*Sporting Pontenova-Chantada Atlético: A mellor primeira parte da temporada para os locais. Pero o seu bo facer non foron capaces de acompañalo con goles. Marcaron un, aínda que foi anulado. Os erros pagáronos caros nunha segunda metade cun Chantada Atlético con máis presenza ofensiva. Pana encetou o marcador nun lanzamento de falta directo. Anthony marcou o segundo. Máis tarde, Adri e Rios atopáronse co pau. O Chantada Atlético regresou cun aspecto negativo. Unha posible recaída de Iago. O chantadino voltou logo dunha rotura fibrilar e notou molestias. A pelexa pola salvación continúa.
*Pastoricense-Taboada: O cadro da Pastoriza volveu gañar catro xornadas despois. Houbo oportunidades para os visitantes e tamén para os locais. Ningunha entrou. O Taboada tivo máis dominio no segundo tempo. Non foi ata o final cando chegaron os goles. No minuto 90 os locais aproveitaron unha xogada con varios rexeites para marcar. Sentenciaron a contra co Taboada volcado ao ataque na búsqueda do empate. Raúl colleu un balón no medio de campo e aló foi. Sétimo gol do curso para o xogador pastoricense.
*Pol-Lemos: Os locais foron superiores na primeira metade. Xogaron as súas bazas. Colgaron balóns sobre Iván González e Carlitos e xeraron perigo. Ao inicio do segundo tempo, o Lemos quedou cun xogador menos. Sexta vez que lles pasa no que vai de temporada. A inferioridade numérica non significou a renuncia ao partido. O Lemos mellorou e marcou o gol da vitoria de penalti. O acerto non estivo do lado polense que puido merecer algo máis.
*Monterroso-Santaballés: A nivel resultado, puido ser unha das sorpresas da xornada. Saíu enchufado o Monterroso. Con presión alta sobre o rival e con vento a favor. O balón parado case que decidiu o partido. E o desacerto do equipo de Santaballa tamén. Adiantáronse os locais por medio de Cañón a saída dun córner. Pouco despois, Nico errou a porta baleira. E ao pouco, Iago Barrio marcou o segundo cun disparo dende lonxe. Antes do descanso, o Monterroso marcou o terceiro de novo tras un saque dende o recanto. No segundo acto, tentárono os visitantes de varias formas. Pero a guinda púxoa Alberto del Río. Outra vez logo dun saque de esquina, gol de tacón do central para poñer o cuarto. Dobrete ao grande para o xogador monterrosino. Sexto partido consecutivo sen coñecer a derrota para os de Cerdeiriños.


*San Ciprián-Friol: Outro partido no que influíu o vento. Os locais foron superiores no primeiro tempo. Tiveron tres ocasións ata que Borja Mella adiantou aos seus cun tiro dende a frontal. Posteriormente, ao Friol anuláronlle un gol marcado por Rafa Casanova. Na segunda cambiou o conto. O cadro friolés obrigou a que os locais desen un paso atrás. Tiveron boas opcións para marcar. O gardamallas Madariaga e outro gol anulado evitárono. Nun dos poucos achegamentos do San Ciprián no segundo acto chegou a sentencia. Antón batiu a Alberto no man a man. Despois de cinco encontros sen gañar, o triunfo mantén moi vivo ao San Ciprián na loita pola salvación.
*Páramo-Burela: O Burela púxose por diante logo de desperdiciar varias oportunidades de gol (petou co pau en dúas ocasións). Os locais viñéronse arriba e igualaron o choque case ao momento. Pouco despois fallaron un penalti que lles puido dalos tres puntos. Parouno Ramiro. Tamén antes do final o Burela tivo unha moi clara. Cos resultados da xornada, o Páramo ocupa a penúltima posición.

*Outeiro de Rei-Riotorto: Primeira metade con máis control do Outeiro pero con accións de perigo para os dous. Os locais adiántaronse ao pouco de iniciar o segundo tempo cun bo gol de Dani Renda. Marcou case dende o medio do campo. A partir de aí, maior control do cadro adestrado por Cholas. Mantéñense unha semana máis na segunda posición. O Riotorto continúa coa súa mala xeira. Trece encontros sen sumar de tres.
*Atlético Escairón-Xove Lago: Comezaron mandando os locais moi cedo. Partido intenso. O Xove tentou igualar. Carrasco respondeu ben baixo paus. O resultado definitivo foi o mesmo co que se chegou ao descanso. Antes do tempo de lecer, Rubio puxo as táboas no marcador. Pero pouco despois, Manu marcou o segundo para os seus e o segundo tamén na súa conta particular da tarde. O Escairón detivo os intentos do Xove de facer algo máis no segundo acto. Diego Chao, Juanjo Coello ou Álvaro puideron empatar. Debutaron os xuvenís David Vázquez e David Lado.
*Chantada-Residencia: encontro con alternativas. Forte calor ambiental no Sangoñedo. De graos e de tensión porque a segunda praza estaba e está en xogo. Calquera puido adiantarse. Houbo que agardar ao tempo extra para velos goles. Kadete marcou en propia porta e Artai sentenciou tras unha acción individual ao contragolpe. Paso adiante do cadro capitalino que iguala a puntos na táboa co seu rival desta xornada. Ademais con gol average a favor.

