Estamos de volta cun Diario dun mercado ben cargado. Con especial protagonismo para os bancos e o gremio dos adestradores!
Comezamos pola Terceira RFEF, onde dous dos nosos representantes teñen algo que contar. O Viveiro ten novo director de orquestra. Jandri Rego, ata agora segundo de Alberto López, dá un paso adiante para comandar un novo proxecto austero en Cantarrana. O preparador de Xove asume o seu primeiro gran reto como técnico principal.
Sen movernos de categoría, o Racing Villalbés presenta unha nova baixa. Luis Castro non continúa no equipo chairego. O lateral esquerdo de Ribadumia viviu unha temporada en Vilalba tras medrar no CD Lugo na fase final da súa etapa do fútbol base.
Descendemos ata a Primeira Galicia, onde o recén chegado Oural manterá ao artífice do ascenso no banco. Negrete vivirá o décimo ano como preparador no club da súa vida. O que non estará en Primeira o vindeiro curso é o Riotorto. Un conxunto que abandona o lugués Manolo García despois de dúas campañas á fronte dos da Veiga.
Non é o de Manolo o único cambio nunha dirección técnica da Segunda. Javi Serén ‘Pájaro’ deixa de ser adestrador do Friol. O preparador da casa pon fin a unha etapa de dúas tempadas e media no primeiro equipo, ademais de axudar a levar para adiante ao filial.
Tamén hai troco noutro dos candidatos ao ascenso a Primeira. Jesús Melendo abandonará a SD Antas tras unhas últimas tempadas nas que combinou a faceta de adestrador e xogador. O gardamallas pon fin a cinco anos no sénior, pero once en total en diferentes facetas no club.
E para pechar este Diario dun mercado, un par de continuidades. O adestrador Álex Vázquez renova no Muimenta. O estratega lucense chegou ao banco do Pichón en decembro e conseguiu a salvación na Segunda Galicia. Foi a súa estrea como primeiro adestrador no fútbol sénior. Por último, o porteiro Saúl Oviedo renova no filial do Club Lemos. O arqueiro chegou a debutar co primeiro equipo monfortino ao final desta tempada.