Rematou a primeira volta na Segunda Futgal. O Riotorto mantense como líder no norte, a pesar de perder co Meira, no que foi protagonista Farra. O Becerreá segue primeiro no sur, aínda que igualou na súa visita a Sober.
A falta de quince partidos para o final, as clasificacións están moi igualadas en determinadas posicións. A loita pola salvación promete varios equipos implicados.
A fin dos arrastres masivos é para a Preferente e a Primeira Futgal. Anteriormente nestas divisións, un descenso directo xa supoñía un arrastre. Agora non. As categorías enténdense como un todo e unha vez que a temporada está rematada, vanse distribuíndo os equipos polos distintos grupos.
É necesario lembrar que nestas categoría os arrastres siguen presentes. Un descenso dun equipo lucense na Primeira, provoca un descenso en cadea na Segunda, ben sexa para o norte ou para o sur. Agora mesmo, os tres descensos directos de Primeira provocan ese arrastre. Tal e como está a situación, aproximámonos a como quedaría a competición, tendo en conta que isto cambiará cada xornada.

De acabar agora a liga:
Ascenso directo: Riotorto e Becerreá
Promoción de ascenso: Folgueiro e Santa Comba
Descenso por arrastre: Castroverde, Friol e Chantada B
Descenso directo: San Ciprián, Matela, O Páramo e San Lázaro
Segunda derrota do curso do Riotorto
O club riotorense perdeu no duelo de proximidade co Meira (2-3). É a primeira derrota da campaña na casa e a segunda da temporada. Só o Guitiriz fora capaz de sacar un punto da Veiga. Con todo, mantense coma líder. Agora con catro puntos de marxe sobre o Folgueiro e o Guitiriz e cinco con respecto ao Goiriz.
O Meira escala un posto co triunfo e sitúase na 7ª posición. Acumula 25 puntos e gaña o dereito a loitar polos postos altos na segunda volta. Con varios equipos na pelexa, pero está a catro puntos da praza de promoción de ascenso.
O Meira saíu ben plantado, aínda que a posesión do balón foi do Riotorto. Tras un par de avisos ao contragolpe, marcou o veterán Jorge Gómez ao aproveitar un rexeie tras un balón parado.
No segundo tempo, os locais igualaron por medio de Carlitos. Con todo, o Meira foi capaz de volver poñerse por diante cun gran gol de falta directa de Farra. O cadro riotortense protestou esa acción que desencadeou no balón parado e con anterioridade recriminara unha pena máxima.
Avanzado o encontro, Kevin deulle máis vantaxe aos seus co terceiro, novamente con polémica. Nos instantes finais Osky recurtou diferenzas. O dianteiro anotou o seu décimo cuarto gol en liga. Ao final, o propio Kevin foi expulsado no Meira e sancionado cun partido.
O Folgueiro volve á promoción
Os pupilos adestrados por Manuel Vicente aproveitaron as derrotas de Riotorto e Goiriz para gañar puntos. Volven á segunda posición tras superar ao Sanci (5-0). Acumulan 29 puntos, a catro do liderado e están igualados co Guitiriz. Quedan agora cun punto máis que o Goiriz e dous por riba do Cabreiros.
O Sanci remata a primeira volta en descenso directo con sete puntos. Agora mesmo a salvación estaría na 13ª praza, precisamente a sete puntos. Precisa mellorar moito o ritmo de puntuación con respecto á primeira volta para pelexar pola salvación.
Os locais partiron con vantaxe porque marcaron moi rápido por medio de Aarón. Con todo, os visitantes realizaron boas combinacións e equilibraron o choque en xogo. Superada a media hora, a expulsión de Jairo condicionou o resto do partido. Un tanto de Oki e outro de Aarón deixaron o partido visto para a sentencia no segundo tempo.
Xavi e Pagua encargáronse de sentenciar o resultado nun segundo tempo con pouca historia.
O Guitiriz, o mellor da Segunda nun domingo da desgraciada lesión de Manel
Sexto triunfo seguido do Guitiriz. Superou ao Goiriz (4-0) nun dos partidos da xornada pola posición de ambos equipos.
Nun primeiro tramo de partido, o Goiriz foi superior. Amosou as súas potencialidades e chegou con máis perigo a área rival. Cara o final do primeiro tempo, os locais comezaron a ter máis dominio de balón e xeraron algunha ocasión. Gozaron dun penalti, que lanzaron alto.
No segundo acto, o Guitiriz púxose por diante ao pouco por medio de Adri Santamariña. Máis tarde, marcou Labrada e Asier. O propio Asier redondeou a conta asinando un dobrete ao final do encontro.
