O mercado de fichaxes deixa novidades cada día que pasa e, na edición número 462 do noso Diario, varios dos grandes proxectos do fútbol lucense continúan a dar pasos cara adiante na conformación dos cadros tanto de xogadores coma técnicos da vindeira campaña. Os adestradores comezan a moverse para liderar equipos e os protagonistas no céspede abren o capítulo das renovacións, dos novos fichaxes e incluso dalgunha retirada.
Os proxectos de Terceira e Preferente toman forma
Os grandes proxectos fan cada vez máis presenza no Diario de Mercado con fichaxes e renovacións. O primeiro movemento chega en Pol, onde Manolo García, tras a súa gran segunda volta, continuará no corpo técnico coma segundo adestrador, xa que será Labrada, ex do Ribadeo, quen tome o mando do proxecto. O Rácing Vilalbés tamén fixo oficial o seu novo adestrador despois da marcha de Alberto López. Juan Rodríguez, coordinador da base chairega a pasada campaña, será o novo técnico na Madalena.
O Viveiro mantén a creación do novo proxecto que comandará Luchi Salgueiro con ganas de ser profeta na súa terra ao igual que foi cando era xogador. El Progreso adiantou que o clube renova aos capitáns Arturo Calvo e Rolle e aos canteiráns Xoel, Carlos Teixeira e Álex Esquerdeiro. Esta continuidade fai que se manteña o plantexamento de que o proxecto teña un forte sentimento celeste.
O mercado na Mariña bota fume
O Iberia está destacándose coma un dos grandes axitadores do mercado de fichaxes. Na parte técnica, tanto Seijo como segundo adestrador como Diego Amoedo de preparador físico acompañarán a Moro no traballo diario. No cadro de xogadores, os capitáns Marcos Pernas, Dani Prieto e Pisco renovan e chega Fabio procedente do Vegadeo. A mala noticia para o Iberia chega coa marcha de Jony, que firma polo Foz.


Os movementos non paran no fútbol lucense, Pisto abandona o Relámpago Taboada con rumbo ao Sober para reforzar o seu centro do campo. O Santa Comba aposta pola continuidade de Yeray coma adestrador unha tempada máis despois dun curso onde estiveron na parte alta durante toda a competición. Por último, no Pastoricense chega unha noticia triste coa retirada de Diego García Teixeira, un dos ‘Xemelgos de Bretoña’.