Comezamos este Diario falando de novo de Lucía Pardo. A futbolista de Outeiro, logo de desvincularse do Madrid CFF, parece que recalará na Real Sociedade, tal e como adiantou a xornalista Sandra Riquelme de Relevo.
Na Terceira RFEF, o Racing Vilalbés asinou ao atacante coruñés Gabriel Barroso, procedente do Viveiro onde coincidiu co adestrador Alberto López. É a sétima fichaxe do conxunto chairego que conta xa con catorce futbolistas de cara a vindeira temporada. Ademáis anunciou a renovación do central Cadra, que tras competir o ano pasado co filial e superar unha longa lesión buscará derribar a porta e facerse un oco no primeiro equipo. No filial, Hugo Xabier e Brais Veiga suben de xuvenís e Pedro Roca seguirá defendendo a portería.
O Lemos asinou a fichaxe de Damián Méndez. O futbolista de Fornelas deixa o Brollón, club da súa vila, logo de seis temporadas para tentar facerse un oco en Preferente. No Escairón seguirán contando cos goles de Miguel Vilachá. O dianteiro ourensán foi o segundo máximo realizador da temporada que vén de rematar. O Ribadeo confirmou a Aarón Alonso como un dos seus gardamallas. O de Rinlo xogará o seu primeiro ano sénior, aínda que xa debutou na Preferente, tras formarse na base da SD Ribadeo.
Adrián Méndez ‘Traste‘ continuará á fronte da SD Chantada. O míster da casa afrontará a súa terceira temporada no posto tras estar a piques de acadar o ascenso a Preferente. Terá ás súas ordes ao gardameta Moncho, que cumprirá a súa segunda campaña no club. O Castro segue a reforzarse con xogadores de luxo para a Primeira Galicia. O mediocentro Iván reforzará a sala de máquinas do Arturo Pereiro a onde chega procedente do Ribadeo, conxunto no que militou en dúas etapas, interrumpidas pola súa estancia no Viveiro.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Iberia segue perfilando o seu cadro de xogadores con máis renovacións. Samu e Mario Pardo, dous polivantes futbolistas, continuarán no conxunto das Valgas. O Sporting Pontenova asinou a contratación do defensor David e do extremo Jawad, ámbolos dous procedentes da Comercial, e recuperan para o fútbol a Alberte, xogador formado na base pontenovesa, que levaba un tempo alonxado dos terreos de xogo. O Muimenta fichou ao lateral Richi, xogador que adestrou cos do Pichón o último curso e anunciou a renovación de Manu e dun Jorge Gómez que seguirá percorrendo o centor do campo aos seus 47 anos. Será a súa terceira temporada no club ao que chegou do Pastoricense de veteráns.
Manu Vicente continuará aos mandos da dirección técnica do Folgueiro por terceira temporada consecutiva. Ao seu carón estará Aurelio que parece que deixará definitivamente a súa faceta de xogador. O defensor Miguel renova no Páramo, club no que cumprirá a súa quinta temporada. Hugo Fontal tamén continuará nas Rapadas por sétima campaña. O Brollón anunciou a contratación do porteiro Álex González, procedente do Ferreira. Segunda fichaxe para a portería tras a chegada de Dani Díaz. Pola contra, Bertín deixa a práctica do fútbol logo de oito temporadas no conxunto dos Medos. O Rubián anunciou a renovación de Brian. O centrocampista xogará a segunda temporada ás ordes de Senén López tras o seu paso polo Sporting Lucense.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)