Semana moi intensa nesta redacción. O III All Star Futbolinlugo centra case todos os nosos esforzos. Porén sempre queda algo de tempo para un Diario dun mercado.
Comezamos pola Preferente, onde o atacante Iván García segue unha campaña máis no Ribadeo. Baixamos unha categoría para coñecer unha cara nova por Xove. O defensa Unai, procedente do UD Cebarca, chega para apuntalar a liña defensiva dos de Pelayo. Así mesmo, no Municipal manteñen un ano máis ao canteirán Héctor Piñera.
A continuidade é o selo de excelencia da SD Chantada. Alí anunciaron catro de golpe: Alberto, Joserra, Povis e Fornas. Porén hai un que non seguirá no equipo no que estaba. Adrián ‘Killo’ causa baixa no Guntín. O dianteiro acabou a tempada no Ladairo despois de chegar á provincia da man da Sarriana.
Chegamos á Segunda, onde Cristof renova co Cabreiros e Oki volve ao Folgueiro despois do seu paso polo Xove Lago. No capítulo de incorporacións, salientamos dúas. O ilusionante Iberia ficha ao porteiro Alonso, procedente do Foz, para cubrir a baixa de Javi Prieto por motivos laborais. Ademais, a Comercial suma a filas ao mediocentro Varo (ex do Outeiro de Rei e Milagrosa).
Na Terceira Galicia, o Celta Barreiros conta con novo adestrador. O exporteiro do Sporting Pontenova Rubén Acebedo faise cargo dos do Cascabeiro. Posúe experiencia na base ribadense e xa sabe que poderá contar con dous dos capitáns do equipo: o meta René e o dianteiro Jhoseba.
Por último, un apunte de Terceira RFEF. O focego Xusto Pardeiro renova no Betanzos tralo ascenso colleitado neste curso. Foi un dos piares fundamentais na zaga betancega.