O mercado na nosa provincia segue a botar fume nesta segunda semana do mes de xullo.
Comezamos na Segunda RFEF onde o chairego Rares atopou novo destino. Tras o seu paso polo Pontevedra, o mediapunta xogará nas filas do Coruxo, polo que gozará doutra oportunidade de amosar a súa valía na categoría.
Na Preferente boas novas para o Pol. Samu Ríos continuará un ano máis no Municipal. O extremo colombiano chegou ao club no mercado invernal e non tardou en amosar a súa calidade. No Lemos destaca o retorno de Brais Pardo, logo do seu paso polo Barbadás da Terceira RFEF, conxunto no que chegou a disputar vintenove partidos.
Moitas novidades na Primeira Futgal. O Lourenzá renovou a tres dos seus puntais. Raúl, Jose e Paulo seguirán no ‘Atleti‘ ás ordes de Rubén Acebedo. No Santaballés continuará o mediapunta Josiño, que disputará a súa sétima temporada na Liga e no Castro fará o propio Rulo. A Residencia asina a contratación do defensa Óscar, procedente do Ural coruñés.


Un chanzo máis abaixo, o Alfoz continua coa renvoación de boa parte do seu cadro de xogadores. O conxunto do Castro de Ouro garantiu a continuidade de Chinclavo, un dos clásicos do conxunto branquiverde, así como de José María, atacante de orixe venezolano que cumprirá a terceira campaña no club. O Lemos B contará na nova temporada co central Vilariño, xogador que militou no primeiro equipo da entidade monfortina as dúas últimas temporadas e que por motivos académicos retorna ao filial. Chega tamén ao club o lateral zurdo Luigi.
O Abadín comeza tamén a planificar o novo curso e anunciou a fichaxe de Ángel Paz ‘Bufy‘, un central de garantías que retorna ao club logo do seu paso polo Racing Vilalbés B. Non continuará na entidade o centrocampista Vicente. O que fora xogador ‘All Star Futbolinlugo‘ en Mondoñedo 2023 non renova logo de tres anos no Municipal. No Catro Roldas Danny Yáñez, Nunes e Dopico continuarán unha temporada máis ás ordes de Suso Coto.
As malas novas chegan no tocante ás baixas de varios clubs. O Chantada Atlético B non sairá a competir na vindeira temporada, aínda que o golpe máis grande chega no fútbol feminino. A nosa provincia terá dous conxuntos menos, nun principio. O CD Lugo non contará cos seus dous conxuntos de cara a vindeira temporada.

