Non hai días de descanso no mercado. Coa vista posta xa nas pretemporadas, os clubes seguen a ultimar os seus cadros de xogadores e corpos técnicos. En Cantarrana, por exemplo, traballan para pechar o grupo de futbolistas. Tras confirmar a baixa de Álex Meitín, renovan ao canteirán Juan López e incorporan a Gabriel Barroso, ex do Laracha, tal e como anunciou La Voz de Galicia.
Na Preferente, o Club Lemos de Josito Jul prepara a nova temporada con importantes fichaxes, como Marco (chega desde o Castro) e Carrasco (Escairón), que aportarán savia nova e calidade á medular da Pinguela. Os monfortinos renovaron tamén ao gardamallas Pablo Losada, que rexeitou ofertas de Terceira RFEF para continuar na cidade do Cabe. De volta á Mariña, neste caso na Primeira, o Sporting Pontenova vén de anunciar dúas novas fichaxes: o dianteiro Samuel, que xa sabe o que é xogar en Preferente co Ribadeo, e o defensor Anxo. Será o primeiro ano como sénior de ambos tras o seu paso pola SD Ribadeo.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/07/GUNTIN-DEBASA.jpg)
Na Segunda Galicia, o Folgueiro perde a dous xogadores importantes, Mario e Pablo, mentres que o Castro ‘B’ se reforza co porteiro Chechu, que chega do Páramo. Isaac Rouco seguirá a comandar o filial do Arturo Pereiro. O Guntín renova a Adri, Debasa, Vidal, Héitor e Quiñones.
Temos que falar tamén dun novo proxecto: o Racing Villalbés sacará un filial na Terceira Galicia. Estará dirixido por un Iván Lamas que retorna á entidade. Cadra e Gabri serán dous dos estandartes deste novo conxunto, aínda que estarán en dinámica de primeiro equipo. Tres xuvenís que rematan a etapa de formación tamén seguirán no filial: Pedro Roca, Diego López e Dani Yáñez. Por último, hoxe coñecimos da man de La Voz que Carmen Carballada seguirá no Deportivo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)