Drama asegurado no Arturo Pereiro
-
- 0
- 3min de lectura
O Arturo Pereiro alberga mañá, domingo, ás 12.00, un dos duelos máis relevantes da xornada na Primeira Futgal. O cadro local, o CD Castro de Dumi, mídese ao Pastoricense que dirixe Juanma, amigo persoal do técnico vermello. O derbi non supoñerá tan só 3 puntos e un partido de máxima rivalidade, senón que ambos conxuntos teñen en xogo facer os deberes da temporada, ou non.
Pola parte local, o Castro ten que gañar ou empatar o partido para garantir a súa presenza na promoción de ascenso á Preferente. De perder diante do Pastoricense, os Máxicos de Dumi terán que agardar que a SD Chantada non gañe na súa visita a Cerdeiriños. O preparador recoñeceu que «non me gusta darnos por favoritos en ningunha xornada. Temos que estar ao 100% e a un nivel moi alto, dada a importancia do partido». O adestrador admitiu que «non é o partido que máis me gusta para rematar unha temporada. Ademais teño unha moi boa relación con Juanma por todos os anos que botamos xuntos e supoño que para el tamén será bonito volver a Castro».
Con respecto ao partido, Dumi sinalou que «teremos que estar concentrados e evitar que os nervios nos xoguen unha mala pasada. Temos moito talento arriba e adoitamos xerar moitas ocasións, así que se estamos serios atrás teremos moito ganado». No tocante á promoción, «sería un gran premio xogala logo dun ano con moita baixas, cun grupo de xuvenís que nos está axudando moito. Non temos nada mirado porque non estamos preocupados por iso aínda. Aínda que o grupo é curto, temos un cadro moi contrastado e que pode competir cara a cara con calquera».
No bando visitante, Juanma volverá á que xa foi a súa casa nun partido moi especial, como el mesmo recoñeceu: «por suposto que o afecto e cariño que lle teño ao Castro é incalculable, pero necesitamos os tres puntos para ter opcións de salvación». É certo que a situación é complicada para o Pastoricense. Terán que vencer ao Castro e agardar polos resultados de Outeiro de Rei (na casa do Xove) e Oural (fronte ao Guntín no Luis Pallín). O empate pode evitar o descenso directo dos do Acebreiro, se o Oural perde o seu partido.
O técnico do cadro branco afirmou que «eles son favoritos polos xogadores contrastados que teñen. Pero nós imos ir a pola victoria no Arturo Pereiro, cun equipo recoñecible, vertical e capaz de cotrarrestar as numerosas virtudes do Castro». Unha vez conseguido o resultado, «só queda agardar un tropezo do rival e confiar no ascenso de lucenses como Racing Villalbés ou Sarriana».