O Corgo está de noraboa, xa que tras tres anos intentándoo sen éxito, acadaron o seu regreso á Segunda Futgal despois dunha tempada onde foron os claros dominadores do grupo sur da Terceira Futgal. Un equipo que se constrúe a través dun ataque moi produtivo e que, na parcela defensiva, ten un muro que lles fai encaixar moi pouco. Con todas as pezas, Abel Rochela puido completar o quebracabezas de forma adiantada e co título de liga baixo o brazo.
Para moitos o ascenso foi especial, pero para un xogador foi emotivo. David Cabado, capitán do Corgo, debutou este curso no encontro definitivo ante o Relámpago Taboada despois de recuperarse dunha longa lesión. O defensor pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do ascenso e o que supuxo para eles acadar o obxectivo.
Entrevista a David Cabado, capitán do Corgo
Volta da lesión: «Levaba un ano e pico sen xogar pola lesión e volver e desfrutar duns minutos na miña volta aos campos a verdad é que é unha dobre alegría. A recuperación tivo momentos mellores e peores. Tiven dúas operacións, o que dilatou o proceso».
Ascenso do Corgo: «Levamos dous anos perdendo na promoción. Tocaba resarcirse e fixemos unha tempada espectacular. Os rapaces adestraron moi ben sempre e iso facilita que se poidan acadar os obxectivos. O día ese fomos polo Corgo e por Lugo, pero quedan máis festas pendentes. Iremos un fin de semana por aí de festa».

Futuro: «Pensamos en acabar o ano primeiro. Agora vén o torneo de fin de liga, onde nos gustaría enfrontarnos ao Mondoñedo e logo xa veremos o ano que vén. Ogallá conseguir o doblete. Esa final de campións sería un encontro moi bonito e moi desputado».

