Os nosos equipos apuran ata o último momento da fin de semana para pechar os seus cadros de xogadores. Hoxe mesmo chegounos a solución a un dos culebróns deste verán. Asier quedará unha temporada máis no Martínez Otero. O talentoso mediapunta fixo ouvidos sordos ao interese de conxuntos coma Viveiro ou Rácing Villalbés e manterase un ano máis no equipo do seu pobo. Reto difícil, o de ser sempre profeta na túa terra!
Na Primeira Galicia, o Chantada Atlético renovou ao seu pichichi Adri mentres que o Burela incorpora ao seu veciño Felipe Varela. Contrastado dianteiro que chega dende o Riotorto. En Castro, dúas baixas importantes: Hugo Buide e Dani Montes. Ao Arturo Pereiro chega Samu, procedente do xuvenil do Racing Villalbés. Ademais, en Monterroso teñen novo presidente: Marcos Otero, antigo xogador do clube. O posto de adestrador será para o tándem composto por Óscar Méndez e Alberto del Río ‘Chanclas’, sempre escoltados por un home de clube como Omar.
Na Segunda Galicia Borja Guerreiro renovou no Xermade. Ao igual que Diego Pellón. Dous ponteses de renome. E na Terceira, os capitáns do Celeiro quedaron renovados: Brais Maseda e Dani Díaz. Ademais Silva, Ceas, Quintela, Bruno, Pelo e Daniel Liz seguen tamén. A primeira fichaxe confirmada é a de Javi Sala. Chega dende o La Salle santiagués a un clube onde estivo as tres primeiras temporadas. No capítulo de fútbol feminino, o Carballedo segue animando o mercado. Segunda fichaxe. A centrocampista ourensá Ari cambia o fútbol sala polo artificial do Carballedo.

