Acumúlanse as novidades no mercado. Entrados xa no mes de xuño, os clubes comezan a debuxar os seus proxectos de cara á próxima temporada. É o caso do Racing Villalbés: á chegada do técnico Alberto López cómpre engadir as fichaxes do central Martín da Lama (Betanzos) e ao ariete Fito (Castro).
Ademais, os chairegos confirmaron a renovación de dúas pezas chave nos últimos anos: o gardamallas Álex Santomé e o central Vérez, que cumprirá a súa oitava temporada no primeiro equipo do club da súa vila. Con esta renovación, os da Magdanela xa acordaron a continuidade dos tres capitáns: López, Make e o propio Vérez, que comezará a campaña recuperándose da súa grave lesión no xeonllo. Por outra banda, outro defensor, Lizancos, da o salto desde o filial ata o primeiro equipo do CD Lugo.
Móvese o mercado nas porterías
Alén da renovación de Santomé en Vilalba, tamén continuará no Lemos o porteiro Losada. Pola contra, Carrera deixa o Ribadeo logo de cinco anos para enrolarse no Navia asturiano. Judith de Frutos fai o propio e cambia o CD Lugo polo Granada ‘B’. Xa no centro do campo, Manu Mourelos continúa no Bóveda.
Tamén renova o gardamallas do Guntín, Iker. A maiores, o cadro do Ladairo mantén a boa parte da columna estrutural: Álvaro Buján, Tomás e Pablo Dávila seguirán vestindo de laranxa.