Día tras día acumúlanse as novas na nosa provincia. Despedidas, benvidas, renovacións… todo iso e moito máis nesta edición do Diario dun mercado!Coma sempre, comezamos pola Terceira División. Nela, o dianteiro lugués Santi Gegunde, con pasado no CD Lugo, no Narón e no CD As Pontes, abandona a SD Compostela tras tres anos na entidade como xogador e adestrador de base.
Saltando de categoría á Preferente Norte, o Viveiro verase moi reforzado tras completar as fichaxes de Manu Cedrón (ex de, entre outros, CD Lugo) e Gerardo (quen vestiu moitos anos a camisola do Racing Villalbés e tamén a do Somozas). Na Primeira Galicia, o Xove Lago terá novo adestrador na temporada 2019/2020: Bruno Gómez, un home que xa conta con experiencia nos banquiños tras dirixir ao conxunto xuvenil do clube mariñao en pasadas campañas e axudar a Kiko Rey no primeiro equipo!
Na Segunda Galicia,o Incio reforzase coa fichaxe de Manel Piñeira, procedente dos Trasnos FV, e a renovación de Marcos Pombo por un ano máis. Asemade, xa se coñecen algunhas das pretemporadas que realizarán certos clubes. É o caso do Lemos, tanto do primeiro equipo coma do seu filial. O conxunto que militará na Preferente xogará ante o Arnoia o 31 de xullo no Luis Bodegas, na Pinguela ante o Velle o 4 de agosto, no Sangoñedo ante o Chantada o 8 de agosto, na Pinguela o 11 de agosto ante o Outeiro de Rei, na Pinguela ante a UD Ourense o 15 de agosto e, finalmente e tamén na Pinguela, o 18 de agosto frente ao Barbadás.
Pola súa banda, o filial monfortino enfrontaráse a Chantada B e Río Sil no Luis Bodegas o 17 e o 21 de agosto, respectivamente, ao Ferreira o 24 de agosto e ao Brollón o 1 de setembro nos Medos!

