O noso Diario dun mercado de hoxe comeza na Preferente Galicia. Adri Álvarez renova no Atlético Escairón. O dianteiro de Monforte fará 20 anos xa ca tempada comezada. É a décimo cuarta renovación do cadro do Saviñao que suma en total 21 futbolistas confirmados.

Na Primeira, o recén ascendido Oural iniciou a pretemporada con 24 futbolistas seguros para o próximo curso. Á xa comentada chegada de Fabián Tourón hai unhas semanas, engadimos nos últimos diarios cinco fichaxes máis. Seguen 18 xogadores que lograron o ascenso. Os porteiros Manel e Julián, os centrais Fran (capitán), Barrio e Arias, Goyanes e Javier López (laterais destros), Munir e Michi (laterais esquerdos), Porral (mediocentro), Sergio e Pandiscia (extremos destros), o máximo goleador do curso pasado Mario Puerta (extremo esquerdo), o All Star Cayuela e Abreu (medias puntas) e os dianteiros Vilar, Ospina e Diego Díaz.
Nesa mesma categoría, toca falar doutra das novidades: o Racing Villalbés B. José Manuel Lorenzo será o acompañante de Iván Lamas no corpo técnico do filial chairego. Jose é un dos emblemas es SD Guitiriz nas derradeiras dúas décadas. Nos últimos tempos foi adestrador da base, xogador e tamén presidente, cargo onde acaba de ser relevado. Aínda está en dúbidas a súa continuidade sobre o céspede, pero o que é seguro é a súa chegada aos bancos do fútbol sénior.

Baixamos á Segunda Galicia, onde o Muimenta xa desvelou o seu novo técnico. Héctor Expósito, procedente da Milagrosa e club no que seguirá como coordinador do feminino entre outras funcións, e Saúl Méndez farán tándem no banco do Muimenta. O novo corpo técnico substitúe a Álex Vázquez que deixou o club hai unhas poucas semanas ao asumir máis funcións na base do CD Lugo.


Nos veciños do Cospeito, a situación é bastante máis delicada. Na Fonte buscan xogadores para saír a competir a próxima temporada. Mantéñense uns dez futbolistas do curso anterior. De non lograr conformar un cadro, o club non competiría no próximo curso. O próximo ano celebraría o corenta aniversario dende a súa inscrición na Federación.

Por outra banda, Álex Costea regresa ao Sporting Pontenova despois dun breve paso polo Astur Vegadense. No Grupo Sur, Adrián Cereijo xogará a súa primeira temporada como sénior no Lemos B. O futbolista procede do xuvenil do Calasancio.
No capítulo do fútbol feminino, Felipe Varela ‘Pipo’ mantense como adestrador da Milagrosa na nova temporada na Terceira Galicia logo do descenso. Renovan 18 xogadoras da pasada campaña. Incorporan a Zaida, que estaba sen equipo, e volve a porteira All Star 2024 Lara Veiga tras o seu paso polo filial do CD Lugo. Ademais, a Comercial incorpora a unha nova futbolista. Trátase da extremo Dani, procedente do Eirís.