Ademais da boa xeira, o Guitiriz tamén contou co regreso de Sergio Campello. O xogador da casa non iniciara a temporada, pero xa volver formar ao 100 % do equipo adestrado por Jose Manuel Lorenzo.
A mala nova do encontro produciuse superada a media hora de xogo. Nunha acción en solitario, o veterán Manel lesionouse de gravidade. A gran icona do Goiriz acumulaba 14 titularidades este curso aos seus 52 anos. Dende aquí mandámoslle moito ánimo para el.
O Cabreiros alcanza os 27 puntos
O conxunto adestrado por Saúl Méndez finalizou a primeira volta na quinta posición, a dous puntos do posto de promoción de ascenso. Sumou a novena vitoria ante o Matela (5-0) e, sen empatar ningún encontro no que vai de liga, mantense nos postos cabeceiros.
O Matela acabou a primeira parte da temporada na última posición con tan só seis puntos. Agora mesmo estaría a oito puntos da salvación. Precisa redobrar esforzos na segunda metade do campionato.
A pesar do resultado abultado, os locais non clarificaron o partido ata que avanzou o segundo tempo. Nos primeiro 45 minutos apenas houbo ocasións e se hai que dicir un equipo mellor plantado no campo foi o Matela.
Con todo, o Cabreiros camiou a súa imaxe na segunda metade. Adiantouse por medio dun balón parado. Tardou en sentenciar pero fíxoo grazas aos goles de Alberte, Jordano e un dobrete de Chema.
O club da Acea aproveita o inverno para reforzarse. Anunciou a incorporación de
O Alfoz volve marcar os mesmos que recibe
O cadro alfocense igualou na casa co Castroverde (3-3). Quinto empate do curso que o sitúa na sexta posición, a tres desa promoción de ascenso.
Pola súa parte, o Castroverde sumou o seu terceira empate consecutivo na liga. Acumula catro xornadas seguidas sen perder, pero é antepenúltimo con nove puntos. Conta con dous puntos de marxe co descenso directo, pero agora mesmo a súa posición sería de arrastre. Estaría a cinco da salvación.
O Castroverde colleu por sorpresa aos locais e púxose por diante con dous goles de vantaxe, da autoría de Gelo e de Tato. O Alfoz reaccionou e logrou igualar antes do descanso cos tantos de Manu Soto e Dani Jiménez. Ademais, os visitantes quedaron cun menos pola expulsión de Adri.
Con todo previsiblemente a favor, o Alfoz non foi capaz de xerar as ocasións desexadas para conseguir a remontada. O Castroverde mantívose unido e tentou levar perigo ao contragolpe. Non obstante, foi a balón parado como marcou o terceiro cun remate de Noel.
Nun último arreón, os locais salvaron un punto nun saque de esquina. Dani Jiménez meteu o pé no medio de tantos dentro da área.
Terceira vitoria seguida da Candelaria
O club da Rúa superou ao Celta Barreiros (1-2) na estrea coma local de Donato de adestrador. A Candelaria alcanza os 22 puntos e é 9ª. Con tres puntos menos sitúase na 10ª posición o Celta Barreiros.
Tras unha primeira metade bastante trabada, o segundo acto estivo cheo de actividade. Primeiro aos visitantes anuláronlles un gol. Logo, si subiu ao marcador o primeiro de Manu Martínez. Despois teñen un penalti a favor que detivo Flavio. Máis tarde, quedaron cun xogador menos coa expulsión de Mista.
A pesar de todo, Manu Martínez asinou o dobrete e encamiñou o partido. O dianteiro de Burela suma xa 16 goles no curso. Apertou o Celta Barreiros, pero resistíuselle o gol. Non foi ata os intres finais que Rocky lle marcou ao seu ex equipo.
O Pastoricense empatou na Pontenova
O club da Pastoriza igualou a un gol na Mina. Remata a primeira volta con 19 puntos, a dez da praza de promoción de ascenso. A xeira é negativa, tras cinco encontros sen ganar en liga.
Con cinco puntos menos atópase o Sporting Pontenova, que agora mesmo marcaría a zona de salvación. Conta cos mesmos puntos que o Casás e ten cinco de marxe co Castroverde.
Encontro moi competido. Quizais cunha maior sensación de dominio dos locais no primeiro tempo, sen deixar que o rival se atopase cómodo coa posesión do balón. Aínda así, o vento tamén condicionou moito o xogo.
No segundo tempo, o Sporting púxose por diante cun gol de Álex. O Pastoricense empatou no último tramo de partido por medio de Manel.
O Casás superou ao Xermade
O conxunto capitalino venceu 4-1 ao cadro xermadés. Cuarto triunfo do curso que lle permite afastarse momentaneamente da zona de máis perigo. O Xermade mantense na zona media con 24 puntos e sen ter lonxe a promoción.
