cinco dos seus grandes protagonistas:

-Emilio García: O adestrador, o líder da nave branquiazul durante máis dunha década.
-Roi: O gardamallas. Moitas xeracións non viron a máis homes que el defender as porterías da Medela.
-Moski: Un dos atacantes por excelencia daquel equipo ao que lle sobraba pólvora.
-Nico: Dezaoito campañas ao servizo do club. O capitán naquela gran tarde de Noia.
-Ibán: O gran capitán. Vinte e tres temporadas defendendo o escudo do Taboada.
A famosa páxina do diario Marca

Neste punto, nós calamos. O relato é de quen fai a historia.

ROI: «Aquela tempada, a 11-12, encarabamola con moita ilusión, facía só dúas tempadas que ascenderamos a Primeira despois de moitos anos en segunda. O primeiro ano en Primeira quedaramos cuartos, tras unha magnífica tempada. Eramos un equipo moi intenso, moi rápido e con moita pólvora arriba con Guerreiro, Ríos, Moski, Marcos… Xogabamos un fútbol combinativo, de saír xogando desde atrás, xogabamos e deixabamos xogar como se soe dicir… Encaixabamos goles pero tiñamos tanto potencial arriba que faciamos gol con moita facilidade».
IBÁN: «O 99% dos xogadores eramos do pobo, unha familia. Soamente Pablo era de Chantada. Esa foi unha das claves nesa época».
NICO: «Sempre había unha relación co pobo. Se non eras de alí ou da zona, tiñas un cuñado de…, un primo de… Recordo que ese ano viñeran así de fóra Basán. E Cabrito, de Monterroso.
ROI: «A tempada comezou e moi pronto o Lemos xa se distanciou de todos no máis alto da táboa, posto que xa non abandoaría. Nós comezamos dubitativos, colleitando resultados bos ante equipos que presumiblemente ían estar arriba e cedendo puntos contra equipos que teóricamente ían pelexar por non descender. O equipo comezou a ser máis regular trala derrota na Medela ante o Ferreira, chegando a encadear dezasete xornadas seguidas puntuando… Entre os que se podería destacar a vitoria ante o Lemos na Medela, no que era a primeira derrota deles».
IBÁN: «Si, botamos dezasete partidos consecutivos sen perder. Xamais olvidarei esa temporada».
ROI: «Competiamos en todos os lados coas nosas armas, moita intensidade, moita velocidade e moita pólvora arriba. Aí pola xornada 15-16 démonos conta que podiamos pelexar polos postos de privilexio, xunto co Páramo, Outeiro e Pastoricense. Olvidándonos xa dun Lemos que marchaba imparable. O punto de inflexión para darnos conta de que podiamos incluso pelexar polo ascenso deuse en Outeiro de Rei, na segunda ou terceira xornada da segunda volta, cando lles ganamos 0-1 facendo un partidazo. Lembro perfectamente que Pepe Martín, adestrador deles, nos viñera dar a noraboa ao vestiario unha vez finalizado o encontro porque «xogabamos ben, daba gusto xogar contra nós e iamos a tódolos balóns coma se nos fose a vida nelo»».
EMILIO GARCÍA: «A verdade é que daba gusto vernos xogar».
Un equipo de lenda. CANTI

ROI: «Pero xusto despois deste partido entramos nunha pequena fochanca. Deixándonos empatar polo Pastoricense un 3-0 na casa, e tamén algún partido máis no que nos deixamos puntos no desconto. Tamén pola xornada 23-24 volvemos caer derrotados, metéranos un 1-4 o Bóveda nun auténtico partidazo deles. Aí distanciámonos de novo dos equipos que pelexaban polo segundo posto, pero eso quizais foi o mellor que nos puido pasar, xogar sen presión e a divertirnos… E púxose de manifesto os domingos o que pasaba durante a semana: vinte tipos adestrando a tope, que querían gañar e gañar e gañar. E así volvemos engachar unha boa xeira de resultados que nos permitiu chegar ás últimas xornadas con posibilidades matemáticas. O partido chave tiñámolo na Medela na antepenúltima xornada fronte ao Páramo, se gañabamos poñiámonos segundos co golaverage a favor e dependendo de nós mesmos… Pero todo se deu mal aquel día nunha Medela a reventar, aos poucos minutos metémonos un gol en propia porta e foi remar contracorrente ante un equipo moi veterano con Mundín, Chasis, etc. A pesar de ter ocasións non puidemos empatar e eles no desconto facían o 0-2. Aí si que parecía que se acabara todo, porque nos puxeramos cuartos, superados polo propio Páramo e polo Pastoricense que na xornada seguinte se enfrontaban como locais a Portomarín e Riotorto, xa descendidos matemáticamente».

