Iniciamos este novo Diario dun mercado cunha importante alta en Ribadeo. Ramón Labrada terá á súa disposición un defensa de garantías como Agus Pereira. O antigo zagueiro do Pol chega ao Pepe Barrera para apuntalar a parcela defensiva do cadro mariñán tras unha grandísima tempada no Municipal.
Na Primeira, temos unha xornada de renovacións. Javi Celes e o atacante Diego Chao prolongan o seu compromiso co Burela. Pola súa parte, o central Davor González e o centrocampista Iván Calvo ‘Gontá’ renovan co Monterroso. Os dous xogadores aumentan o vínculo co seu club ao facerse cargo do equipo xuvenil. ‘Gontá’ será o primeiro adestrador e Davor, o seu segundo.
Tamén toca comunicar baixas pola Chaira. Víctor Roca e Michi non seguen no Racing Villalbés B. Ademais, na Residencia contan cun ilusionante regreso. O defensa Iván Barrio volve aos terreos de xogo despois dun ano sabático en termos balompédicos. O seu último equipo foi o Oural.
E falando do Oural, por alá informamos de dúas fichaxes. Incorporan ao defensa Pablo Cao desde os veciños da Sarriana B así como ao talentoso dianteiro Yago Fernández (ex do Pol e Guntín). O ariete, formado na base do Lugo e con pasado en categorías superiores, agarda recuperar a mellor versión na súa terra.


Por último, un par apuntes de Segunda Futgal. Dani Jiménez volve ao Alfoz logo dun ano de parón e Brayan renova polo Sporting Pontenova.