Os locais foron superiores e realizaron un dos mellores partidos desta tempada. Marcaron rápido por medio de Noé e iso tamén lles beneficiou. Gran gol do lucense dende lonxe.
No segundo tempo, o Xermade tivo o seu momento no primeiro cuarto de hora. Non o aproveitou e o Casás encamiñou o partido cun dobrete de Adrián Román. Recurtou diferenzas o Xermade por medio de Hugo, pero Juan sentenciou para os locais.

O Becerreá campión de inverno no sur
Os pupilos preparados por Javi Gómez igualaron na súa visita ao Sober (1-1). Con todo finalizaron a primeira volta como líderes. Agora dispoñen dun punto de vantaxe con respecto ao Santa Comba, o seu rival tamén nos dezaseisavoz de final da Copa Deputación.
O punto é moi importante para o Sober, que está nunha zona baixa moi igualada. Agora mesmo, dous equipos da Primeira Futgal poderían arrastrar para a Segunda sur, polo que cada punto conta. O cadro soberés é 12º con 14, empatado co Friol e só cun punto máis que Chantada B e O Páramo, este último en descenso directo.
Xogo directo no primeiro tempo con poucos, pero achegamentos para os dous equipos. No segundo acto, o Sober comezou mellor, pero quen se adiantou foi o Becerreá. López marcou de penalti.
Os locais buscaron o empate. Agus fixo unha boa parada. David Piñeiro foi expulsado. Aínda así, Martín logrou o empate. O Sober defendeu os últimos minutos e sumou un punto ben aproveitado tal e como se deu o tamo final.
O Santa Comba venceu na estrea de Marino no Páramo
O conxunto da parroquia do mesmo nome gañoulle 3-2 a un Páramo que estreaba adestrador coa chegada de Marino. Os tres puntos permítenlle ao Santa Comba quedar só a un do líder e ampliar diferenza cos perseguidores: sete por riba do Ferreira e oito con respecto ao Lemos B e ao San Roque.
O Páramo cae a posición de descenso directo, pero a competición está moi igualada na zona baixa. Ademais, entre os posibles arrastres, ninguén se pode despistar.
Xocas volveu a portería do Ferreira para gañarlle ao San Lázaro
O Ferreira levou os tres puntos ante o San Lázaro (4-1) nun encontro no que volveu poñerse baixo paus o preparador de porteiros Xocas, debido a ausencia de Adri García por motivos laborais. É o oitavo triunfo do conxunto preparado por Manu Rodríguez, que queda a sete puntos da posición de promoción.
Pola súa parte, o San Lázaro é o último clasificado con 9 puntos. Precisa aumentar o ritmo de puntuación na segunda fase do campionato para pelexar pola salvación, que agora mesmo estaría a cinco puntos.
O Lemos B igualou co Paradela
O filial lemista empatou a un gol na casa co Paradela. O resultado provoca que baixe unha praza e quede agora a oito puntos do posto de promoción de ascenso. Mentres tanto, os visitantes soben ata a 10ª praza, con 19 puntos. Nestes momentos están en cifras de salvación.
O San Roque non puido marcar ante unha Sarriana B que segue sumando
Non houbo goles en Montirón. O San Roque igualou 0-0 co filial da Sarriana e acumula cinco xornadas sen coñecer a vitoria. Mantense nos postos cabeceiros, pero máis afastado da zona de promoción, a oito puntos.
Pola súa banda, a Sarriana B prosegue co seu bo facer en liga. Empate a domicilio para alcanzar as cinco xornadas invicta.
O Antas levou o derbi
O duelo da Ulloa da categoría quedou en Antas, que venceu 3-2 ao Monterroso B. O resultado fai medrar na clasificación aos locais, que alcanzan a sexta posición con 23 puntos, catro máis que o filial monterrosino, que é 11º. A zona media tamén está moi igualada.
O Portomarín volveu ao camiño da vitoria
Tras derrotas seguidas na liga, o Portomarín impúxose ao Chantada B (2-0) e logrou tres puntos moi importantes para afastarse máis da zona baixa. É 9º con 20 puntos.
O filial chantadés rematou a primeira volta fóra do descenso directo (igualado co Páramo), pero agora mesmo a súa antepentúltima posición sería de descenso por arrastre.
O Friol esperta: 3 vitorias nos últimos catro encontros
Triunfo pola mínima do Friol ante o Palas (0-1). Cuarta vitoria do curso que lle permite saír do descenso directo e colocarse con 14 puntos. Polo memento, a loita pola salvación segue sendo o obxectivo máis inminente, pero a visión xa é diferente ao lograr nove puntos dos últimos doce en xogo. O Palas queda con 20 puntos na zona media.


