#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal

Diario dun mercado. Episodio 419

O capítulo 419 trae movementos por toda a provincia. Á par das altas e das baixas, nalgunhas categorías xa coñecen o esquema da próxima temporada. Un exemplo é a Preferente na que os equipos xa están distribuídos en dous grupos e hai novidades no formato de competición.

Na Terceira RFEF, a Sarriana anunciou a continuidade de Máximo Levrand. O defensa arxentino de 21 anos cumprirá a súa segunda tempada na Ribela. Para a defensa do cadro sarriao tamén chega Miguel Raimundez. O xoven defensor procede do Juvenil de Ponteareas co que competiu esta última tempada en Preferente. Anteriormente formou parte do xuvenil de División de Honra do Coruxo e chegou a ter algún minuto co primeiro equipo en 2ª RFEF.

No tocante as baixas, non continúa na Sarria o lateral Tijan Sohna. Ficha no Bergantiños onde coincidirá con Jorge Cuesta, adestrador da Sarriana nesta última campaña. O conxunto preparado por Jaime Paz conta con doce xogadores anunciados de cara a nova temporada: Javi Liz, Valentín Mosqueira, Ruchi, Martín López, Maxi Levrand, Miguel Raimúndez, Jacobo, Luis Díaz, Arona Sané, Boedo, David Guitián e Santi Gegunde.

No Polvorín que continuará adestrado por Dani Galán vaise manter o defensor Damián Noya. Na estrutura albivermella continuará Antón Méndez. O ex adestrador da SD Becerreá pasara este ano ao corpo técnico do primeiro equipo coa chegada de Roberto Trashorras. Agora será o primeiro técnico do Xuvenil A do cadro albivermello que vén de descender da División de Honra.



Tamén na 3ª RFEF hai movemento dun lucense. O dianteiro natural de Ribadeo, Dani Pedrosa fichou no Boiro. Pedrosa acumulaba dúas temporadas no Bergantiños tras pasar polo Racing Villalbés ou a UD Ourense. Na Terceira tamén xogará Carlos Torrado. O ex xogador do Polvorín, CD Lugo e Racing Villalbés regresa a súa casa para xogar no Arousa de Míchel Alonso. No equipo da lomba volverá compartir vestiario con Luis Castro, o ex lateral tamén do Polvorín, Racing Villalbés e que debutará co primeiro equipo do CD Lugo.

Na Preferente, salientamos unha nova continuidade no Escairón, a de Rubén Díaz. Por outra parte, o central de Lourenzá Pablo Rivas ‘Prosi’ causa baixa no Miño, conxunto onde xogou esta última temporada en Preferente. O defensa de 37 anos conta cunha longa traxectoria no fútbol mariñán e en equipos do norte da provincia da Coruña.

Na Primeira Rexional vén un amplo capítulo de continuidades. No Foz van seguir Cristian, Xenxo e Carlos Couceiro. O Meira comunicou a renovación de Marquitos e dos atacantes Farra e Seixosmil. Collendo a LU-120 temos que coller un desvío para chegar ata Castro. O club do Arturo Pereiro informou de que Muíña e Dani Montes mantéñense no equipo. Dúas novas renovacións de peso para formar un equipo competitivo logo do descenso.



No filial do Racing Villalbés, Edu Reigosa e Álex Alonso quédanse, tras rematar a súa etapa xuvenil. Ademais renova o defensa de Rioaveso Dani Yáñez que se mantén no equipo dende que se formara en 2022.

Collendo a estrada de Ferrol, pero quedándonos na provincia chegamos a Santaballa. Roberto Freire seguirá adestrando ao Santaballés. O club da Liga tamén comenzou anunciar as renovacións. Comezaron pola portería onde se mantén un dos gardamallas máis carismáticos da provincia, Daviz Comor. Ademais Ivo Lamas tamén seguirá defendendo as redes dos branquiazuis.

Xa no sur da provincia e a espera de como quedarán encadrados os grupos na nova Primeira Rexional (seis grupos en toda Galicia), temos catro renovacións na SD Chantada. O xogador All Star Manu Rodríguez continuará un ano máis guiando aos seus no medio do campo. Tamén renovan Marros, Pedro e Pablo.

Na Segunda Galicia, o recén aascendido Celta Barreiros seguirá contando con René baixo paus. O gardameta alfocense cumprirá a súa sexta temporada no club.

O Guitiriz continúa marcando as pautas do seu proxecto 24/25. Mantéñense no equipo dous xogadores que acumulan máis de vinte campañas no club. Os defensas Iván Ansede ‘Jaba’ e Diego Ferreiro. Tamén segue Javi ‘Tanketín’ que volverá ser unha das referencias do ataque. Continúa Óscar, o centrocampista completará a súa quinta tempada integramente como xogador do primeiro equipo. Tamén continuará o lateral dereito Michi por terceira campaña.

López, Andrés, Álex e Luis renovan no Paradela. Os dous últimos aínda en idade xuvenil. Raúl mantense no Incio e seguirá tendo protagonismo pola banda esquerda.

O gardameta García, Carlos e o capitán Edgar continuan no Ferreira. Pau, Martín, Álvaro e Miguel comezan a etapa sénior na SD Chantada B.

Na Terceira Galicia, o Catro Roldas anunciou a renovación de Esteban Carracedo. O lateral de Samarugo cumprirá a súa duodécima temporada na Canteira. O xogador All Star Samu Orosa tamén seguirá no equipo e será unha das súas referencias na zona de ataque.

Diario dun mercado. Episodio 419

Diario dun mercado. Episodio 420

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *