Diario dun Mercado. Episodio 469
-
- 0
- 3min de lectura
Faltan unhas horas, pero o mercado xa está co lume propio das cacharelas de San Xoán con grandes movementos no fútbol lucense. A pesar de fichaxes e xogadores importantes que buscan novos retos nas súas carreiras deportivas, este é un Diario de Futbolinlugo triste debido á desaparición dun dos equipos que compuxeron durante a tempada pasada as competicións proviniciais. O único que se pode pedir e que, co tempo, poidamos volver a velo nos terreos de xogo
A primeira confirmación oficial dun equipo que desparece na nosa provincia chegou co adeus do Friol B, equipo que xa é historia do balompé lucense. Na última tempada, terminaron décimos no grupo norte da Terceira Futgal tras sumar oito puntos. A súa actividade comezou na tempada 2017/18 e o seu mellor posto foi un cuarto lugar no grupo norte da categoría que nunca abandonaron. O único que se pode esperar é que só sexa un ata logo e non un adeus definitivo.
Non todo é malo en Friol, xa que o primeiro equipo xa ten un novo adestrador. O encargado de crear o novo proxecto do clube será Brais Vázquez. O monterrosino comeza un novo ciclo na súa carreira despois dunha notable etapa no Palas na que será recordado por todos os afeccionados polo seu gran traballo na institución.
O mercado chega con moita forza á Preferente. O goleador Fito Periale non continua no Racing Vilalbés e asina no Lemos. Reforzo de luxo para os de Edu Rodríguez, que xa demostrou co Castro todo do que é capaz de cara ao gol. No filial removan Anxo, Diego López e Gabri. O gardameta Yago Miguélez, tras rematar a súa etapa xuvenil, alternará o primeiro equipo e o filial. O Pol, pola súa parte, ficha a Luis Díaz e renovan a Álex Pérez, Marquitos e Alesito.
O Ribadeo tamén solidifica o seu proxecto de cara a intentar voltar á Preferente. Mario Lorido, xogador que estará presente no All Star Futbolinlugo deste sábado na Cheda, renova no Ribadeo. Xogará no Pepe Barrera Anxo, que retorna ao club logo do seu paso polo Foz. O clube tamén ficha a Luis Pernas, formado no Viveiro e procedente do Sigüeiro, ainda que non xogou o último ano, así como a Roi Nonide, formado na base do conxunto mariñán e procedente do Celta Barreiros.
No norte o movemento está concentrado en tres equipos. O Celta Barreiros continúa moi activo na confección do seu equipo coas renovacións de Ibrahima, Ayoub e Lucas. Pola súa parte, o Foz tamén aposta pola continuidade de Hugo, un mítico do noso fútbol, e firma a Joni para o centro do campo procedente do Iberia. Nos bancos, Freire deixa o Santaballés e podería reencontrarse con Juan Rodríguez coma o seu segundo no Racing Villalbés.
Do mar cantábrico do Norte viaxamos á Ribeira Sacra, onde o Brollón mantén nas súas filas a Damián, Castañer e ao porteiro Dani. Ademais, conseguen a fichaxe de Guiti, procedente do Lemos. Por último, o Ferreira continúa a adquirir xogadores durante este mercado da canteira do Calasancio. Neste caso serán os dous laterais Juan e Amadeo.