#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 407

As novidades continúan nas altas e nas baixas dos equipos. O capítulo 407 deste serial trae movementos en equipos lucenses da Terceira RFEF e no resto das categorías masculinas do noso balompé sénior. A nivel competitivo esta finde rematarán os obxectivos en xogo. O CD Lugo B tentará lograr o ascenso á Segunda, o Chantada e o Escairón desputan a final da Copa de Preferente e Primeira e o Iberia e o Becerreá a final da Copa de 2ª e 3ª.

Na Terceira RFEF, a Sarriana anunciou a primeira fichaxe dun futbolista para a próxima campaña. Logo de comunicar a incorporación do adestrador Jaime Paz, o club ficha a un xogador sarriao. O atacante David Guitián xogará no club da súa vila, despois de completar a súa formación no CD Lugo. O futbolista que fará 23 anos cando comece a tempada ten experiencia na categoría co filial albivermello e tamén no Arzúa, no que militou uns meses na tempada 22/23.

Pola súa parte, o Racing Villalbés informou da non continuidade de Miguel Ángel Duque. O extremo, ex do xuvenil e do filial do CD Lugo, non puido gozar de minutos co cadro chairego. Lesionouse de gravidade no primeiro día de pretemporada o ano pasado. Son xa sete as saídas oficiais de xogadores comunicadas polo Racing: Nathan, Quico, Torrado, Ibra, Adri Carrión, Luis Castro e Duque.

Na categoría producíronse dúas novidades máis con respecto a xogadores da provincia. Todo apunta a que Luis Díaz non continuará no Somozas. O mediocentro lucense poría fin así a unha etapa de tres anos no Manolo Candocia. O xogador criado na Milagrosa e con pasado no Polvorín e na Sarriana foi unhas das pezas fixas nas últimas tempadas no club de Ferrolterra.



Xa é oficial que Santi Gegunde non segue no Arousa, equipo co que xogou a fase de ascenso á 2ª RFEF. Gegunde iniciara o curso no Racing Villalbés en 2ª RFEF, pero marchara do equipo en xaneiro.

Luchi e Donato non continuarán no Burela. Foto: SD Burela

Episodio 407 con novidades destacadas na Primeira:

Baixamos á Primeira Galicia onde hai diversas novas de alcance. Comezamos no norte. Luchi Salgueiro pon fin a un ciclo de tres anos como preparador da SD Burela. «Un adestrador que deixa unha pegada moi grande no club», con frases como esta despedírono nas redes sociais. Tampouco vai continuar no equipo Donato, que formaba parte do corpo técnico.



En Lourenzá non seguirá Roberto Ramallal. O adestrador, defensor do fútbol de canteira, finaliza a súa segunda etapa no cadro de Santa Cruz. Nas últimas tres temporadas logrou a salvación do equipo na categoría.

Indo pola Pastoriza ou por Riotorto, chegamos a Meira. O club meirego fixo oficial a saída de Ramón Labrada. O técnico tamén pon fin a tres anos no conxunto da Lomba. Nos últimos dous logrou o ascenso á 1ª e a salvación nesta división. O seu futuro podería estar máis ao norte e nunha categoría superior, o nome de Ramón Labrada soa con forza por Ribadeo.

Xa na capital, facemos parada no barrio da Residencia. O equipo que vai ser adestrado por Rafa Casanova incorpora a Manu López Barrios. O capitán despídese do San Roque logo de seis tempadas e regresa ao club onde se formou.

Finalizamos este periplo na Primeira en territorio All Star. O Ladairo non verá como local a próxima tempada a Sergio Quiñones. O atacante lucense pon fin a tres anos no Guntín.

Na Segunda Galicia, salientamos outra saída. En principio, Jaime Méndez deixará de ser o adestrador do San Ciprián. O técnico de Burela poñería deste xeito remate a unha etapa de tres anos nas que viviu un ascenso á Primeira e tamén un descenso.

O Celta Barreiros está de volta na categoría e continúa anunciando renovacións. O central Brais Nonide, o mediocentro Antón e os irmáns Javi e Miguel Andina continuarán ás ordes de Rubén Acebedo.

Na zona sur, prevese que Dani Vila sexa baixa no Brollón por motivos laborais. O gardamallas acumulaba cinco tempadas no club. Por outra banda, o filial do Lemos incorpora a David Díaz. Ademais renova a Iago Aira e a Ulises López.

Na Terceira Galicia, o Rioaveso aposta pola continuidade no seu proxecto. Logo de comunicar a renovación do adestrador Asier Lozano e dos xogadores que máis tempo levan no club, vén de anunciar que os laterais Pérez e Mini Cabado, Félix, Simo e Alexo continúan no mítico club de Paraños.

Diario dun mercado. Episodio 407

Diario dun mercado. Episodio 406

Diario dun mercado. Episodio 407

Diario dun mercado. Episodio 408

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *