O mercado fai parada outra vez na provincia para deixar novidades relevantes. É o caso da Terceira RFEF, pois o Polvorín incorpora ao defensor Nacho Puente, que chega desde o Viveiro, mentres que os celestes recuperan a Lucas Fanego. O do Vicedo retorna á súa casa logo dun ano no xuvenil do Celta de Vigo.
O mercado nas categorías autonómicas, tamén moi movido
Na Preferente, o Escairón renova ao seu gardamallas Parapar e incorpora ao defensor Nico Ferreiro, que chega desde o Prainha e logo de formarse no Calasancio. Fóra dos límites da provincia, o CD Barco asinou ao lateral sarrián Álex Vázquez, que este curso xogou no Somozas.
Xa na Primeira Galicia, o Meira de Manolo García anunciou as renovacións de Matedios e de Diego, mentres que o Santaballés incorpora ao lateral Cabado desde o Cospeito. Pola súa banda, a Residencia mantén a columna vertebral coa renovacións dos capitáns Diego, Róber, Chiqui e Rasilla, ademais de Martín, Tebi, Artai, Pereira, López e Marcos.

Na Segunda, César seguirá no Ferreira, mentres que Mákina cumprirá a súa sétima temporada no Celta Barreiros. Por último, Santi Cazás renova no Catro Roldas.

