Diario dun Mercado. Episodio 463
-
- 0
- 3min de lectura
As boas temperaturas xa comezan a ser extremas e o mercado colle unha marcha máis nesta nova edición do Diario. Os clubes xa moven a árbore para que os froitos poidan caer a cachón en forma de novos nomes para os seus planteis. A continuidade tamén é unha tónica habitual, sobre todo nos ascendidos, inda que tamén se producen marchas moi dolorosas en moitos dos proxectos do fútbol lucense.
Tras unha tempada na que foi campión de liga, o vilalbés Rares Mezdrea non continúa no Pontevedra e pecha a súa etapa coma xogador sub-23. O futbolista de orixe rumano tivo un rol secundario no equipo granate que logrou o ascenso á Primeira RFEF. Iso si, rendiu a un bo nivel como mediocentro puro cando gozou de minutos, posición non habitual para el. Agora toca ver o que lle depara o mercado a unha das perlas da provincia.
Xa na Preferente, o Lemos moveu o mercado con moitas renovacións e novas adquisicións. No conxunto monfortino continuarán Losada, Adri Díaz, Borja Castro, Luis González, Aissa e Dafonte, mantendo un gran bloque unido. As novidades chegan para darlle ao equipo un salto de calidade coa chegada de Rogerio, procedente do Barco e que xa xogou en Terceira nas filas do Ourense CF, Youness, canteirán do Calasancio, e Emmanuel e Xoel Irimia do Escairón. O Ribadeo busca regresar a esta competición na vindeira campaña con Criss coma novo capitán e manentendo a Castrín e Xairo.
O Iberia continúa enfocando o mercado pola vía da continuidade de cara a afrontar a súa tempada coma recién ascendido á Primeira Futgal. Na plantilla continuarán Borja, Samu, Iván, Barrera, Mario, Carlos, Jorge, Ángel, Yáñez e Cube, ademais do ascenso ao primeiro equipo dende a categoría xuvenil tras xa entrar en dinámica este ano de Dani Vidal. Unha nova incorporación tamén chega coma Javi, dianteiro ribadense procedente do Vegadeo.
Outro dos equipos que busca renovacións é o Xove Lago e arrinca co seu adestrador, Santi Silvar, quen cumplirá a segunda tempada no banquiño do conxunto verde. Continuará tamén o defensor guineano Pablo Ekang, ao que se sumará no cadro de xogadores Adrián Díaz, centrocampista viveirense procedente do xuvenil do Compostela. O Lourenzá tamén aposta por manter pezas coa renovación dos canteiráns Lucas e Bruno Expósito ‘Tuchiño’.
Non todo son boas noticias nos clubs da provincia, xa que no Guntín Diego Castro deixa o equipo do Ladairo tras unha gran actuación na copa e mesmo medita unha posible retirada do fútbol. Tamén houbo adeuses no fútbol feminino coa despedida de Ángeles, a ‘Killer de Visantoña’, do Chantada tras catro tempadas no clube.