#Fútbol afeccionado #Feminino #Preferente Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 451

A fin de semana do 7 e do 8 de setembro os equipos lucenses do fútbol afeccionado comezarán as súas competicións. Na Terceira RFEF, o Viveiro, o Racing Villalbés, o Lugo B e a Sarriana inician a súa penúltima semana de preparación.

A última incorporación do cadro viveirense é Pablo Calvete segundo adiantou El Progreso. O mediocentro xogou a última temporada no FC L’Escala, na 3ª RFEF de Cataluña. Pasou pola canteira do Girona e medrou na base da Ponferradina.

O grupo adestrado por Jandry Rego conta con vinte futbolistas. Polo momento producíronse once fichaxes; catro delas mariñás: Xoel Rodríguez, Lucas Fanego, Carlos Teixeira e Jorge Insua. Ademais de: Chucas, Víctor, Solomon Teiko, Germán Giammatei, Álex Vila, Diego Herrador e Pablo Calvete.

Da temporada pasada mantéñense nove xogadores, cinco deles da Mariña: Arturo, Rolle, Juan López, Cora e Adri Lombao. Ademais dos porteiros Ayoub e Lluc e de Diogo e o guntinés Diego.



Na Preferente, que tamén comeza a primeira fin de semana completa de setembro, o Pol incorpora a Ablaye Barro ‘Laye’ procedente do Paiosaco de 3ª RFEF. O xoven futbolista de orixe senegalés ten experiencia en Preferente no Atlético Arteixo.

O Cospeito sae a competir

O capitán do Cospeito Tito foi un dos que tirou por evitar a desaparición da competición do club

A Segunda Futgal polo momento non ten o seu calendario. En principio, crese que podería ser público esta semana. Todo a espera do que acontece coa Milagrosa.



Na zona norte, se nada se torce, o Cospeito sairá a competir. Logo dun verán difícil con moitas dúbidas sobre a continuidade do club, o Cospeito cumprirá o ano que vén 40 anos dende a súa inscrición na Federación. Miguel Fernández, ex adestrador da Comercial ou do Rioaveso será o adestrador. Dos últimos cursos seguen os capitáns Tito e Diego, ademais de Cancio e Jesús Anido.

Coa continuidade do Cospeito na categoría, o Mondoñedo competiría en Terceira. O cadro mindoniense foi o descendido por arrastre na 2ª norte. No caso de que algún equipo do grupo non competise, sería a quen lle pertencería a praza por dereito deportivo.

Na zona sur, o Antas continúa construíndo o grupo que estará dirixido por Hugo Vázquez Ascariz. Producíronse nos últimos días grandes non movementos do verán porque se manteñen no club. Minguello e Ramos; o de Regadío non o de Camas, continúan. Tamén segue o gardamallas Kevin Almuíña.

Ademais chega Vicente. Son unha constante as fichaxes cruzadas entre Monterroso e Antas neste verán. O defensa xogará no club da súa vila tras acumular tres cursos en Cerdeiriños.

O Palas confirmou que dous dos xuvenís que finalizan esta etapa quedaranse no cadro sénior. Son Álvaro e Rodri, ambos da xeración do 2005.

No 451, as dúbidas do Chantada B

O filial da SD Chantada non sabe se xogará en Segunda ou en Terceira. Todo depende de en que categoría quede finalmente a Mila. O conxunto B anunciou polo momento que conta con dezaoito xogadores, ademais dos que se poidan ir incorporando da base.

O adestrador Jorge González conta con Josiño, Raúl Fernández ‘R.D.N’, Nico, Iker Moure, Valdés, Jorge Riocabo, Artai, Jony, Iñaki López, Mourenza, Cristian Fernández, Antón Pardo, Martín De Arriba, Pau, Martín García, Álvaro Goyanes, Miguel Vázquez e Adri López (porteiro que alternará o xuvenil cos equipos sénior).

No 451, fichaxes de nivel na Terceira

Na Terceira Futgal, o Goiriz ficha a un futbolista de renome noutras categorías. Adrián Vizoso chega ao Ventiño. O futbolista de 28 anos e de perfil ofensivo levaba parado dende a chegada da pandemia. Anteriormente xogou en Preferente no Ribadeo, no Outeiro e brevemente no Castro. Ademais militou na Resi en Primeira e tamén no Muimenta.

Pola súa parte, previsiblemente, o Cazás dará un salto de calidade coa chegada de dous futbolistas. Incorpora a ‘Seo’, central con experiencia en Primeira, tras formar parte varias tempadas do Santaballés.

Tamén suma para a causa a Alfonso. O mediocentro do Codesido xogou no Machinango e no Santaballés en Primeira, ademais de acumular minutos co Goiriz ou o Xermade (o seu último equipo) en Segunda.

No 451, o Antas con máis gol

Jenny García (dereita) compartiu carreira no IV All Star Futbolinlugo Guntín 2024 con Nuria Louzao, a que volverá ser a súa compañeira no Antas e agora tamén presidenta

Na Segunda Futgal fem, o Antas anunciou nos últimos días o regreso de Jenny García Abelleira. A goleadora do curso anterior no Carballedo e xogadora All Star Futbolinlugo Guntín 2024 asegura gol no Castro Seoane. Da súa man chega tamén Belén Pedreira.

O club fixo pública tamén a fichaxe de Sonia. A xogadora de Monterroso probará experiencia no balompé, tras unha traxectoria deportiva ligada ao balonmán. Ademais a tamén monterrosina Ania Porto renova.

Pola súa parte, a SD Chantada, adestrada por Nieves Álvarez, xa comunicou a renovación de catorce futbolistas. Continúan as All Star Futbolinlugo Guntín 2024 Saray Ferreiro e Laura Caseiro.

Ademais de Elisa Vázquez, Noa Rodríguez, Ana Fernández, Andrea Novoa Goyanes, Andrea Mazaira, as xemelgas Eva e Sara Piñeiro, Nati Cervelo, Laura Caseiro, Noela Pérez, Ángeles Santos, Rocío Cudeiro e Tania Novoa.

O Monteforte comunicou a continuidade de tres das súas xogadoras. Segue a monfortina Vanessa González ‘Roble’ que vivirá a súa sétima temporada no club. Ademais de Iria Fernández e da soberina Carla Vázquez.

Diario dun mercado. Episodio 451

Diario dun mercado. Episodio 450

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *