O mes de agosto comeza con máis movementos no mercado. Sen ir máis lonxe, a sonada marcha de Gerardo Carrera do Pol. O asturiano non continuará no cadro do Manuel Luna logo do ansiado ascenso. Na Primeira Galicia, o Burela anunciou as renovacións dos canteiráns Brais Penelo, Yago Martínez e Iván Maseda. Os veciños do Xove Lago fichan a Javi Barja e Dani Martínez desde o Viveiro Xuvenil, e a Aitor e Álex, que chegan desde o xuvenil do Xove FS.
Mercado movido en chantada
O recén ascendido San Lázaro perde a xogadores importantes: Núñez e Ily deixan o cadro, e Pablo Gómez, Manel, Mariano e Samuel incorpóranse á sección de veteráns dos celestes. Tamén o Chantada Atlético ultima o seu cadro de xogadores: renovan Cañón, Zorrito, Porto, Diego Torres, Anxo Otero, Gayoso, Poyán, Pana e Ivi López, e asinan polo club chantadino Adrián Román, Anthony, Caio e Leo. Xa na Segunda Galicia, o San Roque recupera a Faustino, que volve a Montirón logo de varias temporadas na Milagrosa. Precisamente en Frigsa continúan Fran Rodríguez, Anxo, Marco e o MVP do All Star e capitán dos albivermellos, Joel Vasco.

Na Terceira, o filial da Sarriana estará dirixido por Raúl Fernández e, a maiores, existe a posibilidade da creación dun novo conxunto ‘B’ na provincia, do que informaremos nos vindeiros días. Por outra banda, a sección feminina do San Roque apunta á desaparición, motivada en parte pola marcha do seu adestrador Quiroga ao PM Friol ‘B’. O preparador lucense compaxinará estas tarefas coa base do Sagrado Corazón.