IBÁN: «Si, recordo que nós tiñamos mellor golaverage xeral que o Páramo. Pero o particular tíñannolo gañado».
Once titular na ida na Medela. CANTI

ROI: «Pero cousas do fútbol, o Páramo perdeu diante do Portomarín e o Pastoricense non pasou do empate diante do Riotorto, e nós gañamoslle creo recordar que á Resi (non estou seguro) de novo na Medela. Recordo que sempre tomabamos unhas cervexas no bar do campo despois do partido, e xa non estabamos pendentes dos outros resultados, porque dabamos por feito que Páramo e Pastoricense gañarían… Pero de repente alguén dixo «ostia, que o Páramo perdeu e o Pastoriza empatou, estamos terceiros a 2 puntos do Páramo… Se gañamos no campo da Milagrosa na última xornada e o Páramo perde, ascendemos». Aquela tarde foi unha longuísima tarde de cervexas polo pobo… Recordo que esa semana fomos perdendo un pouco a ilusión, porque nos demos conta de que ao Páramo lle valía cun empate para ascender e á Residencia (o seu rival na última xornada) tamén para manter a categoría, e xa se sabe… Todos fariamos o mesmo. De todos modos, era un partido no que, matemáticamente polo menos, había opcións de festexar algo e eso xa era moi importante para o noso equipo e o noso pobo».



EMILIO GARCÍA: «Fora unha temporada marabillosa…».
Once titular na volta en Noia. CANTI

ROI: «A afección acudiu en masa a Lugo, non me acordo pero moitísima xente. a Milagrosa non se xogaba máis que a honra e gañamos fácil, xa ao descanso iamos 0-2… Lástima que a pouco de alí, na Cheda, non ocorría nada. A Cheda rematou 0-0 e nós creo que 0-2 pero ascendeu o Páramo cos mesmos puntos ca nós. Aínda que con menos goles a favor e máis en contra, pero co golaverage particular gañado. Para nós foi unha tempada para enmarcar… E quixémolo facer ben na Copa. Tocounos o Cabreiros e caemos a penaltis xa na primeira ronda… Fin da tempada».

MOSKI: «Pero estabamos de vacacións e chamáronnos».
NICO: «Chamaron da directiva, que había que volver adestrar polo tema do Xallas».
IBÁN: «O Xallas e o Santa Comba xuntáranse. Quedaba unha praza na Preferente. E xogaramonos esa praza co Noia, que era o terceiro do grupo do Coruña».
Taboada, na invasión de Noia. CANTI

MOSKI: «Foi un premio e unha sorpresa. Volvemos para preparar un partido a 180 minutos en xullo».

EMILIO GARCÍA: «A temporada fora marabillosa e a vida deunos a revancha con ese play off».
NICO: «Recordo que ata viñeran do Marca facernos unha reportaxe. Claro, en verán había menos contido. Non tiñan moito que sacar. Xa remataran as Ligas todas».
EMILIO GARCÍA: «Chamábanos xente de Taboada dende todos os lados véndonos no Marca».
MOSKI: «En Taboada quedamos 1-1».
NICO: «Eles tiñan mellor equipo, máis ben máis nome. Tiñan equipo para ascender.»
IBÁN: «E sacáronme a quinta amarilla nese partido. E non puiden xogar en Noia…».
MOSKI: «Noia… 8 de xullo de 2012… Ese partido quedará para a historia. Saímos nun bus. os nervos e a incertidume reinaban no silencio. Alá esperábanos a nosa gran afección con bombos e camisetas branquiazuis».
IBÁN: «Eu fun Manolo o do bombo ese día».
MOSKI: «A gran sorpresa foi que cando iamos quentar chegou outro bus cheo de afeccionados de Taboada. A grada estaba repleta de xente nosa. 600 daquelas 800 persoas que habería, eran nosas».
NICO: «Alá foi apoteósico. A nivel amateur non vivín nada parecido nos dezaoito anos que levo aquí».
EMILIO GARCÍA: «A xente volcouse co equipo dunha maneira impresionante. Nin os rapaces nin eu o olvidaremos nunca».
MOSKI: «Foi un partido trabado e con nervos por parte dos dous conxuntos. No minuto 89 perdiamos 3-2. Unha falta dende medio campo daríanos o billete a Preferente. Subimos todos a rematala e, cun testarazo de Andresiño, entrou».
Andresiño, un gol para a historia dun pobo. CANTI

EMILIO GARCÍA: «Foi o broche final».



MOSKI: «A grada invadiu o campo. quedaban aínda uns minutos de desconto. E acabou. Caíannos bágoas coa alegría. O silencio do bus da ida convertiuse en euforia á volta».
EMILIO GARCÍA: «Os irmáns Cantina e Marcos, o presidente, sempre estaban aí. Foi un premio para eles e para un grupo de xogadores que levaban anos mellorando arreo. Chegábamos á Preferente por primeira vez na historia. E no 40 aniversario do club».
MOSKI: «Aquel domingo houbo festa ata que se fixo de día. Había que ir traballar ao día seguinte, eu inclusive, pero todo era secundario. Unha experiencia inolvidable, creo que non hai adxectivos para describir aquelo».

Fazañas: O Taboada que se colou no Marca

Xusto (S.D. Silva): «No Racing Vilalbés vivín

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *