Abrimos este novo Diario cun futbolista que deixa o noso fútbol. O ferrolán Hugo García, que militou a última temporada no Polvorín, é novo xogador do Rayo Majadahonda, conxunto recén descendido á Segunda RFEF.
Na Sarriana seguirá unha temporada máis Brais Prieto. O do Valadouro militará por cuarta temporada no conxunto da Ribela. Tamén renova Adri Díaz. O monfortino viviu unha temporada en branco por mor dunha lesión e buscará facerse un oco na Terceira RFEF.
O uruguaio Rodrigo Nahuel seguirá un ano máis no Atlético Escairón. Será a segunda temporada no Saviñao a onde chegou procedente do Lemos.
Seguimos con máis renovacións. Borja Silvosa xogará por segunda temporada no Outeiro de Rei. O Foz garantiu a continuidade de tres xoves futbolistas: Santi, Anxo e Aarón estarán ás ordes de Pelayo na vindeira campaña. Na SD Chantada continuará Povis.
O Xermade anunciou a renovación de Anxo e Andy. O mondoñedo contará con Fabián como segundo adestrador. O mindoniense, que xa ocupou o posto na última temporada con Isra, será tamén o axudante de Sergio Fernández ‘Setxo‘.
O Carballedo renovou a súa xunta directiva, que estará encabezada por Diana Gómez como presidenta e Roberto Osorio ‘Sementa‘ será o vicepresidente. Adrián Pateiro, cunha longa traxectoria no fútbol do sur da provincia, será o novo adestrador do conxunto masculino, mentres que ‘Sementa‘ será o encargado de dirixir ao equipo feminino.