Os adestradores seguen protagonizando os primeiros días do mercado. David Páez declinou a oferta de renovación do Estradense logo dunha temporada no club, na que logrou acadar a permanencia sen demasidados apuros. Un que marcha da nosa provincia e o vigués Jorge Cuesta. Logo dunha exitosa campaña na Sarriana asinou no Bergantiños, conxunto que militará na Segunda RFEF. Un dos clásicos do noso fútbol, Rafa Casanova, convertiuse en novo adestrador da Residencia. O conxunto capitalino buscará, co friolés como máximo responsable técnico, voltar a Preferente.
O Racing Vilalbés segue dando pasos no seu novo proxecto. Un dos piares será Javi Rey. O talentoso mediapunta lucense vivirá a súa cuarta temporada da segunda etapa no conxunto da Madalena. O Viveiro garantiu a continuidade de Arturo e Rolle, dous xogadores da casa con galóns de capitáns. Outro da casa que seguirá en Cantarrana é Cora, unha das revelacións da última temporada, así como o gardameta Ayoub. Pola contra, Manu Martín causa baixa no cadro celeste. O burgalense foi dos xogadores máis destacados na gran campaña dos viveirenses. O lateral sarriao Álex Vázquez non seguirá no Somozas, logo dunha temporada no Alcalde Candocia na que foi un fixo no once titular.
Na Preferente as novidades chegan desde o Lemos. Nacho causa baixa temporal no cadro da Pinguela por motivos académicos, mentres que o canteirán Luis Vila renovou o seu compromiso co conxunto monfortino e será xogador a todos os efectos do primeiro equipo, logo de xa gozar de minutos ás ordes de Juanlu Bernal na temporada que ven de rematar.